ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / O Plan Básico Autonómico omite gran parte da rede...

10-04-2018

O Plan Básico Autonómico omite gran parte da rede fluvial galega

ADEGA e AEMS-Ríos con Vida veñen de presentar alegacións ao Plan Básico Autonómico (PBA) por non contemplar o grafado dunha parte moi considerable da rede fluvial galega. O documento non contempla regos ou regatos que figuran na parte máis capilar da rede, como é nas cabeceiras, pero tampouco recolle treitos de maior entidade da rede fluvial que xa están identificados en varias fontes cartográficas das que dispón a Xunta de Galiza, e en concreto, a Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, impulsora do Plan ( (cartografía 1: 50000 do Exército de mediados do século pasado, cartografías 1:25000 do IGN, cartografías municipais, etc.).  

Nun estudo comparativo entre diversas cartografías, ambas entidades  detectaron en todos os concellos galegos, agás en 5 da provincia de Pontevedra, deficiencias no Plan Básico Autonómico relativas á identificación da rede fluvial, e poñen como exemplos algúns casos analizados na provincia de Lugo. O caso do concello lucense é paradigmático xa que o PBA desatende aproximadamente o 45% da súa rede fluvial municipal, se se compara coa cartografía fluvial do concello editada en 1984, de forma que dos 620 quilómetros de ríos de Lugo, o PBA só contempla 343 quilómetros. Do mesmo xeito sucede noutros concellos da provincia como, por exemplo, en Barralla ou Cospeito, onde se omiten cando menos 98 e 42 quilómetros da súa rede fluvial, respectivamente.

Se estas deficiencias non se corrixen no Plan Básico Autonómico, os ámbitos de afección de boa parte da rede fluvial galega, nomeadamente, a parte correspondente  ás Zonas de Fluxo Preferente (ZFP) e ás Zonas de Policía (ZP), quedarían sen protección e sen definición. Este defecto de delimitación iría en contra da normativa vixente que obriga a identificar a rede fluvial e a determinar os correspondentes ámbitos de afección no PBA (art. 49 da Lei 2/2016 e artigos 90 e 92.1 do Decreto autonómico 143/2016), así como a delimitar as zonas inundables (Determinación excluínte 4.8.16 das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia), tarefas para as que a Xunta de Galiza dispón dos medios necesarios.  

ADEGA e AEMS-Ríos con Vida completan as súas alegacións coa achega de dous estudos que xa foran presentados por estas organizacións ante a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en decembro de 2012 e en decembro de 2013: un estudo hidrolóxico e hidráulico do tramo medio-alto do río Rato, -tramo que o PBA segue a omitir-; e un estudo parcial da rede fluvial do Concello de Lugo, onde se determinou o trazado de máis de 20 tramos fluviais, cunha extensión aproximada de 45,8 quilómetros, dos que case a metade (22 quilómetros) tampouco aparece reflectida no PBA.  

ADEGA e AEMS-Ríos con Vida solicitan, por tanto, que se corrixan todos os fallos detectados e que se revise toda a cartografía de aplicación existente á hora de grafar e delimitar  adecuadamente toda a rede fluvial galega  no Plan Básico Autonómico, e de forma que se determinen correctamente os seus ámbitos de afección e protección. Ademais, instan á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a consultar, entre outras fontes, a cartografía militar do século pasado na que se identifican, de forma minuciosa e a partir dun laborioso traballo de campo, as canles e masas fluviais do territorio galego.   Tamén reclaman que se amplíe o prazo de exposición pública para poder realizar con máis tempo as precisas achegas ao borrador do Plan Básico Autonómico.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal