ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Lugo inaugura o seu programa de roteiros...

28-10-2019

ADEGA-Lugo inaugura o seu programa de roteiros 2019-2020 cunha subida ao monte Iribio

ADEGA-Lugo organizará 9 roteiros de novembro a xuño

ADEGA-Lugo presenta unha nova oferta de roteiros para coñecer o medio ambiente e o patrimonio natural e cultural do país para este curso 2019-2020. Baixo o título de "Tecendo Redes" propón un programa de 9 roteiros desde o mes de novembro ata o mes de xuño de 2020, que dirixe a todo tipo de públicos e que xa acada a súa vixésimo segunda edición. Polo xeral, realizarase un roteiro por mes e en domingo.

A través dos roteiros "Tecendo Redes" ADEGA trata de poñer en valor a importancia que ten para a defensa do medio ambiente e do patrimonio a colaboración, sinerxías, e redes que se tecen entre os distintos colectivos sociais, ben sexan ecoloxistas, culturais, veciñais, sectoriais, etc. Por isto, para o desenvolvemento destes roteiros contarase coa colaboración de diversos colectivos locais de diverso carácter cos que ADEGA mantén relación e ten tecido rede que nos guiarán e acompañarán en todas estas rutas. 

Durante as andainas, ademais de gozar da paisaxe, do contacto coa natureza e da compañía de todas as persoas participantes, tamén se porá en coñecemento o extraordinario labor que desenvolve cada unha destas entidades na súa localidade ou zona de influencia, de cara a divulgar, preservar ou poñer en valor o seu patrimonio natural e cultural. Estas entidades de carácter local realizan un labor e representan unha función na defensa do patrimonio común e colectivo que merece ser reivindicada e divulgada. Ademais, elas serán as guías dos roteiros de ADEGA-Lugo deste curso.

Programa de roteiros ADEGA-Lugo "Tecendo Redes"

O primeiro roteiro deste curso terá lugar o domingo, 3 de novembro, na Serra do Iribio (Samos, Triacastela), nas montañas do Courel, onde precisamente a acción colectiva e de rede entre distintos colectivos ecoloxistas, culturais e veciñais que se aglutinan na plataforma Salvemos O IRibio, veñen de conseguir que as obras do parque eólico de Fergo Galicia Vento SL se paralizasen temporalmente. Malia a todo, a loita continúa para evitar que as máquinas volvan pisar este espazo natural protexido chave para a recuperación do Oso Pardo en Galiza e que forma parte da Rede Natura e do BIC Camiño de Santiago Francés. A continuación, indícanse cales van ser os destinos dos roteiros de ADEGA-Lugo para este curso 2019-2020.

  • 3 Novembro: A Serra do Iribio - Salvemos O Iribio
  • 24 Novembro: O Bierzo, a Galiza irredenta - Asoc. Tyto Alba
  • 22 Decembro: O lugo de Carvalho Calero - Escola Oficial de Idiomas e CEIP Fingoi.
  • 19 Xaneiro: Terras do Miño, terras do Neira e Fontes do río Tórdea - Amigos do Patrimonio de Castroverde
  • 23 Febreiro: Mádia Leva, 12 anos de historia en Lugo - CS Mádia Leva
  • 22 Marzo: As Mariñas Betanceiras - Asoc. Roxín Roxal
  • 19 Abril: Os Ancares naviegos - Asoc. Irmandade Naviega
  • 24 Maio: Negueira de Muñiz - Asoc. Polo Desenvolvemento de Negueira
  • 21 Xuño: A Fonsagrada - Asoc. Mariña Patrimonio

Reserva a túa praza a través do formulario de reserva na web de roteiros ADEGA-Lugo

Na propia web de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase  actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a túa reserva. 

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do mércores anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos. 

saída do autobús terá lugar ás 8.00 ou ás 9.00 horas da mañá, dependendo da proximidade do destino,  fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.

Os roteiros serán de xornada completa. Recoméndase aos participantes levar roupa e calzado axeitados e viandas para o camiño.

Para máis información, tamén se pode chamar aos teléfonos 982240299 (local) ou 677800293 (Lucía).

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal