ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O centro de interpretación dos Parques Naturais:...

22-01-2019

O centro de interpretación dos Parques Naturais: unha metáfora dos espazos protexidos galegos

Un mamotreto de formigón en ruinas dende 2012 na chaira de inundación do Miño en Ourense, ilustra perfectamente a situación de abandono e desleixo do noso patrimonio natural.

Segundo unha nota da Xunta, o proxecto de Centro de interpretación dos parques naturais de Galicia presentouse en 2007 como "un edificio símbolo da Galiza verde, o único deste tipo en todo o país, un compendio de todos os seus ecosistemas...", e abofé que hoxe é iso: un símbolo de como están actualmente os nosos espazos naturais máis sobranceiros.
Orzamentado daquela en 4,7 millóns de € dos que xa foron "investidos" 2,2, Xunta e goberno central levan dende 2012 desfollando a margarida sobre que facer cun esquelete de formigón, o que ía ser o "Gugenheim ambiental", nunha parcela periodicamente asolagado polas choivas.

Os espazos protexidos e a educación ambeintal, á intemperie

Eata obra non só é outro cadaver urbanístico máis deixado nas beiras do Miño pola crise e a burbulla inmobiliaria: funciona moi ben como imaxe simbólica do actual estado de abandono e desleixo dos espazos naturais galegos, e da miopía dos responsábeis públicos que prefiren investir en eco-mausoleos antes que en educación ambiental.

A rede galega de espazos protexidos segue sendo a máis cativa de todas as comunidades autónomas (agás Melilla) con apenas un 12% do territorio continental prorexido. mentres a media estatal abeira o 30%. As dúas propostas de ampliación, presentadas sucesivamente en 2008 e 2012 por diferentes governos, non chegaron a aprobarse nunca, malia ás advertencias e sancións de Europa para ampliar a escasa representatividade dalgúns hábitats protexidos.
Dos 6 Parques Naturais e o Parque Nacional, millor nin falar: anos de incumprimentos e retrasos na aprobación das ferramentas de xestión, obrigatorias por lei, comprometeron a viabilidade ecolóxica dos seus elementos máis valiosos, de xeito que hoxe son pouco máis que parques temáticos para uso turístico-recreativo.
E no referido ás especies, das case 200 consideradas como ameazadas ou en perigo de extinción, apenas 4 contan cun plano de conservación ou recuperación en vigor logo de 12 anos, malia a térense licitado, redactado e pagado ducias de documentos técnicos que aínda agardan por unha aprobación que non da chegado.

Polo que atinxe á educación ambiental, no panorama galego fican apenas cascallos. Preferouse investir en cemento antes que en coñecemento: 5 millóns no centro de interpretación dos parques; 470.000 € no das Gándaras de Budiño, derrubado sen ter aberto as portas; medio millón no das Illas Atlánticas... Mentras, pechan equipamentos e despídese a educadore/as nos mesmos espazos que se pretenden interpretar. O investimento público en EA caeu a mínimos, reducíndose nada memos que nun 93% en 10 anos (dato da Sociedade Galega de Educación Ambiental). E a Estratexía Galega de Educación Ambienta, que tiña que ser revisada pasados seis anos depois de publicarse (2000) segue hoxe igual de esquecida que os espazos naturais galegos.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal