ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Mesa informativa sobre a compostaxe de residuos...

04-10-2019

Mesa informativa sobre a compostaxe de residuos orgánicos en Bertamiráns

O próximo 5 de outubro durante o habitual mercadiño en Bertamirans instalarase unha carpa con información sobre o proxecto de compostaxe de residuos orgánicos dos comedores escolares, ao mesmo tempo as persoas interesadas poderán levar un saquiño do compost obtido para casa.

As entidades participantes neste proxecto son; as dúas concellarías de educación e medio ambiente, a empresa Dixardín que se encargan do mantemento dos composteiros e ADEGA como persoal técnico. Financiado por axudas PIMA do Ministerio de Medio Ambiente para a Transición Ecolóxica.

Dende ADEGA queremos darlle os parabéns ao concello de Ames por apostar por estes proxectos que son unha forma de loitar para mitigar o cambio climático e darlle visibilidade mediante estes eventos públicos axudando a concienciar á cidadanía

Primeiros resultados do proxecto de compostaxe de residuos orgánicos municipais: comedores escolares de Ames

Este proxecto comezou a mediados de xaneiro, instaláronse 6 composteiros de 800L nun espazo do viveiro municipal.  O primeiro foi facer un curso de formación e paralelamente comezaron a chegar os residuos do comedor. Todos os luns, mércores e venres a empresa recolle os restos orgánicos da cociña da rede de comedores escolares e lévaos a área de compostaxe, alí mesturase con estrutúrante (restos de podas trituradas) e transformase en compost dun xeito controlado.

A área de compostaxe estivo recibindo residuos dende xaneiro ate mediados de xuño (período escolar) nos meses de verán estivo a madurar e agora retirase o compost feito. Co inicio do curso comézase de novo a tratar nesta área os residuos orgánicos.

Ao longo destes meses estivemos recollendo dados, deste xeito podemos falar dos primeiros resultados:

  • Entre os meses de xaneiro e febreiro tratouse aproximadamente 5.100 kg de residuo de cociña.
  • Engadiuse aproximadamente 3.800 kg de restos de poda triturada e folla seca.
  • Os residuos engadidos son sobre todo tona de pataca, repolo, porros, e restos de verduras, mondas de laranxa, plátano, sandía e melón.    
  • Practicamente non hai impropios, menos dun 2%. A separación en orixe é moi boa.
  • A temperatura nos composteiros unha vez que comeza a subir oscila entre os 40- 65 graos.
  • En canto ao funcionamento dos composteiros en xeral foi correcto, durante os meses de marzo e abril houbo bastante mosquiña nos composteiros nos que se estaba aportando materia orgánica nese momento. Os motivos pode ser que houbo un aporte excesivo de monda de plátano e cambios bruscos de temperatura.
Despois do verán o compost xa está maduro e listo para sacar dos composteiros, aproximadamente 1.700 kg de compost de boa calidade listo para usar como abono orgánico en horta ou como substrato en xardinería. Con esta primeira remesa vaise facer un reparto público para que a veciñanza coñeza o proceso da compostaxe e a importancia de facer unha boa separación do residuo orgánico.  Se a separación é boa, transformamos un residuo nun abono orgánico e devolvemos materia orgánica á terra de forma natural.

Durante 6 meses, 6 composteiros de 800L asumiron 9 toneladas de residuo (comedor mais restos de poda) transformándose en aprox 2 toneladas de compost, sen problemas de cheiros nin contaminación.  Para un concello, que xestiona os seus residuos con SOGAMA, tendo en conta que a tonelada de residuo supón un custe de 80€ mais a recollida, teríase aforrado 720€ en 6 meses,  e obtido 2 toneladas de abono orgánico. Con posibilidade de xerar emprego local, xa que esta área, sempre de xeito controlada, pode medrar e asumir máis cantidade de residuo.  

Máis info: compostaxe@adega.gal
628378804 Maria R. Lafuente

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal