ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O novo goberno estatal ten a oportunidade de...

18-07-2018

O novo goberno estatal ten a oportunidade de liberar a ría de Pontevedra de ENCE

Un artigo de Ramón Varela, experto en contaminación ambiental e ex-presidente de ADEGA

Un negocio redondo con bos padriños...

A planta de celulosa de Ence en Pontevedra, asentada sobre terreos de dominio público marítimo-terrestre, ten unha concesión outorgada por Orden Ministerial do 13 xuño de 1958 con vencemento o 29 de xullo de 2018. Antes de rematar o prazo e con data 20 de xaneiro de 2016, de forma fulminante e sorpresiva e cun goberno provisorio, o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, outorga a prórroga da mencionada concesión por un período de 60 anos, isto é ate o 8 de novembro de 2073. Prórroga condicionada a realización de certos investimentos por un valor de 61 millóns de euros (30 millóns para incrementar a capacidade e mellorar a eficiencia da fábrica, 27 millóns para reducir o volume do efluente, eliminar cheiros, ruídos e vapores e 4 millóns restantes para integración paisaxística da fábrica).
O 28 de xuño do 2016 Ence asinou un “pacto ambiental” coa Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia onde volve incidir en melloras na factoría (vese que as necesitaba) pero deixa no aire concretar polo detalle e cuantificar as melloras a que se compromete.

De calquera forma, tanto o Goberno do PP como a Xunta desprezaron a constante oposición manifesta a este complexo e en particular a oposición á súa prórroga. De nada servíu a mobilización cidadá que ano tras ano esixíu centos de veces o peche de ENCE, pois sábese que a economía, a ecoloxía e a saúde humana sairía ganando coa súa marcha. Pero ENCE sempre se sintiu segura e cómoda no seu emprazamento e sen que lle importaran ren as críticas cidadáns polas súas emisións, cheiros e perdas en recursos mariños, turísticos...

Posiblemente a razón de tal seguridade ten que ver coa boa relación da empresa co daquela partido no Goberno e coa Xunta: no Consello de Administración de ENCE sentan dende fai anos unha ex-deputada do PP e ex ministra de Medio Ambiente Isabel Tocino (percibiu de ENCE no ano 2017 un total de 86.000 euros) e un ex Director Xeral de Montes e logo Conselleiro da Xunta de Galiza Carlos del Alamo (percibiu o ano pasado 101.000 euros, deles 44.000 por retribución fixa e 57 mil en dietas).

No ano 2017 a planta de ENCE- Pontevedra produciu 434.654 toneladas de pasta de celulosa TCF. No ano 2018 aumentará a produción en 30.000 t. e no ano 2019 en 40.000 t , grazas a prórroga concedida. Na actualidade a produción de celulosa en ENCE-Pontevedra representa a cuarta parte do total que se produce no Estado español e o 1,2% da produción da Unión Europea. Destaca tamén a empresa en Pontevedra por ser autosuciente en electricidade, xera 215 millóns de kwh/ano coa térmica de 35 MW de potencia.
Os beneficios económicos despois de impostos do ano 2017 superaron os 33 millóns de euros, por enriba de todo grazas a subida do prezo da celulosa que durante ese ano aumentou ate mais do 45%. O prezo medio da celulosa no primeiro trimestre do 2017 era de 650-700 euros/t , cunha media ao longo do ano de 818 euros/t, en abril do 2018 chegaba a 1.050 euros/t e con tendencia a seguir subindo. No ano 2017 o 36% dos beneficios do grupo Ence pertencen a ENCE-Pontevedra.

Unha industria suxa e contaminante, con nefastos efectos secundarios

Pero a celulosa é unha industria moi particular, que non só incide en Pontevedra senon en toda Galiza, ao arrastrar un determinado Plan Forestal detrás, neste caso de mais de 600.000 hectáreas de eucalipto. A celulosa considérase en calquera lugar como industria contaminante, non importa que os seus parámetros de emisión e vertido a auga poidan estar dentro da legalidade vixente. Tampouco é o mesmo que unha celulosa estea instalada nun lugar apartado lonxe de poboación que se localice próxima a unha cidade e nunha área próxima densamente poboada e ao pé dunha das rías máis produtivas do mundo rica en moluscos, crustáceos e peixes e onde existe acuicultura e cultivo mariño.

As emisións a atmósfera de ENCE son gases de efecto invernadoiro, gases acidificantes, partículas, metais ... , o vertido a ría dun caudal de auga por riba de 12 millóns de metros cúbicos/ano cargado con oito substancias contaminantes declaradas e outras que non alcanzan un limiar para declarar, son sempre substancias preocupantes no medio, xa que moitas acumulanse ao longo das cadeas alimenticias e mesmo poden reaccionar entre elas ou no medio facéndose mais tóxicas ainda.
As emisións a atmósfera que figuran no Rexistro de Emisións Contaminantes , PRTR, do ano 2016 son catro contaminantes, cun volume total de emisión de 1.031.135,1 toneladas:

  • Dióxido de carbono: Emite 1.030.000 toneladas. Valores moi superiores aos de anos anteriores e que sorprende ao ter asignado unicamente 43.056 toneladas.
  • Óxidos de nitróxeno. Emite 877 toneladas. As emisións na caldeira de recuperación, no forno de cal e na caldeira de biomasa aumentaron notablemente respecto de anos anteriores. Si estudamos a serie de emisións deste gas nos últimos 10 anos, observamos que os dous últimos anos son os de maiores emisións e mesmo duplican os valores do ano 2007.
  • Óxidos de xofre: Emite 207 toneladas cando no ano 2007 emitía 177.
  • Partículas: Emite 51,1 toneladas. Único contaminante que observa unha notable redución.
Na Declaración de Sustentabilidade de ENCE-Pontevedra 2017, con datos do 2016 figura ademais a emisión de 3,4 toneladas de sulfhídrico, e 161 toneladas de monóxido de carbono.  

Nun caudal de vertido de auga industrial de 12.573.208 m3/ano, ENCE declara un vertido de oito contaminantes (PRTR) cun volume de 804, 6 toneladas.
  • Nitróxeno total: Emite 109 toneladas. Estudando a serie dos últimos dez anos o 2016 é o de maior emisión.
  • Carbono Orgánico total: 695 toneladas. Valor superior ao de anos como 2007-08-09 ou 2013.
  • Cadmio : Emite 6,9 kg. É o maior valor dos últimos 5 anos.
  • Cobre: 69 Kg. Supera o ano 2015.
  • Mercurio: 2 kg. Supera ao ano anterior.
  • Níquel: 84 kg. Valor que supera os dous anos anteriores.
  • Chumbo: 82 kg. Supera ao ano anterior.
  • Zinc: 388 kg. Supera ao ano anterior. 
En conxunto os metais pesados supoñen 632 kg pero non figuran datos para Arsénico, Cromo nin tampouco para outros como Fósforo total e Compostos Orgánicos Haloxenados (AOX).

Queremos seguir con este nivel de contaminación? Como é posíbel que despois de 60 anos se siga contaminando desta maneira? A prórroga concedida foi unha auténtica burla en forma e en contido e da Xunta xa non podemos esperar ren, pero agora estase a tempo de corrixila. A concesión inicial do ano 58 ainda caduca a finais de xullo do 2018 e si de verdade o novo Goberno do Estado quere na Galiza facer outra política, unha nova política, ten o momento e a oportunidade: Anular a prórroga de ENCE e marcar con data o peche da celulosa. Galiza e Pontevedra en particular están a espera.

Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía, experto en contaminación ambiental e ex-presidente de ADEGA

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal