ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA súmase este 29N ao Día sen Compras

29-11-2019

ADEGA súmase este 29N ao Día sen Compras

#díasencompras #eunonmerco #29N #BlackFriday


Este 29 de novembro celébrase un ano máis o coñecido Black Friday (Venres Negro), unha estratexia comercial que coincide sempre co cuarto venres de novembro, a cal está orientada ao fomento do consumo e cuxo obxectivo é a activación do mercado de Nadal. Esta estratexia de marketing está baseado nunha lóxica de consumo desaforado, que procura a inmediatez nas compras por parte do consumidor a través de ofertas e promocións, que provocan neste unha necesidade ficticia de mercar un determinado produto ou servizo. Xunto co Black Friday, este día vai acompañado do Ciber Monday (Ciber luns), unha estratexia de consumo que terá lugar o vindeiro 1 de decembro e que procura fomentar as comprar online.

Este modelo de consumo capitalista de crecemento continúo do mercado está lonxe de ser social e ambientalmente sostible. Por unha banda, deixa nas marxes desta lóxica de marketing ao comercio local, ao tradicional e ás iniciativas enmarcadas dentro da economía social. Todo este comercio local e de proximidade non pode competir coas estratexias do consumo desaforado das grandes empresas do capital presentes nas áreas comerciais das cidades, como INDITEX, MediaMarkt ou Decatlhon, así como coas protagonistas da venda online, como Amazon ou Alibaba.

Tamén este tipo de consumo acelerado ten unha gran pegada ecolóxica, tanto no referente ao propio proceso produtivo de bens e servizos, como no seu transporte a escala global e na xeración de residuos. Polo tanto estamos ante un modelo de consumo que contribúe notablemente ao paradigma actual de cambio climático e a insostenibilidade ambiental, e que fomenta a desigualdade e a fenda social.

Fronte común contra o Black Friday: o día sen compras

Por todos estes motivos, o ecoloxismo galego, a través do Movemento Galego polo Clima do que ADEGA forma parte, xunto cos diferentes nodos locais de Fridays for Future e Extinction Rebelion, súmanse unha vez máis nunha fronte común para construír colectivamente un contradiscurso contra a lóxica do Black Fridays e a sociedade de consumo. Así, desde ADEGA unímonos á campaña internacional do Día sen Compra e animamos a toda a sociedade civil a participar dela.

A través desta iniciativa internacional, ADEGA cuestiona o modelo de produción e de consumo actual facendo fincapé nos impactos negativos tanto no eido ambiental e social. Como consumidoras temos un enorme potencial de transformación, polo que entre todas podemos procurar un modelo de consumo responsable ampliando así o tecido da economía social e as alternativas que se sitúan á marxe do mercado voraz que sustenta estratexias de márketing como o Black Friday ou o Ciber Monday.

Neste contexto de Mudanza Climática é preciso mudar e transformar entre todas o sistema socioeconómico procurando un novo sistema que non explote os límites do planeta. Por este motivo, este 29N únete ao día sen compras!

Súmate á acción!

Alén de participar nesta xornada do Día sen Compras, podes sumarte ás diferentes accións e concentracións convocadas para o 29N (en actualización):

- Vigo: 18:00h -Accións de rúa en Príncipe – 20:00h Concentración diante do MARCO
- Santiago de Compostela: 17:00h - Concentración na praza Roxa

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal