ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Nace en Lugo unha Plataforma pola Convivencia...

19-12-2018

Nace en Lugo unha Plataforma pola Convivencia Ética coa Fauna Silvestre

Tras as alarmantes e confusas novas na prensa sobre as intencións da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo, xunto coa Federación Provincial de Caza de Lugo, de tomar medidas de control, entre as que se barrallan as batidas nocturnas, contra os xabarís presentes en zonas urbanas e periurbanas  da cidade de Lugo, cidadás particulares de Lugo, xunto con representantes de ADEGA, Anonymous For The Voiceless, EQUO Galicia e Lugo Animal Save, acordaron promover a creación dunha Plataforma galega de entidades e particulares que traballe por fomentar  unha conciencia e convivencia ética da sociedade coa fauna silvestre, aberta á participación de todas as entidades, colectivos, agrupacións e particulares que compartan a necesidade de abordar doutro xeito a nosa relación coa fauna silvestre que vive no mesmo territorio ca nós.

Constatamos, en primeiro lugar, a falla de transparencia e a confusión xerada arredor dos acordos e xuntanzas que se están a dar entre  a Xunta de Galicia, o Concello de Lugo, a Policía e a Federación de Caza de Galicia co suposto obxectivo de artellar  accións que eliminen a presenza de xabaril na contorna urbana do concello de Lugo. Algunhas destas accións anunciadas en prensa, como as batidas nocturnas, que logo se desmentirían polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, poderían incluso vulnerar a vixente Lei de Caza de Galicia, pois só se poderían autorizar en situacións tamén excepcionais e probadamente insostibles. Sen embargo, a día de hoxe non hai ningunha certeza científica, nin análise seria e rigorosa que certifique a existencia de conflito xerado pola poboación periurbana de xabarís de Lugo e que, por tanto, xustifique a disposición de medidas extraordinarias dirixidas a facer extracción e/ou eliminación de exemplares.

Estase a falar dun aumento de accidentes de tráfico na contorna da cidade por mor dos xabarís, pero non se ofrecen datos fiables que sosteñan esta tese, nin estudos que avalen o incremento de desprazamentos da especie na periferia de Lugo. Aínda no caso de que este suposto se puidese constatar, deberíanse facer prevalecer as medidas preventivas e/ou disuasorias fronte as letais, previamente avaliadas, para evitar riscos para a seguridade da cidadanía e impactos imprevisibles na dinámica das poboacións.

Por outra banda, o achegamento puntual de xabarís e doutra fauna silvestre á cidade de Lugo non debe entenderse ou presentarse como un feito inusual, xa que entra dentro dos parámetros de normalidade dunha cidade cun carácter e cunha contorna profundamente rural. Ao mesmo tempo, non deberíamos promover accións que suxiran unha discriminación positiva dos cidadáns e cidadás das urbes fronte as persoas que viven no rural, as cales están necesariamente expostas á convivencia diaria coa  fauna silvestre. Neste senso, instamos a que non se promovan mensaxes imprudentes e sensacionalistas que só xeran alarma entre a opinión pública e que contribúen a sesgar a realidade e a percepción social sobre as especies silvestres.

Constatamos tamén que estes tema se está abordar sen a participación de todos os sectores e colectivos implicados, interesados ou afectados pola xestión destas poboacións e das especies silvestres en xeral. Cremos imprescindible abordar esta cuestión coa participación, cando menos, de persoas expertas sobre o tema, de institucións científicas (lembremos que Lugo conta cunha Escola Politécnica Superior, cunha Facultade de Veterinaria, e coa Fundación Rof Codina) e de colectivos de carácter ecoloxista, animalista, sindical e veciñal que representan sectores da poboación implicados.

Reclamas ante a Xunta e o Concello de Lugo

Por tanto, desde esta plataforma instamos á Xunta de Galicia e ao Concello de Lugo a que, antes de poñer en marcha calquera medida de control ou de eliminación da poboación de xabarís na contorna de Lugo:

-Promovan estudos científicos sólidos que constaten a existencia dun conflito coa poboación de xabarís da contorna de Lugo e a necesidade de tomar medidas, que determinen cientificamente as causas da problemática, así como o estudo de medidas alternativas non letais e menos lesivas para a especie e para a seguridade das persoas, dando prioridade ás medidas preventivas.

-Prioricen ferramentas éticas e non cruentas de xestión da fauna baseadas en criterios rigurosos e adaptadas á nosa contorna, no canto do recurso exclusivo, reiterado, cruel e cruento e, plausiblemente ineficaz da caza.

-Eviten tomar decisións e accións improvisadas que non teñan garantida a súa efectividade. -Promovan a participación de todas as partes interesadas, implicadas ou afectadas pola suposta problemática a resolver nas mesas de discusión, incluída a representación desta Plataforma.

-Informen a veciñanza de Lugo de xeito transparente e responsable, evitando xerar alarmas innecesarias que en nada axudan a unha convivencia ética coa fauna silvestre. Neste senso, pedimos tamén aos medios de comunicación que actúen coa mesma responsabilidade.

-Promovan campañas de educación e concienciación social sobre a necesaria convivencia ética coa fauna silvestre en contornas urbanas, xa que as especies silvestres forman parte do noso patrimonio natural e cultural común e, por tanto, e debe promoverse a súa valoración por parte da cidadanía, especialmente nun espazo considerado como Reserva de Biosfera pola Unesco.

Polo de agora, e agardando a que se sumen máis colectivos, integran a Plataforma Galega pola Convivencia Ética coa Fauna Silvestre: ADEGA Anonymous For The Voiceless EQUO Galicia Lugo Animal Save.

Contacto e-mail: pconvivenciaetica@gmail.com 

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal