ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Nova Lei de Pesca Continental: Ríos para a vida...

10-06-2019

Nova Lei de Pesca Continental: Ríos para a vida ou para o negocio?

A Xunta vén de apresentar o anteproxecto de Lei de Pesca Continental coa vocación de substituir a norma vixente de 1992. Mais esta actualización non pode servir de excusa para ordenar a pesca exclusivamente dende perspectiva deportiva ou turística, esquecendo a importancia de conservar os ecosistemas acuáticos continentais para garantir a sustentabilidade do recurso.

Déficit conservacionista

Este enfoque transversal que defendemos dende ADEGA e que considera aos ecosistemas acuáticos como algo máis que fornecedores de capturas, está ausente do actual anteproxecto. A norma presentada pola Xunta amosa unha excesiva tendencia a considerar a pesca como unha actividade de lecer cun importante potencial de negocio, deixando nun segundo plano a conservación e a susentabilidade do recurso.
A este respecto, este anteproxecto é menos ambicioso que a norma de 1992 aínda vixente, por exemplo ao non establecer a obriga de que as concesións hidráulicas permeabilicen os obstáculos dos ríos mediante dispositivos de franqueo ou escadas, para que as especies migradoras completen o seu ciclo biolóxico.
A norma esquece tamén a importancia de xestionar as marxes para garantir a conservación das comunidades vexetais de ribeira. Nas nosas alegacións propoñemos medidas para garantir a preservación destes hábitats, chaves para un bo estado da fauna acuática, fronte a ameazas como as plantacións e repoboacións forestais con especies alóctonas ou o uso de puríns e agrotóxicos.

Deriva privatizadora

Un dos aspectos máis controvertidos da norma é a introdución dun novo tipo de augas de pesca, denomidadas “de aproveitamento privado”. Nestas concesións de pesca intensiva, a Xunta cederá na práctica aos titulares a xestión total destes treitos coa condición de que adopten medidas para “impedir a comunicación cos leitos naturais”, e eximindo aos usuarios da preceitiva licenza de pesca.
Dende ADEGA propoñemos suprimir esta figura por supoñer unha enaxenación de recursos públicos e unha cesión de dereitos (máis aló do uso concesional) sobre bens cuxa tutela corresponde exclusivamente á administración. Por outra banda, supoñer que estas augas (sen especificar se de encoros, lagoas ou ríos) poden estar “incomunicadas” (de que xeito?) dos leitos naturais, é ecolóxicamente inviábel. E eximir da preceitiva licenza de pesca esixíbel ao resto da cidadanía supón unha clara discriminación que consolida uns “guettos pequeiros”, perigosas excepcións na xestión do dominio público.

ADEGA contempla con preocupación esta norma, que nalgúns aspectos retrocede con respecto á lei de 1992. Albiscamos unha clara intención de converter a pesca nas augas continentais galegas nun elemento máis de atracción turística e de negocio, na liña do “efecto Xacobeo”, descoidando as outras funcións ecolóxicas e de interese público que acubillan ríos, lagos e lagoas.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal