ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Para o AVE non vale todo: abonda de verteduras ao...

10-08-2018

Para o AVE non vale todo: abonda de verteduras ao Támega!

Manifesto en defensa do río Támega: abonda xa de verteduras!

Cinco anos, cinco longos anos, son os que leva o río Támega a través das súas afluentes Cabras e  Cereixo, soportando agresións, sufrindo verquidos de metais pesados unha e outra vez.

Quizais fomos unhas ilusas cando en xuño de 2013 pensamos que aquilo era puntual, ou quizais accidental. Estabamos equivocadas, porque durante este tempo seguiron contaminando o noso río, a nosa terra... Cinco longos anos de loita, moi amarga en moitas ocasións... Cada vez que denunciabamos e os organismos competentes facían caso omiso. Estes organismos, Consellería, Confederación, e a maior parte dos concellos, que terían que ser os encargados de velar pola saúde dos nosos ríos, pola nosa saúde, miraron para outro lado unha e 100 veces e, así é como chegamos ata aquí... Nunca negaremos o progreso, pero, ou é sustentable ou non será. A comarca do Támega conta cunha das contornas naturais con máis riqueza pero cuns malos xestores que pouco ou nada fan para protexela.

No 2015 as analíticas de auga e sedimentos mostraron contaminación por metais pesados, como chumbo e arsénico propios de actividade mineira. Contaminación que non sabemos como vai repercutir a medio longo prazo nos nosos ecosistemas e tamén en humanos, pero aínda con  ésto séguese negando a existencia de verteduras... E por que?... Porque non importamos, non importa un río, o Támega, pertencente á Rede natura 2000 esnaquizado; non importan pobos e bosques como o de  Cerdedelo esnaquizados, nin o río Camba de  Campobecerros... Non importamos nada... Só o seu progreso, ese progreso que para beneficio duns poucos é capaz de destruír a contorna dunha comarca enteira sen nin sequera inmutarse.

Non sabemos se xa é tarde para o Támega, para o río o que nos une, pero si sabemos que seguiremos loitando e esixindo aos organismos competentes que defendan a nosa contorna e ás súas xentes, esixímolo hoxe  e seguiremos adiante, porque é o nosa obriga, é a nosa terra!

Moitas grazas a  tod@ s por estar hoxe aquí apoiándonos. Grazas a CIG de Verín,  EnMarea, BNG,  Concello de Verín, e a  tod@s que de maneira directa ou indirecta estades e sempre defendendo o Támega.

Cerdedelo, agosto de 2018

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal