ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Litoral protexido e bosques de ribeira, hábitats...

15-04-2014

Litoral protexido e bosques de ribeira, hábitats en perigo de extinción

Logo dos danos dos temporais, as desfeitas continúan dende terra

Tanto ten que o espazo estea considerado por Europa como de necesaria conservación, por acoller a hábitats sensíbeis, fráxiles ou raros, como é o caso do litoral de Carnota: Actividades como a piscicultura industrial, ao contrario que outros usos menos agresivos, semellan ter bula sobre esta privilexiada costa.

As obras que a empresa acuícola Stolt Sea Farm está a desenvolver en Quilmas (Carnota) deixan xa milleiros de toneladas de entullo deitadas nun litoral virxe en pleno LIC Carnota-Monte Pindo, con comunidades moi fraxiles agora soterradas baixo os cascallos.

Semella que a empresa está a construir unha nova captación de auga para o proceso industrial do rodaballo, que precisa dun túnel de máis de 300 m de longo e 2,5m de diámetro baixo o subsolo mariño do espazo protexido. E non hai millor sitio para deitar os residuos que sobre a mesma praia e fóra das instalacións, naturalmente.

Até o de agora, a administración rexeitou subministrar a ADEGA información sobre esta obra: Permisos, estudo de impacto, medidas correctoras..., e tivemos que solicitar o amparo do Valedor do Pobo.

Carballeiras atlánticas e fentos protexidos: Molestias que hai que eliminar

Os escasos redutos de bosque atlántico húmido que quedan en Galiza están a sofrer as consecuencias da imparábel expansión do eucalipto e das políticas forestais produtivistas.

Os pequenos parches que aínda resisten no país, quer a Carballeira de Santa Locaia (Mazaricos) esmorecen pouco a pouco. Malia a figurar na proposta de ampliación da RN2000 que presentara o bipartito (Novo LIC Devesa de Chacín), este valioso espazo, con carballos centenarios e fieitos protexidos, está a ser talado e roturado para deixar paso... ás plantacións de eucaliptus.

Minicentrais: O pesadelo que non cesa...

O que queda do bosque de ribeira atlántico máis occidental de Europa, a Devesa de Anllares augas ariba do Ézaro no Xallas, semella ser unha "molestia" para o negocio hidroeléctrico.

Tres minicentrais que iniciaron a tramitación durante a era Fraga (Novo Castrelo, Ponte Olveira II e Fervenza II), camufladas despois como "repotenciamento" de instalacións xa esistentes, foron amnistiadas por Feijóo en 2012 estando xa caducas dende 2009.

Agora Villar Mir está a facer efectivo o seu dereito de pernada no Xallas comezando a "actualización" das turbinas da central de Ponte Olveira. Unhas obras que, na prática, supoñen a construción dunha nova central, con novas turbinas e tubaxes mentres a vella segue rendendo quilovatios "non stop".

As consecuencias: Cortas a feito do bosque de ribeira no Xallas nunha área que por escasos metros, quedou fóra da prometida ampliación da Rede Natura que o PP presentou en 2011 e agora esqueceu.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal