ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Crónica do curso de educación ambiental e...

20-11-2019

Crónica do curso de educación ambiental e compostaxe

Un ano máis realizamos o curso de Educación ambiental e compostaxe co concello de Pontevedra da man da concellería de xuventude no marco do programa de formación para a mocidade Pisando Forte.

O curso completo consta de 20h repartidas entre teoría e práctica. As dúas primeiras xornadas tiveron lugar no Pazo da Cultura, nesta primeira parte explicáronse conceptos básicos sobre a xestión de residuos na Galiza, Directiva Marco de Residuos, o programa de educación ambiental de compostaxe caseira e conceptos básicos sobre o proceso da compostaxe. Na terceira xornada visitamos un composteiro comunitario do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. O mestre composteiro asignado ao concello de Pontevedra explicounos en que consiste o Plan Revitaliza e o seu traballo diario. Tivemos a oportunidade de ver o composteiro en funcionamento, extraímos compost feito e fixemos un trasvase entre todas. A maior parte da xornada estivemos no composteiro comunitario de San Brais onde puidemos comprobar a boa receptividade das persoas a este proxecto, neste tempo vimos como persoas da contorna achegaban os seus residuos e tamén viñeron a recoller compost. Despois visitamos o composteiro de Eduardo Pondal e tamén de Ponte Boleira. Así vimos diferentes composteiros instalados en zonas con estrutura poboacional diferente. A cuarta xornada, teórica, dedicámola a coñecer experiencias de xestión de residuos baseadas na compostaxe e tanto proxectos como campañas de redución e reutilización de residuos.

Para finalizar fixemos unha dinámica de grupo para poñer en práctica todos os coñecementos adquiridos. Para rematar o curso visitamos unha planta de compostaxe, deste modo vemos o proceso da compostaxe en diferentes dimensións compostaxe caseira, comunitaria e en planta. A planta de compostaxe de Ecocelta é o modelo ideal de planta de cabeceira de comarca, unha planta pequena, onde soamente entra o residuo orgánico ben separado en orixe obtendo un compost de clase A permitido en agricultura ecolóxica. A visita a Ecocelta é moi interesante porque ademais permítenos coñecer diferente proxectos de I+D. Elaboración de diferentes abonos e sustratos a partir de diferentes materias primas e con propiedades case á carta. Depuración das augas con humidais construídos e macrofitas e diferentes proxectos de investigación de vermicompostaxe (compost elaborado por miñocas). Ao remate da visita o alumnado fixo unha proba escrita para verificar os conceptos adquiridos durante o curso e unha avaliación do curso. Ambas avaliacións foron moi positivas.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal