ADEGA

Inicio / Novas / Todas / 42 Asemblea de ADEGA: Propostas de resolución e...

19-02-2018

42 Asemblea de ADEGA: Propostas de resolución e entrega dos premios Osíxeno 2017

Este 17 de febreiro celebramos en Gondomar a nosa 42 Asemblea Xeral. No decurso dos seus traballos aprobamos varias propostas de resolución e fixemos entrega dos Premios Osíxeno 2017.

Propostas de resolución da 42 Asemblea

-AUGA: A Asemblea de ADEGA, considerando a auga como un ben común, demandamos o cumprimento da Directiva Marco da Auga e dos valores da Nova Cultura da Auga, esisindo unha xestión eficiente e racional deste recurso. Opoñémonos a obras como o transvasamento do río Verdugo, entre outros, instando a preservar a boa saúde dos ríos e do medio ambiente.

A Asemblea de ADEGA insta tamén a preservar as cabaceiras dos ríos, particularmente polo que atinxe á invasión destas por especies como o eucalipto, grande demandante de auga. Nomeadamente, a cabeceira do río Miño no Pedregal de Irimia, que compromete o seu caudal global e afecta a un lugar sagrado e emblemático para a cultura galega, deturpando o seu aspecto de paisaxe peculiar.

-CAMBIO CLIMÁTICO:
A Asemblea de ADEGA constatou o retraso na incorporación de Galiza á loita contra o cambio climático. Galiza non só precisa dunha estratexia, pois é imprescindible unplan con obxectivos cuantitativos e incorporar accións de mitigación e adaptación específicas nas políticas de enerxía, transporte, usu sustentábel da auga, plantacións forestais e sector turístico.

-MONTES E INCENDIOS: A Asemblea de ADEGA á Administración que contribúa á ordenación e xestión sustentábel dos montes galegos nos seguintes aspectos:
-Na propiedade: recoñecendo legalmente e na práctica a propiedade comunitaria do monte e procurando fórmulas axeitadas para regular a propiedade privada, prestando especial atención ás terras abandonadas.
-Na Educación ambiental: favorecendo o achegamento da sociedade ao monte e aos bosques, nomeadamente nos montes periurbanos das vilas e cidades galegas.
-Na rendibilidade do monte: explorando novos sistemas de financiamento de especies frondosas e masas arbóreas autóctonas e favorecer acordos con axentes económicos que aposten por alternativas produtivas alleas ao cultivo do eucalipto ou doutras especies exóticas e de crecemento rápido.
-Na investigación: fomentando o estudo e coñecemento sobre as especies e bosque autóctonos e sobre a loita contra os incendios forestais.

Demandamos tamén a revisión do decreto que regula a xestión dos garranos ou cabalos salvaxes e doutras especies equinas autóctonas cara a un regulamento consensuado socialmente e que considere as funcións e servizos que estes animais cumpren nos ecosistemas naturais e na sociedade.

-MINARÍA: A Asemblea de ADEGA rexeita os proxectos de macro-minaría (Touro-O Pino, Lousame, Mesía...) por seren insustentábels ambiental e socialmente. A extracción de recursos minerais debe supeditarse á reutilización e reciclaxe previa das materias primas, ao uso das millores técnicas dispoñíbeis, á participación nos beneficios das comunidades afectadas, e á minimización dos impactos e á restauración ambiental das explotacións mineiras. E antes de autorizar novos aproveitamentos, debe obrigarse ás concesionarias á restauración dos territorios afectados, e á constitución de garantías financeiras suficientes e seguros de responsabilidade civil e accidentes por danos ilimitados.

Entrega dos premios Osíxeno 2017

No decurso do xantar de confraternización da 42 Asemblea fixemos entrega dos Premios Osíxeno 2017.
Foron premiados/as na categoría individual o Presidente de Mariña Patrimonio manuel Miranda, e na categoría colectivo as comunidades de montes de O Covelo, Coruxo, e Froxán (Galiza) e do Casal de São Simão (Portugal). Como premio Osíxeno de Honra 2017, quixemos recoñecer o labor de Agustín Ferreira, fundador de ANABAM (Asociación Naturalista do Baixo Miño) e da Asociación Cultural Guardesa.
A todos/as, premiados e asistentes, moitas grazas!

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal