ADEGA

Inicio / Novas / Todas / As desfeitas dos temporais na costa, consecuencia...

07-02-2014

As desfeitas dos temporais na costa, consecuencia dun modelo territorial insensato e corrupto

Paseos marítimos destruídos, praias desaparecidas, peiraos danados... Debido só aos temporais invernais?

Esquecer o cambio climático e ignorar a suba do mar é suicida

Fenómenos meteorolóxicos extremos como a sucesión de borrascas que xa dura máis dun mes son cada vez máis habituais. E cada ano, o mar sorpréndenos batendo récords de altura de ondas e aumentando os desperfeitos nas costas. Dentro do proceso de mudanza climática que está a vivir o planeta, é de prever que estes fenómenos meteorolóxicos extremos sexan cada vez máis habituais e que a factura dos danos causados polo do cambio climático siga a engordar. Estes efeitos cada vez máis patentes notaranse con máis intensidade nas latitudes medias, especialmente nas costas.

Que se ten feito até o de agora para amortecer, xa que é imposíbel evitar, as consecuencias deste fenómeno? Simplesmente, mirar para outro lado e seguir facendo castelos de area mentres sube a maré. Como se o cambio climático non fora con eles, en Europa veñen de claudicar fronte ao lobby dos combustíbeis fóseis. No Estado, coa nova Lei de Costas poderase urbanizar a 20m do mar. E en Galiza, o Plano do Litoral (POL) na prática non protexe nada, o Plano de Acción contra o Cambio Climático foi paralisado paralisado por Feijóo e nos orzamentos de 2014, o investimento contra o cambio climático será CERO.

A erosión da costa evidencia os erros dunha política urbanística insustentábel e corrupta

A forte presión urbanística sobre a costa, con recheos, peiraos, paseos e portos deportivos feitos sen ter en conta as dinámicas litorais, está a amplificar os efeitos dos temporais provocando unha enorme erosión costeira. Non podemos deter a suba do mar, pero si prevela e anticipar as posibles consecuencias. Até o de agora, as políticas urbanísticas de construción “a toda costa” non fixeron máis que acelerar este proceso de erosión.

Que as ondas asolaguen os centros de vilas e cidades, levando por diante pairaos e paseos, debería facernos reparar no risco que supón construír "de costas" ao mar. Praias, dunas e xunqueiras litorais actúan como amortecedores dos efeitos dos temporais. Ao alterar o equilibrio de sedimentos existente nesa última liña de protección fronte ás ondas, cementando e recheando a costa e construindo infraestruturas que alteran as correntes, ten graves consecuencias. Boa mostra disto é a desaparición de numerosos areais da costa galega como o do Matadoiro na Coruña, a Madalena en Cedeira ou a Rodas nas Cíes.

O ambiente e a cidadanía pagamos as consecuencias

A reparación dos desperfeitos pagarémola os mesmos afectados por estas malas políticas urbanísticas. Os intentos por frear o deterioro do litoral son na maioría dos casos meros parcheos, solucións cada vez máis a curto prazo. Só procuran que as praias teñan boa presenza na tempada de praia a base de custosísimos aportes de area e obras superfluas que desaparecerán ao chegar o inverno. E así ano tras ano... A quen benefician estas ineficientes políticas de parcheo?

Os reiterados e inútiles recheos das praias, financiados con cartos públicos, teñen ademais consecuencias para o medio ambiente que non son valoradas debidamente. As praias, lonxe de ser linguas de area estéril, son espazos cunha elevada biodiversidade. Numerosas especies animais e vexetais, que moitas veces pasan desapercibidas, viven nas praias e nas súas proximidades. Son a base da pirámide trófica, e a súa desaparición ten efectos negativos sobre o resto de animais do ecosistema, incluídos os peixes e mariscos comerciais.

Non podemos impedir os temporais, mais si reducir os seus efectos (e custos)

Recoñecer e afrontar en serio as causas do problema (cambio climático e urbanismo desordeado) resulta chave para reducir os seus efectos. É insensato seguir planificando actuacións na costa, como se a suba do nível do mar e os fenómenos meteorolóxicos adversos non foran xa unha realidade. Seguir fomentando a ocupación do litoral e aplicar as mesmas inútiles receitas a base de carísimos recheos, resulta insensato e aponta á corrupción do actual modelo urbanístico.

Máis cedo que tarde haberá que afrontar os custos de non ter actuado antes. Suprimir infraestruturas inútiles, recuperar as dinámicas naturais e evitar seguir cementando o litoral (amáis do gasto inútil dos recheos de area) contribuiría a non seguir aumentando a fatura dos desastres. Cando menos, aforraranse millóns de € e mesmo vidas, se os responsábeis públicos deixan de comportarse como nenos que fan castelos na area mentres sube a maré.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal