ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Día da Loita Labrega 2020: Agroecoloxía en tempos...

17-04-2020

Día da Loita Labrega 2020: Agroecoloxía en tempos de Crise

Artigo de Lucía Ferreira, vogal de agroecoloxía de ADEGA


Neste Día Internacional da Loita Campesiña e á altura do ano 2020, o obxectivo desta celebración cobra máis sentido que nunca. Sendo unha persoa concienciada na ecoloxía e a miña profesión vencellada ao campo e ao cultivo agroecolóxico, dende hai anos que procuro abastecerme de alimentos ecolóxicos de proximidade en pequenas tendas, grupos de consumo, cooperativas e asociacións de labregos, pero durante o confinamento tiven que trocar hábitos de consumo. Coma min, a maioría da poboación urbana e rural foi obrigada a realizar a merca de alimentos frescos en supermercados e hipermercados preto das nosas casas. Polo principio de precaución cumprimos coas medidas, vendo como a calidade de produtos perecedoiros diminuía, minguando día a día a diversidade nos estantes.

Abraiadas vemos coma se penaliza o desprazamento a unha horta para cultivala para autoconsumo a máis de 500 m da vivenda, limitando a posibilidade de autoabastecemento e autoxestión, pilares da seguridade alimentar (1) e da economía galega rural e urbana (hortas colectivas municipais).

Noutro extremo da cadea alimentar, ao comezo, están as labregas e labregos. As medidas derivadas do estado de alarma que levaron ao peche a restaurantes, comedores públicos e á cancelación das actividades de venda en mercados de carácter non permanente, puxeron en xaque os ingresos das persoas que traballan no sector agro-gandeiro e, particularmente, ás que comercializan directamente alimentos de primeira necesidade.

Aos poucos, as alternativas ás grandes superficies fóronse definindo e grupos de labregos de proximidade artellaron sistemas de distribución aos domicilios. Con recursos propios e mediante o boca a boca intentan chegar á cidadanía que, en xeral, descoñece como adquirir alimentos por este método de venda directa (2).

A Xunta, como solución de última hora (DOGA de 14 de Abril 2020), abriu outra canle alternativa de comercialización, exercendo esta coma intermediaria, entre os produtores (que teñen que xustificar unha redución do 50% das vendas) e ás grandes superficies. A norma prevé desenvolver unha campaña publicitaria e promover o consumo de alimentos de agricultores e gandeiros galegos, e crear unha marca distintiva para a ocasión: “Mercaproximidade”, amáis, de informar na web da Consellería do Medio Rural sobre as entidades que oferten estes produtos nos seus lineais.

ADEGA anima a procurar produto fresco e agroecolóxico

Dende o “Ecoloxismo da Terra”, en ADEGA cremos que a reapertura de mercados locais (como xa acontece noutras comunidades Euskadi) é necesaria para restaurar a economía labrega e garantir o abastecemento da cidadanía de alimentos frescos e de calidade. Que o mantemento das medidas restritivas non está xustificado por motivos de inocuidade alimentaria (3). De feito, os mercados de proximidade desenvólvense con menos aglomeracións, case sempre en espazos abertos e teñen unha trazabilidade máis simple, reducen os puntos de risco de contaxio a un só (unha soa ligazón na cadea: da man do labrego/a á man do consumidor/a).

Amáis, todas as persoas labregas que están de alta no SEVEDI (4) teñen que cumprir as boas prácticas en Hixiene e Manipulación de Alimentos e tamén o compromiso, como o resto da poboación, para levar a cabo as medidas excepcionais en materia de hixiene que as autoridades competentes consideren (EPIs e distancias de seguridade).

E por que non realizar una campaña através dos medios de comunicación onde se promova o consumo de alimentos frescos galegos de proximidade, e informar a poboación como e onde conseguilos através das canles xa consolidadas de venda directa?

A maioría das persoas labregas que practican a agroecoloxía na Galiza teñen pequenas ou medianas producións e fan a distribución e comercialización através de postos fixos en Prazas de Abastos, pequenas tendas de alimentación ecolóxica ou de alimentos locais e/ou directamente ao consumidor mediante pedidos de cestas que se reparten a domicilio. Estes sistemas permiten obter prezos xustos para o labrego, evitando intermediarios innecesarios e os abusos das grandes superficies, que marcan os prezos con marxes de beneficio moi elevadas e só mercan grandes partidas de produtos con condición moitas veces excesivamente restritivas.

Só desta maneira, garantiríase a regularidade no abastecemento, a frescura e a calidade do produto pola proximidade das hortas aos puntos de venda, reducindo os custes ambientais no transporte e xerando una economía circular resiliente.

Dende ADEGA animámoste a que procures información: moitas labregas da túa contorna están a buscar solucións para a crise e precisan da complicidade e colaboración de persoas que demandamos outro xeito de alimentarnos e de relacionarnos coa contorna, contacta con eles para averiguar que sistema de pedidos e de reparto manteñen.




NOTAS:
 
(1) Seguridade Alimentar: (OMS)Dispoñibilidade de alimentos sostida, segura e abondosa á poboación que satisfaga as súas necesidades nutricionais e permita una vida saudábel e activa. 
(2)Venda Directa: Sen intermediarios, directamente ao consumidor final ou a pequenas tendas. 
(
3)Inocuidade Alimentar: Salubridade dun alimento, cualidade microbiolóxica. 
(4)SEVEDI (Sección de Venda Directa do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galiza): base de datos da Consellería do Medio Rural de explotacións labregas que comercializan o seu produto deste xeito.

AFILA A PUNTERÍA. Procura alimento labrego de proximidade e agroecolóxico. Na venda directa de alimentos de proximidade agroecolóxicos a cadea alimentar é moi simple: da horta á mesa cun só elo de risco, o intercambio entre o labrego/a- e o consumidor/a

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal