ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA e Ecos do Sur impulsan un proxecto de...

30-04-2019

ADEGA e Ecos do Sur impulsan un proxecto de agrocompostaxe

Economía circular, emprego e compostaxe


A finais de xaneiro ADEGA comezou un proxecto de compostaxe novedoso coa asociación Ecos do Sur, entidade que traballa con colectivos en risco de exclusión social. O obxectivo é avanzar  cara a economía circular a sustentabilidade e fomento de emprego a través da  reciclaxe de residuos, neste caso, coa compostaxe da materia orgánica.

Xa o ano pasado, organizamos coa mesma entidade un curso de formación de compostaxe en Arteixo. Dúas das persoas formadas neses cursos están traballando agora no mantemento e operación dos composteiros da Universidade da Coruña (UDC) para os residuos de comedor de sete dos seus centros. A compostaxe dos residuos orgánicos procedentes dos comedores universitarios é un Proxecto da Oficina de Medio Ambiente da UDC que, na actualidade, ten contratado o servizo de mantemento a Ecos do Sur.

Este ano o proxecto é máis ambicioso, ten a pretensión de crear emprego estable. A idea nun futuro é facer unha pequena planta de compostaxe, onde entren residuos orgánicos de grandes produtores (perfectamente separados en orixe) para compostar e  obter un abono orgánico de calidade, permitido en agricultura ecolóxica, para poñer á venda. Este é un proxecto similar ao de Ecocelta Galicia, a empresa de compostaxe sita en Ponteareas,  da que obtivemos asesoramento e colaboración, a través do seu departamento técnico, encabezado polo enxeñeiro agrónomo  e fundador de Ecocelta, Sergio Quiroga.

Este será o futuro, mais agora estamos a traballar na formación do posible persoal da planta de compostaxe, aprendendo a controlar a fermentación dunha masa de residuos. De momento, estase a actuar nunha finca do Colectivo Renacer. Este colectivo cultiva produto de  horta en ecolóxico, con selo do Consello Regulardor de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA),  e parte da colleita véndese ao comedor de Inditex, que está no polígono en Arteixo. 

Pensando en pechar o ciclo da materia orgánica e formar ao persoal, acordouse coa Xerencia do comedor de Inditex recoller os residuos orgánicos e compostalos na devandita finca. Neste caso, a separación dos residuos en orixe é moi boa, así que cada semana, chéganse a trasladar á parcela de compostaxe tres contedores de 75L cada un de residuos orgánicos.

Agrocompostaxe en Arteixo, paso a paso

1. O primeiro que fixemos foi construír os composteiros nos que procesar a materia orgánica, reutilizando material de palés e seguindo o proceso de montaxe dun composteiro comercial.

2. Posteriormente, recollemos o estruturante, trituramos restos de podas da propia finca e mesturámolos con follas de carballo e castiñeiro.

3. Trasladamos á parcela de compostos residuos orgánicos do comedor. Veñen moi triturados, este é o aspecto do residuo (225L).

4. Mesturamos con estruturante e remexemos.

A día de hoxe estamos aprendendo a controlar as pilas de compostaxe (humidade, temperatura, estruturante....)  para obter un bo compost para o abono da parcela.

A agrocompostaxe é unha moi boa solución para unha gran parte dos residuos orgánicos da  Galiza. Cunha boa separación en orixe da materia orgánica, unha horta pode asumir gran cantidade de compost, ademais de ser fonte de emprego estable e pechar o ciclo da materia orgánica. Todo un paso cara a  economía circular!

Máis info: María R. Lafuente, compostaxe@adega.gal

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal