ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA e a PDRA instan á Fiscalía a actuar contra...

15-03-2019

ADEGA e a PDRA instan á Fiscalía a actuar contra a mina de Touro

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ( PDRA) deron un paso que pretenden que sexa definitivo para pechar calquera posibilidade de reapertura da mina de Touro. Para iso presentaron ante a Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia unha ampla documentación que acredita o prexuízo que a explotación está a causar en ríos, mananciais e augas subterráneas das proximidades da mina.  

Ambos colectivos están convencidos que as probas achegadas teñen a suficiente relevancia para sustanciar unha denuncia encamiñada a depurar responsabilidades derivadas dos danos ocasionados aos recursos naturais, ao medio ambiente, así como á saúde pública. Esas responsabilidades poderían estenderse tamén aos responsables dos departamentos administrativos implicados neste caso pola presunta falta de control e omisión de sanción polas continuas verteduras contaminantes ás augas.

Perante as evidencias da contaminación continuada dos ríos arredor da mina de Touro postas de manifesto en analíticas encarregadas por ADEGA, solicitouse á administración hidráulica datos oficiais sobre o estado das augas nos puntos de control arredor da explotación mineira. Augas de Galiza achegou datos analíticos tanto das diversas estacións de control como de mostraxes de verteduras que amosan a contaminación por metais pesados e alta acidez da práctica totalidade dos cursos de auga que arrodean a antiga mina.  

As análises evidencian que ríos, augas superficiais para consumo humano e mesmo augas soterradas superan os límites legais de substancias contaminantes, algunhas delas perigosas prioritarias, incumprindo as Normas de Calidade Ambiental (RD 817/2015) e os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano (RD 140/2003). Esta contaminación é detectábel nunha superficie duns 65 km2 arredor da mina con afectación ao curso medio do Ulla, constatándose segundo os datos oficiais, cando menos dende hai 10 anos até a actualidade.  

Os mesmos datos oficiais confirman tal grao de acidez e carga metálica nas súas augas, ou o que é o mesmo, a demostración do fracaso dos supostos tratamentos de rexeneración e control da contaminación efectuados nas balsas e ríos que drenan a contorna mineira.  

A promotora do proxecto mineiro pretende desentenderse da súa responsabilidade na situación dos ríos arredor da mina, mesmo argumentando minimizar os impactos, e fía todo ás bondades do proxecto da nova mina para “solucionar” os pasivos ambientais da antiga explotación. O cinismo chega a tais cotas que mesmo pretende aproveitar a estrema acidez das augas para propoñer unha caste de “parque temático” da contaminación mineira.

Por outra banda, a empresa infrinxe a normativa, non so por sobordar os limites legais dos contaminantes  que emite, senón ademais por carecer das autorizacións de vertidos.  

A propia Xefatura territorial da Consellería de Economía na Coruña en data 30.07.2018  requiriu  a empresa que "debe presentar a solicitude para obter do organismo de conca as autorizacións pertinentes para desenvolvemento da súa actividade, no prazo de 40 días, tanto as relativas á zona de Arinteiro como á de Bama". Cuestión que reitera na Resolución ditada o 6 de novembro de 2018 considerando que <<o proxecto inclúe un anexo denominado "documentación técnica asociada á solicitude de autorización de vertido de augas pluviais procedentes da balsa de Bama">> (en clara referencia á ausencia de autorización de vertidos) e que confirma na consideración legal 2. da resolución: <<a necesidade de corrección das surxencias de augas de calidade deficiente de Angumil, Portapego e Felisa, e que carecen de autorización de vertido do organismo de conca>>.  

Así mesmo, da conduta relatada deveñen situacións de perigo para as persoas, a fauna e a flora, e en xeral para o medio ambiente. Neste senso, hai que ter en consideración que as augas do río Ulla, no curso posterior á mina de Touro, abastecen as traídas municipais de auga potable de trece concellos (Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa), cunha poboación aproximada de 150.000 persoas.  

Ademais, o río Ulla é o máis caudaloso dos que alimentan a ría de Arousa e a súa contaminación pon en risco a principal área de produción de moluscos de Galicia e da UE, e mais alá da prestación de servizos ecosistémicos, e dos seus valores culturais, do patrimonio histórico e inmaterial, paisaxísticos, etc.; o valor socio-económico da ría de Arousa-amén de toda a actividade socio-económica que induce en sectores dependentes e vinculados- plásmase nos ingresos que se xeran en primeira venda procedentes das lonxas e do mexillón, e queda reflectido nos seguintes datos porcentuais referidos ao total de Galicia (2016):  
-44,5% das mariscadoras a pé
-41% das embarcacións de artes menores
-68,7% das bateas de mexillón  

Estamos pois no caso dunha conduta que encaixa cos requisitos esixibles no art. 325 e ss do Código Penal para cualificar os feitos como delito: Unha contaminación reiterada e persistente das augas debida á actividade mineira e á ausencia ou ineficacia de supostas medidas e tratamentos de rexeneración e control; Infracción da normativa reguladora ao sobordar os parámetros legais e actuaren sen permisos do organismo de conca -Augas de Galicia-; e xerar  unha situación de perigo grave para as persoas, á fauna e flora e ao medioambiente.  

Ademais, o artigo 45 da Constitución Española establece como obriga dos poderes públicos velar polos recursos naturais, a fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente.  

Polo que  ADEGA e PDRA solicitan do Fiscal que abra as oportunas dilixencias para verificar os feitos anteriormente expostos a fin de depurar as responsabilidades derivadas dos presuntos danos aos recursos naturais, ao medio ambiente e a saúde pública, alén das que tamén poidan atinxir aos responsábeis dos departamentos administrativos implicados encargados do cumprimento das normas que regulan a materia, ben por acción ou omisión, ben por permitir a comisión dun delito (art. 408 do Código Penal).  


Contacto:
Xaquín Rubido, PDRA (657339908)
Fran Alcalde, Mexillón de Galicia (670761805)
Fins Eirexas, ADEGA (661993406)

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal