ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Décadas de vertidos contaminantes dende As...

18-11-2019

Décadas de vertidos contaminantes dende As Somozas ameazan o río Mera

As instalacións de "tratamento" de residuos ubicadas nos polígonos das Somozas levan décadas sendo obxecto de denuncias e sancións polo seu impacto no medio, particularmente vertedutas de lixiviados e cheiros.

A veciñanza destas instalacións vén de contactar con ADEGA para expoñer a grave situación de contaminación por verteduras e cheiros. Xa denunciaron en numerosas ocasións que as operacións de manexo e tratamento de refugallos por parte das empresas SOLOGAS, XILOGA e SOGARISA, son fonte de fedorentos cheiros, continuas verteduras de lixiviados e augas contaminadas e foco de incendios esporádicos.

ADEGA ten denunciado tamén en diversas ocasións verteduras procedentes deste polígono, un auténtico "buraco negro" da xestión dos residuos, así como operacións irregulares cos refugallos como o vertido de "tecnosolos" nos montes e leiras veciñas incumprindo a lexislación vixente.
Mesmo a Fiscalía Ambiental do TSXG abríu dilixencias informativas que tiveron o efecto de paralisar os vertidos indiscriminados de tecnosolos, obrigando á Xunta a un control máis estrito no manexo destas substancias por parte das empresas xestoras.
Precisamente esta é a excusa (a dificultade de "colocar" os tecnosolos)que unha das empresas denunciadas, XILOGA, e obxecto de diversos expedientes sancionadores por parte de Augas de Galiza, puxo para facer acopio nos seus terreos de refugallos (tecnosolos) sen as debidas medidas de control, que estiveron deitando lixiviados directamente ao medio até chegar ao río Mera.

Un problema crónico do que a Xunta leva "pasando" anos

As continuas queixas da veciñanza e as reiteradas denuncias deron luigar a varios expedientes sancionadores por parte de Augas de Galiza, que remataron en multas moi pouco coercitivas.
Como se recolle no informe facultativo dun dos últimos vertidos, estes feitos veñen acontecendpo dende hai anos, "pode dicirse que dende que empezou a funcionar a empresa [XILOGA]". No seu informe recolle tamén os impactos nos ríos Marbán e Mera, este último na Rede Natura, con perda da riqueza piscícola constatada polos pescadores. E apesar diso e dos numerosas denuncias e informes, "as verteduras continúan até o día de hoxe".

Ao parecer, para algunhas empresas sae moito máis barato asumir o custo das sancións que tomar as medidas precisas para garantir a seguridade ambiental e a saúde da cidadanía. Semella que á Xunta dálle igual o que aconteza portas adentro destas instalacións, mentres os residuos desaparezan da circulación. Mais o caso é que non desaparecen: voltan transformados en lixiviados que rematan contaminando mananciais e ríos, e afectando a espazos protexidos e a saúde das persoas, que a propia Xunta, saberora destas prácticas, debería salvagardar.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal