ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Cultura deixa sen protección un xacemento da...

08-04-2019

Cultura deixa sen protección un xacemento da Idade do Bronce en Cervo

ADEGA e Mariña Patrimonio informaron a comezos do pasado mes de febreiro ao Servizo de Patrimonio de Lugo e ao Concello de Cervo sobre os movementos de terra que se estaban a producir durante os labores de limpeza dunha finca en Cuíña, situada a escasos metros dunha zona onde se atopan restos arqueolóxicos. Estes movementos poderían ter afectado o sitio arqueolóxico, no que se aprecian centos de fragmentos de cerámica que, segundo varios arqueólogos consultados, datarían da Idade  do Bronce.

Este importante e singular xacemento foi descuberto por Mariña Patrimonio en 2010, data na que xa se informou ao Servizo de Patrimonio de Lugo da súa aparición ao tempo que se lle solicitaba a súa catalogación e protección. Tras a inspección do lugar, no informe elaborado daquela por Patrimonio dicíase “O día 26/04/2010 os técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural deste Departamento Territorial realizaron unha inspección do lugar indicado e atoparon unha concentración notable de cerámica (...)”.

Curiosamente, malia a que o Servizo de Patrimonio de Lugo constatou a existencia desta concentración notable de cerámica, non tramitou o procedemento de inclusión do xacemento no catálogo, quedando desprotexido este ben patrimonial.

A comezos de 2018, o paso de maquinaria pesada por esta zona arqueolóxica desprotexida provocou novamente o afloramento dunha inxente cantidade de fragmentos cerámicos, polo que se contactou nesta ocasión co Concello de Cervo para informar sobre a anómala desprotección deste importante xacemento. Así mesmo, en diferentes reunións mantidas en 2018 con membros da Dirección Xeral de Patrimonio en Santiago, Mariña Patrimonio e ADEGA expresaron a súa preocupación pola incomprensible desprotección deste e doutros bens patrimoniais da Mariña.

Ambas asociacións valoran moi positivamente a receptividade do Concello de Cervo e do seu alcalde para procurar que este depósito de cerámica da Idade do Bronce se protexa adecuadamente. Ademais, destacan a rapidez coa que o Concello paralizou os movementos de terra que se estaban a realizar nas inmediacións deste depósito arqueolóxico durante a limpeza dunha finca.

ADEGA e Mariña Patrimonio agardan que a Dirección Xeral de Patrimonio actúe coa mesma dilixencia, recollendo canto antes os restos arqueolóxicos diseminados polo lugar e que corrixa o posible erro do Servizo de Patrimonio de Lugo, que non catalogou este ben patrimonial do que teñen constancia dende o 2010.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal