ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A caza aproveita o confinamento para crear...

27-04-2020

A caza aproveita o confinamento para crear sensacionalismo sobre unha suposta invasión de fauna salvaxe

ADEGA oponse á decisión da Xunta de manter a actividade cinexética durante o estado de alarma.


Nun país con 30.200 núcleos de poboación, con 17.643 km de estradas e 2, 9 millóns de hectáreas de superficie, das que 2 millóns son superficie forestal de monte, o normal é convivir e cruzarnos con todo tipo de vida salvaxe. Por fortuna, non vivimos nun entorno ambiental “esterilizado” e libre de animais, contando Galiza cunha rica biodiversidade de fauna e flora, que deberíamos valorar como un ben de extraordinario valor e de extraordinaria riqueza. Porén, estamos a maltratar esa riqueza, que se atopa moi degradada nas últimas décadas por un acelerado deterioro e fragmentación dos seus espazos naturais e forestais.

Algúns colectivos, como o de cazadores, sosteñen que a fauna salvaxe está a sufrir unha expansión descontrolada nas súas poboacións, xustificando tal teoría nos avistamentos que se teñen captado ou filmado en zonas urbanas durante o confinamento humano polo Covid-19. Mais, ADEGA advirte que estes avistamentos son anecdóticos e que sempre existiron. Durante o confinamento non houbo unha explosión de fauna, nin de invasión desta en zonas poboadas, nin un comportamento anómalo dos animais. Débese dicir con rotundidade que non acontece nada fóra do normal coa fauna salvaxe. Así pois, os casos de gravacións (de lobos, corzos, xabarís, raposos, serpes...) en zonas urbanas son puntuais, moitos deles de animais desorientados ou que se desprazan esporadicamente preto das aldeas. É unha irresponsabilidade concluír por estes feitos puntuais que exista unha situación especial de cambios de comportamento na fauna derivados do confinamento. Lembramos ademais que as  actividades agrícolas e forestais non se suspenderon, e que aínda que puidesen baixar en intensidade continuaron interactuando coa fauna neses ambientes. A única diferenza radicaría na diminución de tráfico nas estradas.

O excepcional neste período é o noso cambio de hábitos. Somos nós, as persoas, as que “freamos” a nosa forma de vida “acelerada” sen tempo para pararnos a apreciar a natureza. A sorpresa coa que reaccionamos ante o avistamento dun animal salvaxe é produto do desapego que estamos a experimentar coa natureza, “desaprendendo”  a comprendela, sentila, e o máis preocupante, a apreciala. Pola contra, vemos con preocupación que se intente instaurar na sociedade un incomprensible odio cara á determinada fauna que xoga un papel ecolóxico chave para manter unha biodiversidade e uns ecosistemas sans, propiciadores de protección fronte a diversos axentes patóxenos e de servizos dos que nos beneficiamos todas e todos. 

Desde ADEGA facemos un chamamento á sociedade en xeral para que analice con espírito crítico todos aqueles vídeos que chegan polas redes sociais e que viralizan sucesos puntuais que desvirtúan completamente a realidade do que acontece coa nosa natureza, alén de que moitos deses vídeos son falsos ou captados en lugares ou momentos diferentes aos que se indica. Foi o caso, entre moitos outros, do vídeo dos 7 lobos gravados no centro de fauna de Abruzzos (Italia) e que os fixeron pasar por lobos nas terras de Chandrexa, na Terra Cha, no Bierzo, no Barbanza... Ou o vídeo dunhas cabras montesas saltando terrazas na localidade de Archidona (Málaga), supostamente captado nestes días de corentena, cando en realidade, o filme foi gravado o ano pasado.

Autorizar a caza durante o Estado de alarma é un disparate

Desde ADEGA criticamos tamén a decisión da Xunta e do goberno central de autorizar a continuidade da actividade cinexética para control de danos en período de corentena. Non existen motivos para considerar a caza como unha actividade esencial, nun momento ademais no que se deben primar medidas que eviten focos de contaxio innecesarios.

Fronte ao perigoso discurso do medo que están a difundir as Administracións ao par do sector cinexético, a poboación do xabaril non está descontrolada, senón que carece de xestión, pois a súa  situación segue sendo igual que nos últimos meses e anos. De non propiciar outras fórmulas de xestión da especie, amparadas en criterios científicos e rigorosos, establecidos nun Plan galego de xestión do xabaril completo e detallado, a caza por si soa non vai mitigar, nin agora nin nunca, os danos nas colleitas ou os accidentes de tráfico. Aínda máis, habería que analizar como a actividade cinexética contribúe a aumentar o número de accidentes nas estradas.

A situación co COVID-19 é extremadamente excepcional, grave e sen precedentes, polo que require un importante esforzo da sociedade para poder afrontar as consecuencias, que durarán anos. Neste contexto é inexplicable que se poida cazar, sen tan sequera contar cunha proxección certa e rigorosa da valoración de danos en cultivos, nos que soster o mantemento de batidas ou agardas. Ademais, os danos que haxa provocados polo xabaril serán sumamente insignificantes en comparación co impacto económico da brusca parada de toda actividade non esencial.

Tampouco concorren as circunstancias de seguridade, nin de vixilancia e control necesarias por parte da Administración, para velar polo correcto desenvolvemento da actividade cinexética. As batidas precisan dunha concentración mínima de persoas, e as agardas teñen que estar controladas. Nestes momentos, todos os recursos da Administración deberan estar postos ao servizo da crise da pandemia. 

A caza, aínda que sexa por danos, ben pode agardar como o resto de actividades, podendo as administracións, en todo caso, reforzar os mecanismos de compensación para os damnificados/as. Alén disto, tampouco está demostrado que a caza supoña unha mellora ou mitigación fronte os danos a cultivos ou accidentes e, moito menos, que contribúa a manter a biodiversidade, tal e como afirma o sector cinexético. Desmentimos, por tanto, que a caza (e a pesca) axuden a controlar ou manter a biodiversidade. A biodiversidade protéxese e consérvase mediante a xestión abalada pola ciencia, e as administracións deberían ter isto máis en conta, en troques de atender ás presións do lobby cinexético que está intentando xustificar a súa suposta esencialidade a través dun relato falso e de odio contra certas especies da fauna salvaxe.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal