ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Unhas 50 entidades galegas participarán na VIII...

15-10-2019

Unhas 50 entidades galegas participarán na VIII Limpeza simultánea de praias

O vindeiro venres 18 e sábado 19 de outubro, máis de 40 entidades educativas e asociativas de Galiza e preto dunha decena de concellos realizarán a limpeza simultánea de praias proposta por ADEGA para este ano 2019.

A limpeza realizarase nun total de 20 areais galegos, dos cales, a meirande parte pertencen á Costa da Morte, aínda que tamén se prevén limpezas en praias de Ferrolterra e do Grove.

Das preto de 50 entidades participantes, 31 serán centros de ensino de secundaria, institutos e a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, que realizarán a súa actividade o venres, 18 de outubro en horario de mañá. Tan só en Muros, participarán 18 centros educativos. O sábado, 19 de outubro, tamén participarán na VIII Limpeza Simultánea de praias convocada por ADEGA unhas 10 entidades de carácter ecoloxista, de deporte ao aire libre, ou ligadas á produción marisqueira.

Desta volta, contamos coa axuda dos concellos de Nigrán, Fene, Carballo, Carnota, Fisterra, O Grove, Muros e Outes. Ademais, os concellos de todos os lugares nos que se realiza a actividade encargaranse de retirar dos areais as pilas dos residuos recollidos.

O obxectivo ddestas xornadas de voluntariado e concienciación ambiental será concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a problemática do lixo mariño, que afecta a todos os mares e océanos do planeta, e tamén aos galegos. Ademais de reflectir a falta dunha xestión adecuada dos residuos e dun modelo de consumo máis sostible, a problemática do lixo mariño pon en grave perigo a supervivencia dos seres vivos que habitan os océanos. A nivel mundial, cada ano 10 millóns de toneladas de lixo acaban no mar.

Así e todo, convén lembrar que as limpezas de praias son actos simbólicos, cuxo obxectivo non é competir pola retirada de lixo nas praias, nin suplir a falta dunha correcta xestión dos residuos nos medios litorais. Estas actividades procurar dar a coñecer á cidadanía unha problemática que cada vez é máis visible e preocupante, e cuxa solución en parte depende da nosa conciencia.

Entrega de protocolo de limpeza e recollida de datos

Desde ADEGA editamos un Protocolo de limpeza de praias que se reparte entre as persoas participantes na xornada. No protocolo explícase de xeito sinxelo cais son os pasos a seguir antes, durante e logo da limpeza, para unha actuación ecolóxica.

Ao mesmo tempo, é importante que durante esta xornada as persoas coordinadoras da actividade recollan imaxes da actividade e as trasladen a ADEGA xunto cos datos estimativos do volume de lixo recollido e a tipoloxía do mesmo, e o número de persoas participantes, co gallo de poder facer un valoración conxunta da actividade simultánea.

O pasado ano 2018 participaron na Limpeza simultánea de praias unhas 500 persoas, que conseguiron retirar das praias galegas máis de 4000 quilos de residuos.

Súmate á VIII Limpeza simultánea de praias de ADEGA

Na táboa que se achega, indícanse os datos de contacto das persoas coordinadoras de cada unha das limpezas que terán lugar os vindeiros 18 e 19 de outubro. Se queres participar nalgunha delas, pregámosche que mandes un email ao correo indicado antes do venres 18 de outubro.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal