ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA lanza a campaña #SalvemosCovasVale

12-03-2019

ADEGA lanza a campaña #SalvemosCovasVale

O primeiro acto da campaña terá lugar mañá xoves, 14 de marzo, coa estrea do documental #SalvemosCovasVale, ás 20.30 horas, no Vello Cárcere de Lugo.


ADEGA, co apoio dos colectivos Cultura do País, Mariña Patrimonio e Patrimonio dos Ancares, presentou hoxe en rolda de prensa a campaña #SalvemosCovasVale pola protección efectiva dunhas covas (e da súa contorna) no concello de Baralla, que están ameazadas por un proxecto de explotación mineira. O proxecto foi aprobado pola Dirección Xeral de Minas da Xunta en 2007, en conivencia co goberno municipal, o cal promoveu unha modificación do planeamento para suprimir o réxime protector do solo no que se emprazan as covas, e así favorecer a apertura da canteira. Para impedir a destrución deste espazo e dos seus valores naturais e culturais, ADEGA dirixiuse ao longo destes anos ás distintas Administracións implicadas e mesmo aos Tribunais, sen éxito.

Así pois, ante a falta dunha actuación contundente por parte da Xunta e do Concello de Baralla para protexer as Covas de Vale, ADEGA pon a andar a presente campaña. O obxectivo é dar a coñecer á sociedade en xeral a ameaza que pende sobre estas cavidades, sobre os seus valores e contorna, ademais de procurar o apoio de todos os colectivos, entidades e particulares preocupados pola preservación do patrimonio cultural e natural de Galiza.

Para iso, botará man da plataforma de peticións Change.org na que, a través dun vídeo-documental producido por ADEGA, se presentará a cuestión ao público xeral. Esta será unha boa oportunidade para que a sociedade galega demande, con máis intensidade que nunca, ante a D. X. de Patrimonio Cultural e o Concello de Baralla, o estudo e coñecemento na súa integridade dos restos paleontolóxicos e arqueolóxicos que acollen estas formacións calcarias e, por outra, a súa preservación dentro do seu contexto natural, valioso de seu, para o conxunto dos galegos e galegas. Estas accións, malia a ser instadas reiteradamente por ADEGA e, incluso, por un informe da Universidade de Santiago de Compostela, non se dispuxeron ata o momento.

A Universidade insta á Xunta a facer novas prospeccións

En 2015, ADEGA realizou as primeiras exploracións dos terreos afectados polo proxecto mineiro, detectando ata cinco bocas de entrada a varias covas. Paralelamente, encargou un informe sobre os valores naturais da zona, na que identificou a presenza de cando menos seis hábitats de interese comunitario, varias plantas calcícolas moi escasas no territorio galego e unha especie vulnerable de morcegos. Tamén observou evidencias materiais de utilización deste emprazamento como lugar de alimentación e nidificación, de varias especies de aves protexidas polo ordenamento legal.

Non é ata 2016 cando a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural atende parcialmente os requirimentos de ADEGA. Encomenda a un equipo de arqueólogos da Universidade de Santiago a elaboración dun informe valorativo sobre o potencial interese xeolóxico, arqueolóxico, paleontolóxico e, mesmo, artístico que podían acoller estas covas que ían ser destruídas. O informe, resultado dunha inspección de campo superficial e limitada ás covas detectadas por ADEGA, conclúe que estas cavidades e a súa contorna teñen interese cultural e natural, polos seus valores xeolóxicos, pola biodiversidade asociada a este tipo de formacións xeolóxicas e por conter recheos sedimentarios, fundamentais para a reconstrución paleoambiental e coñecemento do Cuaternario galego. O documento tamén advirte da posibilidade de que as covas conteñan restos de grande valor paleontolóxico e arqueolóxico do Plistoceno (de hai máis de 12.000 anos) e que fosen lugar de refuxio ou asentamento humano, incluso, podendo conter representacións artísticas rupestres. Certo é que existen testemuños da veciñanza de Vale que afirman ter visto hai máis de 50 anos pinturas e gravados no interior das covas. O informe da USC tampouco descarta a existencia doutras covas descoñecidas dentro do espazo afectado. 

Por todas estas razóns, tanto o informe da USC como o de ADEGA xa instaban daquela á D.X.  de Patrimonio Cultural a realizar futuras intervencións ou prospeccións máis detalladas das covas que continuasen o traballo preliminar realizado por este equipo da Universidade.

Protección insuficiente

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural viuse forzada a inventariar en 2017 as bocas das covas descubertas por ADEGA, pero non realizou nin promoveu ningunha prospección completa que permitise identificar outras cavidades presuntamente existentes no ámbito afectado pola canteira ou que puidese verificar a existencia de restos de valor cultural, incluídos os de carácter artístico. Tampouco ordenou continuar coa investigación preliminar das covas efectuada pola Universidade para coñecer de xeito pleno os restos paleontolóxicos e arqueolóxicos que estas albergan. A Xunta unicamente estableceu como medida cautelar condicionar a autorización da canteira á presentación por parte da empresa promotora (Canpesa S.A.) dun novo proxecto mineiro.

Para os colectivos denunciantes, estas disposicións son insuficientes para garantir a integridade das Covas de Vale e do seu patrimonio cultural e natural asociado, por canto non rexeitan a explotación mineira da contorna nin tampouco dispoñen unha prospección sistemática do ámbito da canteira. Ademais, os últimos informes coñecidos de Cultura sobre as accións a adoptar para a preservación dunha das covas atopadas son ambiguos e tampouco se ten a certeza de que o Concello de Baralla teña vontade de incorporar estes xacementos no catálogo municipal de bens a protexer no seu Planeamento Municipal.

Estrea do documental #SalvemosCovasVale

O primeiro acto público da campaña terá lugar mañá xoves, 14 de marzo, coa presentación da petición pública de protección en Change.org e a estrea do vídeo-documental #SalvemosCovasVale, ás 20.30 horas no Vello Cárcere de Lugo. A través desta peza documental, producida por ADEGA, abórdanse con especialistas na biodiversidade, espeleoloxía e arqueoloxía os valores patrimoniais xa constatados que acollen estas covas, así como aqueles que están por descubrir á falta dunha prospección a fondo dos terreos afectados por parte da D.X. de Patrimonio Cultural. O documental tamén divulgará por primeira vez imaxes do interior das Covas que foron recollidas por activistas de ADEGA e do Colectivo Patrimonio dos Ancares.

O acto completarase cunha charla coloquio con representantes dos colectivos ADEGA, Patrimonio dos Ancares, Drosera e especialistas involucrados na defensa e protección destas cavidades, ademais da autora do documental, Carmen P. Granxeiro.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal