ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA Vigo participa nas actividades encadradas...

18-09-2019

ADEGA Vigo participa nas actividades encadradas na Folga Mundial polo Clima do #27S

#XuntasPoloClima


O vindeiro 27 de setembro terá lugar a Folga Mundial polo Clima convocada polo colectivo Xuventude polo Clima - Fridays for Future seguindo ás mobilizacións que se realizarán noutras cidades galegas e do mundo. A iniciativa esixe a declaración, por parte das diferentes institucións, do estado de Emerxencia Climática  e a adopción urxente de diferentes medidas para combater e contrarrestar os efectos do cambio climático. 

No desenvolvemento da convocatoria colabora o colectivo Movemento Galego polo Clima, do cal ADEGA fai parte, e que naceu froito da vontade de diferentes asociacións ecoloxistas e sociais para unir forzas e brindar apoio á iniciativa. Deste xeito, a convocatoria de dita greve no noso país, vai acompañada dun manifesto galego que foi redactado en consenso e asinado polas diferentes asociacións implicadas.

Actividades paralelas

Amais da propia manifestación, durante as últimas semanas traballouse para programar, durante os días previos e posteriores ao venres 27, unha serie de actividades paralelas que teñen como finalidade dar unha continuidade ás vindicacións expostas no manifesto e achegar á cidadanía diferentes problemáticas medioambientais que afectan actualmente á nosa bisbarra, así como dar visibilidade ás propostas de diferentes colectivos da cidade que levan anos apostando e defendendo modelos alternativos e sostíbeis de mobilidade, soberanía alimentaria, etc.

ADEGA Vigo desenvolverá algunha das actividades

Dentro da axenda elaborada, ADEGA Vigo ocuparase das seguintes actividades:

  • Marte 24- Palestra “Situación do monte galego: ferramentas participativas para a conservación”:  enmarcada no ciclo de palestras “Palestras polo cambio!” que contará coa participación doutros colectivos e que terá lugar de 19h a 21h na Aula D. (Rúa Elduayen, 36)

  • Domingo 29- Móllate polos Ríos!-Limpeza do Lagares no Río Lagares: aproveitando a celebración da XII Limpeza Simultánea de Río, organizamos esta xornada de limpeza que comezará ás 11h na senda do Río Lagares (o punto de encontro será no Camiño Carreiros nº25 na Salgueira).

Participa!

Dende ADEGA Vigo animámosvos a consultar a axenda completa das diferentes actividades e a participar delas e da manifestación polo clima que terá lugar o 27 de setembro ás 20h dende Vía Norte até a Porta do Sol.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal