ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O TSXG suspende cautelarmente o Acordo do...

21-10-2019

O TSXG suspende cautelarmente o Acordo do Consello da Xunta que autoriza a modificación do PE do Iribio

A sala do contencioso administrativo nº 3 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de atender un recurso presentado pola plataforma Salvemos o Iribio (da que fai parte ADEGA) e suspender provisionalmente o acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño de 2019 polo que se aproba a modificación da aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio. O Tribunal suspende a executividade deste acordo e das súas disposicións normativas “mentres tanto non se actualice a DIA -Declaración de Impacto Ambiental- do ano 2005 e se xustifique a prevalencia do uso industrial que afecta a valores ambientais, paisaxísticos, forestais e culturais”. 

Esta resolución xudicial é un logro destacado na loita contra a instalación deste parque eólico que se iniciou hai varios meses por parte da plataforma Salvemos O Iribio. O auto estaría invalidando cautelarmente, non só o Acordo da Xunta do 27 de xuño, senón tamén as autorizacións urbanísticas e actos posteriores que estean amparados por este acordo, como a resolución de aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico emitida pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria ou as licenzas outorgadas polos concellos de Samos e Triacastela para a execución das obras. Ningunha destas autorizacións poderían ser de aplicación mentres non se realice un estudo de impacto ambiental acorde cos valores naturais, paisaxísticos e ambientais que actualmente están recoñecidos na Serra do Iribio, e non se xustifique por que o uso industrial debe prevalecer sobre a preservación destes valores de interese público. 

Tras coñecer o auto, a plataforma Salvemos O Iribio xa dilixenciou unha petición á Consellaría de Economía, Emprego e Industria e aos concellos afectados para que en menos de 24 horas fagan executar o auto e ordenen a paralización inmediata das obras, advertindo de que se non o fan, poderían estar incorrendo en delito penal.

Os motivos da suspensión temporal

Salvemos O Iribio valor de forma moi satisfactoria o auto do Tribunal porque recolle todos os argumentos esgrimidos por este colectivo para impugnar o Acordo da Xunta agora suspendido. Tal e como denunciou a plataforma, o Tribunal advirte que a DIA do proxecto, aprobada en agosto de 2005 pola Consellaría de Industria do goberno en funcións de Manuel Fraga Iribarne, non contempla os cambios das circunstancias tecnolóxicas, enerxéticas e ambientais, ou normativas que se sufriron desde aquela e  que agora deben terse en consideración para a autorización do parque. Neste senso, o auto fai fincapé na disposición legal vixente que prohibe a instalación de novos parques eólicos en zonas da Rede Natura recollida no artigo 23 do Decreto 37/2014 polo que se aproba o Plan Director da Rede Natura. A Serra do Iribio forma parte desta rede de espazos naturais protexidos e está declarada ZEPVN e ZEC (Zona de Especial Conservación) Ancares-Courel. 

O tribunal destaca a importancia que a Serra do Iribio pode ter para a conservación de especies ameazadas incluídas no catálogo galego de especies vulnerables, como a tartaraña cincenta ou a gatafornela; ou para outras especies en perigo de extinción, como oso pardo ou a aguia real. Non elude mencionar que a Serra do Iribio tamén acolle unha destacada riqueza en valores etnográficos e culturais, que se atopan dentro da área de protección do BIC Camiño de Santiago Francés e que con este proxecto se podería poñer en perigo o antigo Camiño Real de comunicación co a Meseta e o seu patrimonio asociado (Ventas do Retorno, de Brañas, o Portádego do Iribio, mámoas e demais elementos). 

Por todo isto conclúe que a DIA do proxecto podería resultar obsoleta e que o desenvolvemento do parque eólico podería ser incompatible coa preservación desta riqueza natural e cultural, máxime tendo en conta que o proxecto eólico orixinal se modificou para dotar de maior dimensión aos seus aeroxeradores, incrementando un 20% a lonxitude das pás, “cun importante impacto que, non elimina, nin corrixe, o que se contemple no proxecto o pintado dos aeroxeradores con motivos xacobeos”. Mesmo, apunta cara á posible incompatibilidade do parque eólico Serra do Oribio coa exposición pública da declaración de reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel efectuada pola Xunta o pasado 9 de agosto de 2019.

Un primeiro paso cara á anulación do proxecto eólico

Desde Salvemos O Iribio pensamos que esta medida cautelar pode supór o primeiro paso cara a anulación total do proxecto eólico aprobado na Serra do Iribio, xa que de ter que sometelo a unha nova avaliación de impacto ambiental e ás disposicións normativas vixentes, o máis probable é que non dea superado a tramitación ambiental. Como xa apunta no seu auto o Tribunal Superior de Xustiza, hoxe en día está prohibida a instalación de novos parques eólico en Rede Natura polo que este parque eólico, malia a estar aprobado desde 2007, non foi executado e, por tanto, debe considerarse como unha nova instalación sobre a cal se aplique a normativa actual. 

Lamentamos que de novo teña que ser a sociedade civil a que acuda aos tribunais para obrigar ás administracións públicas a cumprir co seu deber de preservar os espazos naturais protexidos e defender os intereses colectivos fronte os intereses privados dunha empresa que só busca o rédito económico. Denunciamos ademais que durante 5 meses nos que se presentaron multitude de denuncias contra estas obras por parte dos colectivos membros desta plataforma ante os concellos de Samos e Triacastela e ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas de doutros organismos competentes na lexislación ambiental e cultural, non se dispuxese aínda ningunha medida para frear o avance das mesmas, poñendo en perigo a preservación dos valores naturais, culturais, paisaxísticos e ambientais que ten esta serra.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal