ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Crónica da eliminación de EEI en Razo-Baldaio

05-02-2019

Crónica da eliminación de EEI en Razo-Baldaio

Esta iniciativa da continuidade as tarefas de estudo, seguimento e actuacións sobre especies invasoras que ADEGA levan desenvolvendo dende hai anos. Desta volta en colaboración coa DXPN da Xunta de Galicia e o apoio do Concello de Carballo.
A xornada realizouse e o tempo foi estupendo, un día frío pero soleado. A actividade comezou cunha breve explicación sobre esta problemática ambiental que supoñen as especies exóticas invasoras ás participantes. Así mesmo, falouse do Día Mundial dos Humidais e da zona na que estábamos así como a súa importancia. A seguir realizaranse pequenos grupos que se encargarán de eliminar as “manchas” de especies invasoras.
No grupo de traballo de Razo traballouse sobre a especie Carpobrotus edulis, coñecida como unlla de gato ou herba coitelo. Esta planta é unha das especies invasoras máis perigosas para os ecosistemas dunares ao tapizar a superficie do terreo e desprazar á flora autóctona. Está considerada polo tanto unha especie transformadora do medio, facendo moi complicada a súa erradicación. Porén, é unha planta que responde ben aos métodos mecánicos de eliminación, sempre que non quede ningún fragmento polo chan. A zona onde se actuou foi na beira do regato que desemboca mesmo na praia de Razo, mais é un acceso de persoas e autos ao areal onde hai un campo de fútbol e vivendas, polo que amosa unha degradación importante. O voluntariado inspeccionou a zona localizando catro manchas de C. edulis que procedeu a eliminar. Tres eran de pouca entidade de menos de 1m2. A cuarta tiña unha extensión de aproximadamente 5m2. A retirada foi manual sen ferramentas, arrincando de raíz a planta. A materia vexetal retirada introduciuse en sacos e transportouse ata o contedor instalado no aparcamento polo concello de Carballo.
Unha vez eliminada a mancha, fíxose un pequeno percorrido pola contorna para inspeccionar se había algunha máis de C. edulis. Tamén se puido apreciar o grao de desenvolvemento do sistema dunar que acompaña ao areal de Razo. Contra o mediodía o grupo desprazouse ata a praia de Baldaio para o xantar e para realizar as actividades da tarde.

No grupo de traballo da zona de Baldaio actuouse sobre tres especies Cortaderia selloana, Pittosporum tobira e Helichrysum petiolare do que só había un pe. As tres especies teñen exemplares de pequeno tamaño e máis ou menos concentrados aínda que apareceu algún exemplar de P. tobira disperso.
Comezouse polo pe de H. petiolare especie que comeza a amosar comportamento invasor en diversos lugares da costa galega. Na visita previa a Razo-Baldaio só atopamos un pe preto de Pedra do Sal cun tamaño de 1x1,5 metros. Para eliminalo foise enrolando como unha alfombra e despois arrincóuselle a raíz. A seguir introduciuse nunha bolsa de plástico.
Voltamos cara a zona de Baldaio e alí comezamos coa eliminación de P. tobira e C. selloana. De P. tobira eliminaronse case 50 pes, todos de tamaño medio (uns 30-40 cms. de altura), se ben se eliminaron dous de máis dun metro de alto e cinco de apenas cinco centímetros. Para eliminalos se tiraba deles dende a base da planta e na maior parte dos casos saía a raíz e noutros empregábase a sachiña. Nos exemplares máis grandes cortouse a parte aérea coas tesoiras  e logo escarvouse a raíz cunha laia. Un exemplar de tamaño grande deixámolo con raíz para comprobar se rebrota.
Os exemplares de plumeiro estaban na mesma zona, case todos exemplares pequenos que se quitaron levantando a raíz cunha laia. O exemplar máis grande quitouse cavando toda a raíz ao seu redor cunha laia e despois tirando da parte aérea. En total quitáronse 9 pes.
Pola tarde realizáronse actividades complementarias, fíxose unha visita dende a Praia de Pedra do Sal ate Baldaio e logo alí adicouse un tempo a observación de aves e da diversidade natural deste espazo natural protexido.
Na actividade participaron 20 persoas voluntarias procedentes de toda Galiza (Vigo, Lugo, Compostela, Arteixo, Laracha, Negreira, Brión e Carballo).
A actividade está financiada pola DXPN da Xunta de Galicia e contou co apoio do Concello de Carballo para a retirada das especies eliminadas.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal