ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Fitos de ADEGA en 2019. Únete a nós!

03-01-2020

Fitos de ADEGA en 2019. Únete a nós!

O 2019 foi un ano da conclusión exitosa dalgunhas das accións iniciadas por ADEGA, en solitario ou en colectivo, no ámbito xudicial e administrativo, como a declaración de Cova Eirós como BIC. Pero tamén destaca a paralización das obras do Parque Eólico Serra do Iribio, no espazo natural protexido como Rede Natura Ancares-Courel, a súa participación activa no Movemento Galego polo Clima, a campaña na defensa dun monte galego con futuro, ou o espallamento da compostaxe como forma máis ecolóxica e racional de xestionar os residuos orgánicos.  Durante o pasado ano, ADEGA seguiu sendo a entidade ecoloxista de referencia en Educación e voluntariado ambiental de Galiza, acadando a participación de máis de 2.500 persoas voluntarias nas súas actividades de custodia do territorio en hábitats fluviais, litorais e de monte.

Neste comezo de ano 2020, queremos agradecer profundamente a todas aquelas persoas que contribuídes á defensa ecolóxica de Galiza e que fixéstedes posible que ADEGA acadase os seguintes fitos durante o ano 2019!

Únete a ADEGA e fai que o imposible se faga realidade! Se xa es socio ou socia de ADEGA, agasalla Ecoloxismo e afilia ao teu ser querido na seguinte ligazón: http://adega.gal/info.php?sec=89&idioma=gl

1. Paralización das obras do Parque Eólico Serra do Iribio no Courel

ADEGA conseguiu, xunto con outros colectivos da plataforma “Salvemos O Iribio”, frear as obras irregulares do Parque Eólico Serra do Iribio, promovidas por Fergo Galicia Vento SL coa conivencia da Xunta, no espazo de Rede Natura Ancares-Courel. As denuncias de ADEGA e de Salvemos O Iribio conseguiron que o TSXG decretase a suspensión do Acordo do Consello da Xunta polo que se aprobou o proxecto eólico definitivo e, con el, todas as resolucións administrativas vinculadas. Este feito supón un fito para o ecoloxismo galego na defensa dos nosos espazos naturais. Actualmente, ADEGA (coa SGO e a Fundación Oso Pardo) ten presentados dous recursos contenciosos-administrativos ante o TSXG contra este proxecto eólico e a súa modificación, ademais de ter tramitado durante 2019 varias ducias de denuncias e alegacións contra as obras de execución do parque, dos viais de acceso e do proxecto da Liña de Alta Tensión. ADEGA foi tamén unha das principais promotoras da plataforma Salvemos O Iribio, que aglutina máis dunha vintena de entidades sociais, ecoloxistas, veciñais e políticas, que traballan conxuntamente pola preservación desta excepcional Serra do Iribio.

2. Nova batalla xudicial gañada contra Reganosa

Un novo fallo do Tribunal Supremo deu a razón á plataforma de veciños e veciñas O Cruceiro de Mehá, e por extensión do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, do que fai parte ADEGA. Este novo fallo dá resposta ao recurso presentado contra a Resolución do Consello de Ministros do 29 de Maio de 2016 polo que o goberno en funcións de Mariano Rajoy acordou eximir a planta de gas de Reganosa da tramitación de avaliación ambiental. Dita sentenza anula esa resolución pola que se permitía á planta seguir funcionando sen un estudo de impacto ambiental, alegando un carácter de urxencia que o Alto Tribunal non observou. Esta sentenza vén a ratificar a ilegalidade da planta de Reganosa. ADEGA pediu en 2019 e seguirá pedindo en 2020 a paralización inmediata da actividade da planta por incumprir, con esta,  5 sentenzas firmes do Tribunal Supremo, que anulan todas as autorizacións administrativas outorgadas a Reganosa polo PP da Xunta.

3. ADEGA leva aos tribunais a dous ex altos cargos da Xunta

Oito anos despois de que ADEGA presentara denuncia penal ante Fiscalía contra varios cargos da Xunta por permitir o dragado da ría de Ferrol cunha fraudulenta avaliación ambiental nun espazo de Rede Natura, en 2019 desenvolveuse o xuízo oral. Despois dun longo período de instrución, foron xulgados Carlos Muñoz, ex-xefe de servizo de Conservación da Natureza da Coruña, e Roxelio Fernández, ex-subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade da Xunta de Galiza. Á agarda de sentenza por presunta falsificacion documental, ambos enfróntanse a unha posible condena de 6 anos de prisión e de inhabilitación, a petición da Fiscalía e de ADEGA como acusación particular.   Tamén en 2019, ADEGA recorreu a sentenza absolutoria do TSXG que exime de culpa ao ex-alcalde de Barreiros, Alfonso Puente, a ex arquitecta municipal e a varios concelleiros do seu goberno por presunta prevaricación na concesión de 45 licenzas urbanísticas para 3.000 vivendas durante o ano 2006.   Así mesmo, durante 2019, ADEGA presentou 3 denuncias na Fiscalía contra varios cargos da Xunta e das empresas presuntamente executoras de danos contra o patrimonio cultural por labores forestais, polos vertidos e a contaminación procedente da mina de Touro ou polas obras irregulares do PE Serra do Iribio.

4. Cova Eirós, por fin, declarada BIC

En abril de 2019 culminaba a ampla traxectoria de ADEGA na defensa do xacemento do Paleolítico máis importante de Galiza, a Cova Eirós (Triacastela). Ese ano, a Xunta de Galiza declaraba oficialnente a Cova Eirós como Ben de Interese Cultural (BIC), logo de máis de 12 anos de reivindicacións por parte de ADEGA. Grazas á presión exercida por ADEGA e o recurso xudicial presentado contra a Xunta por non ter protexido adecuadamente o xacemento, agora a Cova Eirós xa conta co maior rango de protección cultural. Aínda así, en 2020 ADEGA seguirá pulando por que a Xunta mellore as garantías de protección deste xacemento e impida a continuidade da actividade extractiva da canteira de Cementos Cosmos a carón da Cova.

5. Marcha social “Por un monte galego con futuro”

ADEGA foi unha das principais promotoras da campaña “Por un monte galego con futuro” que se iniciou en 2019 para demandar á Xunta unhas 50 medidas de cambio cara a un novo modelo de monte que se afaste do monocultivo do eucalipto e se adapte ás condicións da actual emerxencia climática, complete o ciclo produtivo, evite a proliferación dos lumes forestais e garanta a súa sostibilidade para o futuro. Xunto con outras organizacións sociais de ampla representación en Galiza como CIG, Fruga, SLG, ORGACCMM, APDR, Amigos da Terra, Verdegaia e outras 15 organizacións de carácter local, ADEGA convocou unha gran marcha “Por un monte galego con futuro” o  pasado 20 de outubro en Santiago de Compostela, na que se reuniron milleiros de persoas.

6. Eliminación duns 7500 eucaliptos e acacias do monte galego

ADEGA promoveu a través da plataforma Cousa de Raíces a I e a II Deseucaliptización simultánea de Galiza durante o ano 2019. Na primeira edición participaron un total de 360 persoas, 20 colectivos e realizáronse 11 actuacións entre os días 21 e 23 de marzo que acadaron a eliminación dun total de 206.000 pés de eucaliptos e acacias en preto de 15 Ha de monte. Na segunda edición, celebrada no mes de xuño, coincidindo coa Semana do Medio Ambiente, participaron unhas 400 persoas, 25 entidades e elimináronse preto de 82.000 exemplares de acacias e eucaliptos en 15 montes galegos, nunha superficie aproximada de 10 Ha. ADEGA coordinou ambas actividades e dirixiu de forma directa 6 das actuacións deseucaliptizadoras, nas que acadou a participación de 137 voluntarios e voluntarias, a eliminación de 7535 eucaliptos e acacias en 4,5 Ha de superficie de monte.

7. Repoboación de 2.000 árbores autóctonas e 5.000 landras no Couto da Eirexiña

Ademais de dar continuidade a proxectos de custodia do territorio  xa consolidados como Proxecto Ríos, o Campo do Tea,  Eira da Xoana ou Monte da Fraga, neste ano 2019 estreamos un novo proxecto de custodia territorial: o Couto da Eirexiña. Esta iniciativa foi promovida pola delegación de ADEGA en Vigo e a comunidade de montes veciñais de Rebordelo en Cerdedo-Cotobade, que xa realizaron un total 10 actividades de educación e de voluntariado ambiental nas que participaron máis de 200 voluntarias. A través destas actividades elimináronse 11 ha de especies exóticas invasoras e se repoboáronse outras 8 Ha con 2.000 árbores de especies autóctonas e 5.000 landras. O obxectivo deste proxecto é a  conservación do bosque autóctono e a biodiversidade.

8. Protección da Fraga de Menáncaro (Ferrol)

En abril 2019, unha empresa madereira quixo talar a Fraga de Menáncaro, sobre a que se pretendía construír 69 chalés e un hotel de luxo, que o TSXG freou en 2011 tras a denuncia de ADEGA, da veciñanza e doutros colectivos (Verdegaia, SGHN, Greenpeace, Comunidade Menáncaro, EU, Colectivo Artabra 21, Xoaniña...).  Ante a nova tentativa, ADEGA, xunto coas demais entidades, volveu denunciar, conseguindo que se paralizase a tala e que o Concello de Ferrol iniciase os trámites para protexer oficialmente a Fraga de Menáncaro. A Fraga de Menáncaro é unha das poucas manchas de bosque autóctono que se conserva no concello, xunto coa Fraga de Monte Fontelo (A Graña), Fraga da Pega e da Casa do Monte (Leixa) e o Acibreiral das Forxas (Covas), espazos naturais pendentes de declarar como Espazos Naturais de interese local (ENIL).

9. Máis de 2500 persoas nas accións de voluntariado de ADEGA

Durante 2019, ADEGA desenvolveu diferentes actuacións de voluntariado ambiental para a eliminación de flora exótica invasora nas contornas de Baldaio, Muros, Sálvora, Monte da Fraga, etc. Así mesmo, celebráronse novas edicións de iniciativas de voluntariado de ámbito galego de grande impacto, como son a Limpeza simultánea de ríos e a de praias. En 2019, na primeira participaron1.158 persoas de 72 entidades de 52 concellos de toda Galiza, e retiráronse máis de 14 toneladas de residuos dos cursos fluviais. A este volume sumouse outra tonelada de lixo recollida na VIII Limpeza simultánea de praias, na que participaron máis de 800 persoas en 24 praias galegas. Ademais, outros 500 voluntarios e voluntarias sumáronse ás diversas actividades de custodia realizadas por ADEGA no Monte da Fraga (A Coruña), en colaboración coa Oficina de Medio Ambiente da UDC, na Eira da Xoana, no Campo do Tea ou no Couto da Eirexiña, en Cotobade-Redondela.

10. Participación activa no Movemento Galego polo Clima

En 2019, ADEGA traballou activamente fronte a emerxencia climática, ecolóxica e social. Mobilizándose polo clima, en coordinación con outros colectivos que integran o Movemento Galego polo Clima, plataforma integrada por máis de 80 entidades e organizacións galegas. Así, ADEGA participou e colaborou na organización da Folga Mundial polo clima do pasado 27 de setembro así como na programación e coordinación de moitas das actividades realizadas na Semana polo Clima previa á Folga. Tamén contribuímos ao envío de dous autobuses desde Galiza para a gran marcha polo clima do pasado 6 de decembro, na que tamén participamos, e que deu inicio ao Cumio Social polo Clima en Madrid. Ao tempo, tamén está a pular polo peche da central térmica de Endesa en As Pontes xunto con outros colectivos desde a plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón.

11. Uns 1000 composteiros instalados e nova aplicación para compostaxe

Durante 2019, ADEGA participou activamente no proxecto “Revitaliza” da Deputación de Pontevedra, que trata de implantar a compostaxe na xestión da materia orgánica da provincia. ADEGA instalou durante este ano uns 800 composteiros no Concello de As Neves, e outros 200 noutros concellos. Ademais impartiu unhas 30 charlas formativas sobre tratamento de residuos e compostaxe. Tamén en 2019, xunto co concello de Santiago de Compostela, ADEGA colaborou na creación dunha nova apliación informática para a recollida de datos de seguimento dos composteiros instalados. A nova app permitiranos rexistrar dun modo máis eficaz e eficiente os datos que procedan do programa de compostaxe caseira que se está a desenvolver na área periurbana compostelá, onde están inscritas 131 vivendas. En 2019 cumpríronse 10 anos desde que ADEGA lanzou a súa primeira campaña de compostaxe caseira e comunitaria, convertíndos na entidade ecoloxista de referencia en Galiza en programas educativos sobre compostaxe. Na última década, repartiu máis de 5.000 composteiros por toda Galiza.

12. Primeira experiencia en agrocompostaxe e compostaxe de hostalaría

A finais de xaneiro de 2019 deu comezo a primeira experiencia de ADEGA en agrocompostaxe, en colaboración coa asociación de persoas en risco de exclusión social Ecos do Sur, coa asociación Renacer, e coa Universidade da Coruña. O obxectivo é avanzar cara a economía circular, a sustentabilidade e fomento de emprego a través da  reciclaxe de residuos. Neste caso, ADEGA forneceu de formación ás persoas de Ecos do Sur que traballan no mantemento e operación dos composteiros da UDC instalados para a recollida dos residuos orgánicos dos comedores dos seus sete centros. A idea de futuro é facer unha pequena planta de compostaxe, onde entren residuos orgánicos de grandes produtores e se obteña un abono orgánico de calidade, permitido en agricultura ecolóxica, para poñer á venda. De momento, estase a beneficiar deste abono a horta ecolóxica do Colectivo Renacer, que vende parte da colleira ao comedor de Inditex, polo que, pensando en pechar o ciclo da materia orgánica, tamén se acordou con Inditex compostar nesta parcela os residuos orgánicos do seu comedor. Cada semana, conséguense compostar tres contedores de 75L de residuos orgánicos. Tamén en agosto de 2019, se puxo en marcha un proxecto de compostaxe no complexo hostaleiro “Cabanias del Bosque” co que se pretende concienciar ao turista da xestión racional dos residuos orgánicos. Alí instaláronse 3 áreas de compostaxe.

13. Máis de 80 obradoiros, 40 saídas formativas, 12 charlas, 16 roteiros, 4 encontros e 2 cursos

A través do programa “O lixo desde o teu concello” e o programa xeral de Educación Ambiental de ADEGA realizáronse durante 2019 un total de 80 obradoiros sobre residuos (compostaxe, reciclaxe...), aforro enerxético, aproveitamento sostíbel da auga, coidado da biodiversidade, etc., en diferentes concellos, centros de ensino, ou entidades de todo o país. Así mesmo, realizáronse 40 visitas formativas de proxecto Ríos, 6 charlas sobre o lobo en centros de ensino, 6 charlas sobre diversos temas ambientais, 8 roteiros pola natureza con ADEGA-Lugo, 8 andainas de custodia do río Miño con “Lugo de Cara ao Miño” e 3 encontros: o XV Encontro do Voluntariado de Proxecto Ríos, as dúas sesións de Debate Público sobre o traslado da Estación de Buses de Lugo, o VII Encontro Solar na UDC e, no marco da colaboración coa Oficina de Medio Ambiente da UDC, unhas interesantes xornadas sobre Custodia do territorio en ámbitos urbanos. Así mesmo, ADEGA impartiu 2 cursos durante 2019: un de educación ambiental e compostaxe en Pontevedra e outro sobre custodia fluvial na Estacións de Hidrobioloxía do Encoro do Con, en Vilagarcía de Arousa. En total, unhas 1800 persoas, entre cativas e adultas, participaron nestas actividades.

14. Salto aos proxectos europeos de Investigación e Educación Ambiental

Neste 2019, ADEGA deu o salto á colaboración e participación en proxectos internacionais e europeos de educación e formación ambiental. A través do programa Erasmus + Living River, ADEGA colabora con entidades de Portugal, Rumanía e Turquía na concienciación social sobre a importancia dos ríos e regatos, achegando a estes países a nosa experiencia na conservación dos ecosistemas fluviais e intercambiando ideas e accións. ADEGA tamén participa como socia colaboradora en varios proxectos de investigación apoiados pola UE como o Interreg DiaDES, para o estudo dos servizos ecosistémicos e o cambio climático nos peixes migradores, ou no Life Invasaqua, que estuda o impactos das especies exóticas invasoras nos ríos.

15. ADEGA-Compostela reactívase

A delegación de ADEGA-Compostela tiña como reto para este 2019 retomar a actividade propia e constituír unha nova directiva. Tras unha asemblea aberta a mediados de outubro, con moi boa asistencia, decidiuse iniciar o proceso coa proposta dunha nova directiva, que foi aprobada en novembro. Os eidos de traballo nos que se comezou a traballar abranguen o diálogo e traballo conxunto con plataformas de defensa ambiental a nivel comarcal, campañas en redes e a presenza con cortexo propio a diversas mobilizacións na comarca. Neste breve período de tempo xa denunciou o baleirado irregular da lagoa de Casalonga ou presentou achegas no concello no proceso da nova licitación para a xestión dos residuos municipais. A nova Delegación encara o 2020 con novas ideas para seguir mellorando!

16. Máis de 100 denuncias, requirimentos e alegacións

ADEGA tramitou en 2019 máis dun cento de denuncias e solicitudes de información relativas a distintos tipos de agresións ambientais, como plantacións e talas ilegais, afeccións a patrimonio arqueolóxico, batidas de caza, vertidos en ríos e mares, vertedoiros, desaugues, urbanismo e infraestruturas, etc. Tamén presentou alegacións a unha manchea de proxectos e outros trámites administrativos entre os que destacamos o Plan Reitor de Uso e Xestióin (PRUX) do Parque Natural Monte Aloia, a autoestrada A-57, recheos na praia de Barrañán (Arteixo), á nova lei de pesca continental, á reorganización viaria do porto de Rande, á Estratexia Galega de Economía Circular, á Avaliación de Impacto Ambiental de Reganosa, ao Decreto da Paisaxe, ao proxecto mineiro de Touro-O Pino ou á renovación da Avaliación Ambiental Integrada (AAI) do complexo industrial Alúmina-Aluminio Alcoa.

17. Lanzamento dun Dosier Semanal de información ambiental publicada en Galiza

Coa idea de ampliar e mellorar o PROXECTO CERNA de divulgación e de comunicación ambiental da organización ecoloxista ADEGA e de facilitar á cidadanía galega o acceso á información ambiental, ADEGA lanzou en 2019 un novo instrumento de divulgación de contidos relacionados co medio ambiente galego desde canle dixital de Radio CERNA (http://adega.gal/radiocerna). Trátase dun dosier de actualidade ambiental, de consulta aberta, que recolle semanalmente toda a información rexistrada nos medios de comunicación dixitais e de ámbito galego que ten a ver co medio ambiente e a ecoloxía de Galiza e que permite coñecer as tendencias de contidos ambientais nos medios galegos de comunicación.

18. Aposta polo Ecoloxismo Social e unha Educación Ambiental integradora

ADEGA entende que o ecofeminismo é un piar base do ecoloxismo social, capaz de dotar aos movementos ecoloxistas de ferramentas para unha transformación social real a todos os niveis, evitando o relego deste movemento a mero observador crítico da súa realidade. Por iso, participamos activamente na folga internacional de mulleres do pasado 8 de marzo, para reclamar un mundo máis xusto, igualitario e sostible. Tamén o pasado 28 de xuño, desde ADEGA sumámonos á reivindicación dos dereitos da diversidade sexual e celebramos o orgullo de sermos diversas defendendo un ecosistema diverso, tanto no eido natural coma no social. Tamén publicamos o estudo preliminar da Guía Naturalmente Diversas, para incluír a perspectiva feminista e sexodiversa nas actividades de educación ambiental e acabar coa discriminación.

19. Contra a emerxencia cinexética e a caza deportiva

Durante 2019, ADEGA instou á Xunta a realizar un Plan de Xestión do Xabaril e un censo rigoroso e científico sobre o estado das súas poboacións, fronte a improsivada acción do goberno galego para abordar o control da especie e que o levou a declarar por primeira vez unha “emerxencia cinexética”, alentado por aqueles que cualifican de “praga” esta especie salvaxe. ADEGA tamén reclamou a través da plataforma Convivencia Ética a elaboración de estudos científicos sólidos que certifiquen as causas polas que o xabaril realiza incursións nas contornas urbanas e periurbanas, antes de adoptar medidas de control drásticas ou letais para o animal, e achega datos que apuntan á presión cinexética como unha das posibles causas. Así mesmo, ADEGA mantén firme a súa posición contra a caza deportiva e a celebración de eventos, como  os campionatos de caza do raposo, que son anacrónicos, crueis e que ademais poderían ser motivo dun desequilibrio ecolóxico.

20. Premios 2019 á traxectoria de ADEGA

ADEGA tamén recibiu neste ano 2019 varios premios e galardóns á súa traxectoria. En xaneiro, foi escollida entre varias entidades ecoloxistas e carácter galego e estatal como entidade beneficiaria dun importe próximo a 2.500 euros recadado nun mercadiño solidario organizado polo colexio CEI A Gándara de Ferrol a prol do medio ambiente. Por outra banda, a Eira da Xoana volveu ser galardoada, desta volta, co premio Gabriel Barreiro Toural, entregado por Metátese Teatro e Alentía Teatro o pasado día 31 de agosto no marco da XX Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei. O premio consistiu na entrega dunha peza artesá de María Iglesias Gil e unha dotación de 1.000 euros. ADEGA agradece profundamente a todas as entidades, colectivos e persoas que contribuíron ao seu labor na defensa do medio ambiente galego a través das súas doazóns.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal