ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A I Deseucaliptización Simultánea de Galiza...

26-03-2019

A I Deseucaliptización Simultánea de Galiza conseguiu eliminar máis de 205.000 eucaliptos e acacias do monte galego

ADEGA conseguiu eliminar máis de 5.000 eucaliptos e acacias

A I Deseucaliptización Simultánea de Galicia, promovida por Cousa de Raíces (rede a prol do bosque na que particpa ADEGA) estivo encamiñada a favorecer unha retirada simultánea, en diversos puntos do país, de masas de eucaliptos e doutras especies forestais foráneas e invasoras, como as acacias negras e mimosas, que están a ocupar grandes superficies no monte galego, prexudicando as especies propias e proliferando descontroladamente. A finalidade  foi a de poñer de manifesto que outro modelo forestal en Galicia é posible e necesario e que non debemos chamarlle bosque ao que non o é, como é o caso das formacións de especies forestais exóticas e invasoras.

Entre os días 21 e 23 de marzo desenvolvéronse un total de 11 actuacións de eliminación promovidas por 20 colectivos de carácter ecoloxista, cultural e veciñal, entre os que tiveron especial protagonismo as comunidades veciñais de montes en man común.

ADEGA participou con 4 actuacións de eliminación de especies exóticas invasoras nas que participaron máis dun cento de persoas e se eliminaron unhas 700 plantas de gran porte e máis dun milleiro de rebrotes.

A primeira tivo lugar o día 21 de marzo, Día Mundial dos Bosques, no Monte da Fraga da Coruña, onde en colaboración coa Oficina de Medio Ambiente se retiraron un total de 1.200 pés de eucaliptos, acacias negras e herba da pampa e se actuou nunha superficie duns 240 m2. Nesta acción, participaron 42 persoas. 

As demais actuacións desenvolvéronse o sábado, 23 de marzo. Na Eira da Xoana (Ramil-Agolada), xunto coa Fundación Eira e uns 20 voluntarios e voluntarias, ADEGA retirou 250 de eucaliptos de entre 20 centímetros e 2 metros de alto da Chousa Vella, parcela custodiada pola Fundación.

O Campo de Voluntariado do Proxecto Ríos no río Tea tamén abordou a eliminación de acacias negras, mimosas e aucaliptos nas beiras do Tea. Limpou de especies invasoras tres manchas de 127, 427 e 143 metros cadrados respectivamente, elminando preto de 3.500 pés de pequenos exemplares. Nesta actuación participaron unhas 20 persoas.

E no concello de Cerdedo-Cotobelo, ADEGA-Vigo xunto coa comunidade de montes de Rebordelo eliminaron un toral de 400 eucaliptos de gran porte -a maioría- e algúns rebrotes de cepa nunha superficie de 2 hectáreas. Esta actividade tivo lugar no Couto da Eirexiña, onde ADEGA-Vigo vén de encetar un proxecto de custodia do territorio.

Resultados totais da I Deseucaliptización Simultánea de Galiza

En total a participaron na I Deseucaliptización Simultánea de Galicia foi de 364 persoas que se entregaron a fondo para peneirar preto de 145.000 metros cadrados (14,5 Ha) de monte na busca de gromos, plántulas ou plantas de maior porte de especies exóticas invasoras. Nesta pescuda, a especie invasora máis eliminada foi sen dúbida o Eucalyptus globulus, seguida da acacia negra ou melanoxylon, da mimosa ou Acacia dealbata e da herba da pampa ou Cortaderia selloana. Tamén se eliminaron algúns pés de Pinus radiatanos montes de Rebordelo.

Á falta de confirmar algúns datos ofrecidos polas entidades promotoras das eliminacións, o número de pés vexetais eliminados en total, entre gromos e exemplares  de maior envergadura, superou as 205.000 unidades, acadando a impresionante cifra de 206.892 pés de eucaliptos e acacias eliminados do bosque galego. Grazas a estas accións, estes exemplares de especies exóticas e invasoras deixarán de medra no bosque galego e, por tanto, de crear os impactos negativos que exercen sobre as especies autóctonas, a biodiversidade, o solo e a proliferación de incendios forestais.

Se queres coñecer con maior detalle os datos da superficie sobre a que se actuou e os pés eliminados de cada unha das accións de eliminación de especies exóticas invasoras, preme na táboa de resultados.

O valor da acción colectiva

Os resultados acadados na I Deseucaliptización Simultánea de Galicia confirman que gran parte da sociedade galega aposta e pula por outro modelo forestal en Galicia, no que se primen as especies autóctonas e se eliminen aquelas outras que están a crear un agravio ambiental, cultural e paisaxístico para o noso territorio. Tamén demostran que as accións colectivas de voluntariado, por puntuais ou pequenas que sexan, poden exercer unha grande influencia no destino dos nosos montes.

Ao mesmo tempo, a participación activa e masiva que tivo esta iniciativa dá folgos á rede galega Cousa de Raíces para continuar a defender o bosque galego a través da celebración de novas xornadas deseucaliptizadoras por todo o país ou doutro tipo de accións colectivas que sigan apelando ás administracións públicas, nomeadamente á Xunta, a mudar de modelo forestal e que, ao mesmo tempo, respalden con feitos (e non só coa palabra) o  bosque galego e actúen contra a expansión das especies foráneas e invasoras.

Desde ADEGA manifestamos a nosa intención de repetir esta gratificante experiencia con Cousa de Raíces. Moitas grazas ás entidades promotoras e a todas as persoas participantes!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal