ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Magníficos resultados da XII Limpeza Simultánea...

02-10-2019

Magníficos resultados da XII Limpeza Simultánea de Ríos

1009 persoas retiran máis 13 tn de residuos na XII Limpeza simultánea de ríos do Proxecto Ríos

Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.
Recolléronse refugallos de todo tipo. Como sempre a presenza dos  plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...), moi abundante. Apareceron tamén moitas rodas de automóbiles e tractor, cristais, un somier, o motor dun coche, unha moto, plásticos de silo, cascallos, ferralla, pilas, electrodomésticos, un sofá, uralitas, un acumulador de auga quente. As toalliñas húmidas volveu ser do lixo máis abundante, e tamén as rodas de coche abundaron en moitos treitos. Apareceu tamén roupa, calzado... No reconto, calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 13 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

A XII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” se celebrou este ano en 52 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 75 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 9 concellos que organizan directamente esta actividade. Actuouse nun total de 53 treitos de río. Algunha entidades tiveron que adiar a limpeza por mor da choiva caída o domingo. Con outros grupos aínda non demos contactado para recoller os datos. Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia que depende da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Para esta actividade contamos coa colaboración da Fundación Biodiversidad, así como cos concellos de A Estrada, Allariz, Arzúa, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño e Xinzo de Limia. Ao longo desta semana publicaremos na web do Proxecto Ríos: www.proxectorios.org e na web específica da limpeza: http://limpeza.proxectorios.org/ un informe coas conclusións finais desta actividade, así como as fotos da xornada da limpeza que aínda estamos a recibir dos grupos participantes. De momento van os resultados provisionais. Para descargar algunha foto da xornada pódese entrar no Facebook do Proxecto Ríos. Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega Mollouse Polos Ríos!!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal