ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / A FEG presenta 12 propostas para a...

05-06-2020

A FEG presenta 12 propostas para a sustentabilidade ás formacións políticas candidatas ás eleccións

ADEGA e os demais colectivos da FEG súmanse á celebración do Día do Medio Ambiente instando a facer cambios radicais desde o goberno galego.


ADEGA, xunto con outros colectivos pertencentes á Federación Ecoloxista Galega (ADENCO, APDR, CES, MEL, Néboa, Papaventos, Vaipolorío,Verdegaia, e Amigos da Terra) aproveita esta significativa data do Día Mundial do Medio Ambiente para facer chegar as  súas propostas de cambio na xestión pública cara un modelo máis ecolóxico e sustentábel ás formacións políticas candidatas ás eleccións autonómicas do vindeiro 12 de xullo, para que as incorporen no seu programa electoral e, posteriormente, na súa acción de goberno ou de oposición.  

A amplitude da crise ambiental global, significada pola xa declarada emerxencia climática e ecolóxica, o esgotamento dos recursos naturais e o incremento das desigualdades sociais son de tal magnitude que o futuro goberno de Galicia se enfronta ao enorme reto de promover unha mudanza radical nos diferentes eidos de xestión pública. Agora máis que nunca, tras a experiencia vivida pola situación de alarma sanitaria derivada da Covid-19, debemos ser conscientes e actuar en consecuencia a prol do coidado do noso entorno. A Natureza proporciónanos o medio no que vivimos e os recursos imprescindíbeis para a vida, como a auga ou o aire que respiramos. Así mesmo, existe unha relación constatada por varios estudos entre a destrución da biodiversidade e dos ecosistemas e a aparición de zoonoses e novas epidemias. Así como unha relación entre os efectos do cambio climático e a aparición ou expansión das mesmas.

O confinamento humano amosou efectos moi positivos para a biodiversidade galega e parámetros de calidade ambiental como a diminución da contaminación atmosférica. Fíxonos máis conscientes daquelas actividades e accións que contribúen a degradar o medio natural, con forte impacto para a biodiversidade e tamén para a nosa saúde, pois inevitablemente acaba repercutindo nas nosas vidas.  

A FEG súmase así ao lema da ONU para este Día do Medio Ambiente, “Hora da Natureza”, convencida de que non podemos agardar máis a mudar profundamente o noso sistema económico, o noso xeito de pensar e actuar, as nosas prioridades vitais, os nosos valores e o xeito no que nos organizamos e nos mobilizamos como sociedade. O coroavirus demostrounos que o que parecía imposible, agora é posible.

Xunto coa Emerxencia Climática, esta situación demanda un cambio de rumbo urxente. Non deberíamos deixar pasar unha nova oportunidade de construír un país moito máis respectuoso coa Natureza e á vangarda da transición ecolóxica. Non caiamos de novo na falacia de que o desenvolvemento económico se debe facer á costa da degradación ambiental. Ante a nova crise que estamos a vivir, evitemos os recortes en medio ambiente ou a flexibilización das normativas ambientais, que en pasadas crises económicas non contribuíron a resolver nada e, pola contra, instensificaron e aceleraron a degradación do noso territorio.

Por estes motivos elaboramos as “12 propostas para camiñarmos cara a sustentabilidade”, cos seguintes puntos principais que se desenvolven no documento:

1. Abandonar o carbón, reducir o consumo de enerxía e promover a socialización das renovábeis para reducir drasticamente as emisións e acadar a xustiza climática.

2. Descarbonizar o transporte: menos vías de alta capacidade, AVE, e máis tren de proximidade

3. Aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa

4. Ordenar a industria extractiva con criterios sociais e ambientais

5. Defender a soberanía alimentaria e apostar por un mundo rural e mariñeiro vivos

6. Parar a perda de diversidade natural e recuperar os nosos montes

7. Implantar unha nova cultura da auga

8. Abandonar o modelo baseado na incineración e o vertedoiro, pechar a incineradora de SOGAMA, promover a redución, a reutilización e a compostaxe dos residuos urbanos

9. Avanzar na democracia participativa real e no papel da Educación Ambiental na transformación da sociedade

10. Impulsar unha contratación pública e unha reforma fiscal verde

11. Traballar na liña do ecofeminismo e coidados básicos para a vida, facilitar novos esquemas de xénero ao respecto

12. Fortalecer a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentábel e promover a coherencia de Políticas para o desenvolvemento.

Na man de todas e todos está o reto de favorecer unha relación de respecto e complicidade co medio que nos rodea.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal