ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Compostaxe? Será por cartos...!

16-03-2018

Compostaxe? Será por cartos...!

O Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente abre de novo a convocatoria de axudas PIMA para mellorar a xestión de residuos, en concreto a separación da materia orgánica e compostaxe.

O obxectivo destas axudas é promover actuacións que permitan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), de feito do total das emisións de GEI atribuíbles ao sector residuos, o 76% corresponde ao depósito de residuos orgánicos ou biodegradábeis en vertedoiro.

Outro obxectivo é o cumprimento dos obxectivos comunitarios de xestión de residuos, en especial no obxectivo da Directiva 2008/98/CE de residuos, relativo ao reciclado do 50% dos residuos municipais no 2020 e o obxectivo de verquido de residuos urbanos biodegradábeis estabelecido na directiva 1999/31/CE relativa ao verquido de residuos, que debería ter sido no 2016 como máximo o 35% da cantidade total de residuos urbanos biodegradábeis xerados en 1995. 

Este é a terceira convocatoria destas axudas PIMA, e ADEGA ten colaborado con diferentes concellos na implantación da recollida separada de biorresiduos  e sobre todo na implantación de proxectos de compostaxe caseira e comunitaria na que temos ampla experiencia.

Nas seguintes ligazóns podedes consultar os resultados dos diferentes proxectos:

Allariz     http://www.adega.gal/revistacerna/revistas.php?id=65&idioma=gl&sec=150&page=2 

Cerdedo http://www.adega.gal/revistacerna/revistas.php?id=65&idioma=gl&sec=150&page=2

San Sadurniño: http://www.adega.gal/revistacerna/revistas.php?id=66&idioma=gl&sec=150&page=2

Dende ADEGA preguntámonos por que máis concellos e/ou entidades locais non se presentan a estas axudas e a Xunta de Galicia (que é o organismo intermediario) non informa aos concellos desta posibilidade. Na Galiza, a separación da materia orgánica é practicamente inexistente, soamente está implantada na Manc. de concellos Serra do Barbanza e área metropolitana da Coruña, e a separación pode ser bastante mellorable.

En canto a compostaxe caseira, na Galiza máis de 300.000 vivendas teñen a posibilidade de compostar os residuos orgánicos na casa, e moitas vilas poderían xestionar case a totalidade da fracción orgánica combinando a compostaxe caseira coa comunitaria.

Estas axudas desglosan 5 liñas de financiamento:

  1. Proxectos de recollida separada de biorresiduos: 1.850.000€
  2. Proxectos de compostaxe caseira e comunitaria: 1.600.000€
  3. Proxectos de instalacións de compostaxe: 1.850.000€
  4. Proxectos de Aceite de cociña usados: 300.000€
  5. Proxectos de biogás: 271.000€
Estas axudas inclúen dende a compra de composteiros até o seguimento dos mesmos, campañas de educación ambiental e incluso axuda para a  compra dun camión para a recollida separada de materia orgánica.

Agora xa non teñen cabida os lamentos dende os diferentes municipios por falta de cartos para a implantación destes proxectos. Cartos hai, agora veremos se hai vontade política e ganas de poñerse a traballar para reducir emisións de gases de efecto invernadoiro e ademais cumprir a lexislación implantado proxectos de compostaxe. O único xeito de cumprir a Directiva Europea é separando e compostando os biorresiduos.

Ligazón a orde de axudas (remata o prazo 31 de marzo):

http://sirga.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Web/Contidos_Sirga/Aviso/aviso_0110.html

Mais info: residuos@adega.gal ; 981570099 – 628378804   María R. Lafuente, vogal de residuos de ADEGA

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal