ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O ecofeminismo chegou para quedarse

07-03-2019

O ecofeminismo chegou para quedarse

#8MFagoFolga #Nósparamos #3MVouaLugo


O vindeiro 8 de marzo ADEGA súmase á folga internacional de mulleres para reclamar un mundo máis xusto, igualitario e sostible. A folga feminista de coidados, laboral, de consumo e estudantil do 8M é unha mostra de resistencia e solidariedade internacional para amosar a necesidade de que as políticas cotiás deben focalizar a súa atención no sustento da vida e da dignidade, e non en prácticas políticas e económicas patriarcais, desiguais e destrutoras do medio ambiente.

Entendemos que o ecofeminismo é un piar base do ecoloxismo social, capaz de dotar aos movementos ecoloxistas de ferramentas para unha transformación social real a todos os niveis, evitando o relego deste movemento a mero observador crítico da súa realidade. O ecofeminismo permite desenvolver un fío argumental que relaciona a desigualdade de xénero, o sexismo, a LGTBfobia, o racismo, o clasismo, o colonialismo, a división Norte-Sur coas prácticas destrutoras do medio ambiente e dos ecosistemas, que xunto á igualdade social e de xénero, son tan necesarias para o sustento da vida e da dignidade.

Ecofeminismo para rachar co androcentrismo

Rachar coa visión androcéntrica e antropocéntrica na ordenación do territorio, nas prácticas económicas e nas relación sociais é unha labor que desde o ecofeminismo, os movementos ecoloxistas temos moito que traballar e que achegar na súa vertente social. Eidos como a soberanía alimentaria, a economía circular, o cooperativismo, a compostaxe, a educación ambiental, a conservación dos bosques autóctonos, dos ríos e dos mares, ou a posta en valor de prácticas comunitarias como os montes veciñais, son esenciais para acadar este cometido.

No actual contexto político e social cada vez máis tenso e polarizado, onde políticas de extremadereita están a gañar peso e visibilidade sempre en detrimento das mulleres, as minorías sociais e do medio ambiente, á vez que nos atopamos nun mercado laboral poscrise máis precarizado, sobran os motivos para sumarse á folga do #8M e ocupar tódalas rúas e prazas de cada cidade, vila e aldea do país.

Por todo isto, neste 8 de marzo as mulleres de ADEGA parámonos e unímonos ás diferentes convocatorias que irán percorrer o país.

ADEGA
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza


#NósParamos #3MVouaLugo #8MFagoFolga

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal