ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Xunta propón unha nova Reserva da Biosfera ao...

12-09-2019

A Xunta propón unha nova Reserva da Biosfera ao tempo que autoriza proxectos agresivos nese mesmo territorio

ADEGA e a Plataforma Salvemos o Iribio (integrada por máis de 20 organizacións) vimos de presentar alegacións ao proxecto da Xunta para a criazón da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Dende as nosas organizacións apoiamos a proposta de declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera, mais chamamos a atención das administracións responsábeis sobre a necesidade de afrontar os graves impactos e ameazas que persisten e, mesmo se promoven, sobre este territorio e que poden comprometer os criterios e as funcións que UNESCO esixe para declarar unha Reserva da Biosfera. Ditos proxectos de forte impacto sobre o territorio porían en cuestión as funcións de conservación e desenvolvemento sustentábel recollidas no art. 3 do Marco Estatutario da Rede Mundial. Consecuentemente, estaríanse a banalizar algúns dos criterios que debe satisfacer unha zona para ser designada Reserva de Biosfera, en particular o relativo a ofrecer oportunidades para o desenvolvemento sustentábel deste territorio.

Por outra banda, consideramos preocupante que a Xunta de Galiza estea a utilizar unha figura de protección máis “branda”, como é unha Reserva da Biosfera, para compensar o seu desinterese e falta de vontade por ampliar a Rede Natura 2000 e aplicar o Plano Director neste territorio. A Xunta ten a obriga de salvagardar os valores naturais e patrimoniais destes espazos en troques de permitir ou ser cómplice da súa destrución.

Un ronsel de actividades incompatíbeis coa declaración

De seguido, expoñemos algunhas das actuacións e proxectos no territorio da “Proposta de Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel” que cuestionan o cumprimento das funcións e criterios esixidos pola UNESCO para declarar un territorio Reserva da Biosfera:

  -Parque eólico e LAT Serra do Iribio: As infraestruturas deste parque eólico están nestes intres en execución, malia a que a tramitación e o inicio das obras estiveron inzadas de irregularidades. Afecta á ZEC Ancares-Courel e á principal zona núcleo da proposta de Reserva de Biosfera. Este proxecto eólico vulnera a normativa que prohibe a construción de novos parques eólicos en Rede Natura, conta cunha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) redactada hai 14 anos que amosa significativas carencias: ignora hábitats e especies protexidas, algunhas delas en perigo de extinción como o oso pardo (Ursus arctos) ou a aguia real (Aquila chrysaetos). No caso do oso pardo, este parque eólico destruirá parte do seu hábitat, nunha área de distribución potencial da especie e de interese para a súa conservación. Con esta actuación, derramaranse tamén os investimentos que a través do proxecto Life Oso-Pardo se teñen destinado a esta área. En materia de patrimonio cultural afecta ao BIC Camiño de Santiago e xa destruíu parcialmente un Camiño Real e unha mámoa, alén de usurpar o terreo de varias comunidades veciñais de montes en man común de utilidade pública.

-Proxectos hidroeléctricos: Están en tramitación 2 novos megaproxectos hidroeléctricos: as centrais en caverna de Sta. Cristina (Iberdrola) e Edrada (GN-Fenosa). Ambos afectan ao LIC Canóns do Sil e á zona núcleo e tampón da proposta. Suporán a realización de obras a grande escala e durante varios anos, con centrais en caverna, a construción dun lago elevado, de novas tubaxes de presión, de novas liñas de evacuación, e a xeración de millóns de toneladas de entullos, aliás de detraer máis caudal a un río, o Sil, que soporta unha das maiores presións hidroeléctricas de todo o Estado.

-Autovía A-76 pola Ribeira Sacra: A obra atópase actualmente en diversas fases administrativas dependendo dos treitos. Trátase dun proxecto sen fundamentación técnica e que afectará a formacións xeolóxicas (karsts calcarios) moi escasas en Galiza, con hábitats prioritarios, a metade das especies de plantas presentes no país, incluídos 2 endemismos exclusivos galegos e outros 9 ibéricos, e outras 140 especies protexidas.

Os proxectos e actividades antes descritas (alén doutras actuacións puntuais) supoñen un grave deterioro dos valores ambientais e patrimoniais do espazo, coartando as posibilidades dun desenvolvemento sustentábel deste espazo e poñendo en risco a declaración por parte da UNESCO como Reserva da Biosfera ou Patrimonio Mundial (solicitado para a Ribeira Sacra).

Dende ADEGA e a Plataforma Salvemos o Iribio lembramos á Xunta que para a UNESCO non vale todo para declarar un espazo Reserva da Biosfera ou Patrimonio Mundial. O cumprimento estrito dos criterios de declaración e as funcións que organismo internacional atribúe a estes espazos deben verificarse antes, durante e despois do proceso de declaración.

Comtacto:
-ADEGA: 981570099
-SGO: 620229864


Integrantes da Plataforma Salvemos O Iribio: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Sociocultural O Iribio, Fundación Oso Pardo (FOP), Fundación Uxío Novoneyra, Petón do Lobo, Lugo Animal Save, Anonymous for the Voiceless, Colectivo Capitán Gosende, Asociación Cultural Roxín Rosal, Xuntos por Sarria, Agrupación CulturalErgueitas, Comité de Defensa das Rías Altas, Plataforma Galega para a Defensa Animal e da Natureza, Rede Galega do Patrimonio, Rede Galega da Educación e Desenvolvemento Rural, Salvemos a Comarca de Ordes, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Stop Eólicos Paradela e os grupos políticos Anova, BNG, Equo e os Grupos Parlamentarios de En Marea, BNG e Grupo Mixto.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal