ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA ofrece Eco-ideas para pasar a corentena e...

27-03-2020

ADEGA ofrece Eco-ideas para pasar a corentena e recursos didácticos para docentes, nais e pais

#EuFicoNaCasaConADEGA


Esta situación extraordinaria que estamos a vivir por mor da crise do Covid-19, e que nos obriga temporalmente ao confinamento, pode ser unha magnífica oportunidade para facer introspección e reflexionar sobre como nos estamos a comportar co medio ambiente e co patrimonio colectivo, e como podemos contribuír, sobre todo desde o plano individual, a combater dentro da nosa comunidade outra grande crise á que nos enfrontamos: a crise climática ou ecolóxica global. Por iso, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, lanzaremos nos vindeiros días varias propostas de actividades ou ECO-Ideas que se poden desenvolver desde os nosos fogares e que contribúen a minguar o noso impacto ambiental no local e no global. Así pois, pretendemos tamén promover que a sociedade en xeral reflexione sobre os actuais acontecementos e como esta crise sanitaria é un reflexo da crise ambiental e social existente. Ofrecer puntos de vista contrastados sobre diferentes temáticas ambientais interesantes.

As propostas sosteranse en diversos formatos (vídeo, documentos, imaxes, etc.) e tratarán diversas temáticas nas que ADEGA está a traballar. Poderán ser obradoiros para a elaboración natural ou ecolóxica de produtos de limpeza, hixiene ou cosmética, consellos sobre como xestionar os nosos residuos na casa, ou información relacionada cun consumo responsábel. Estas Eco-ideas serán compartidas a través da web e das redes sociais de ADEGA, e todas elas levarán o hagstag #EuFicoNaCasaConADEGA.

Recursos didácticos para a formación ambiental na corentena

Por outra banda, conscientes de que nestes días o desenvolvemento da actividade docente e educativa se complica e de que son necesarios recursos didácticos adaptados a unha inusual situación de confinamento, ADEGA porá a disposición da comunidade educativa unha selección de materiais ou recursos didácticos elaborados pola organización ecoloxista que poderían ser de utilidade, tanto para os docentes como para o alumnado, para abordar a formación en cuestión medioambientais desde o fogar, durante o período de corentena. Deste xeito, queremos tamén amosar o noso apoio á comunidade educativa e facilitar a enorme tarefa que supón a formación online do estudantado. 

Alén de poder achegar ao alumnado as eco-ideas de ADEGA como recurso educativo, tamén se porá a disposición dos docentes que así o desexen unha listaxe de materiais relacionados con iniciativas de conservación, custodia do territorio, ou con temáticas como a contaminación, o aforro e a eficiencia enerxética, a xestión adecuada dos residuos domésticos, ou a observación e o estudo da biodiversidade. Todos estes materiais están vinculados aos diferentes proxectos que ADEGA desenvolve como Proxecto Ríos, Compostaxe caseira e comunitaria, Proxecto Cerna, Charcas con Vida, Lixo Mariño, Living River ou Especies exóticas invasoras.

Os materiais poderán ser descargados en distintos formatos: fichas de actividades, fichas de identificación, manuais e protocolos, póster, vídeo, publicacións, enquisa, website, relatorios ou exposicións.

Estes recursos, tamén se poñen á disposición das nais e pais e as súas crianzas para poder pasar mellor este tempo de illamento e desenvolver, de paso, unha conciencia ambiental tan necesaria nestes tempos incertos.

Subscríbete para recibir os recursos didácticos e as Eco-ideas de ADEGA

Se es profesor/a, nai ou pai e queres acceder aos recursos didácticos sobre medio ambiente e educación ambiental de ADEGA, pódeste subscribir ao envío de material a través deste formulario: http://bit.ly/2yeYk0k

Tamén podes consultarnos a través do email adega@adega.gal

#EuFicoNaCasaConADEGA

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal