ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Os ´campionatos´de caza de raposo: un absurdo e...

30-01-2018

Os ´campionatos´de caza de raposo: un absurdo e cruento anacronismo

Quere a poboación celebrar ´campionatos´de raposo en pleno século XXI?

Xa hai 13 anos que comezaron en Galicia os campionatos do raposo. O próximo celebrarase o 3 de febreiro, a IX Copa España de Caza de Raposo, en montes de Cotobade (que sufriu a vaga de lumes de outubro), Cerdedo e Forcarei. Trátase de celebracións nas que se premia á cuadrilla que logra matar o maior número de raposos. Os argumentos para defender esta matanza indiscriminada, referidas a falsa idea de preservar as poboación de caza menor, carecen de sentido e non están avaladas por datos científicos fidedignos.

Constátase unha forte oposición social a este tipo de eventos. Se cabe, a de maior calado é a idea de que matar animais de xeito indiscriminado, por divertimento, carece de ética e moralidade. Ademais, existe unha extensa bibliografía de estudos científicos a nivel mundial, que demostran que estas accións non logran reducir as poboacións a longo prazo, se ese é realmente o obxectivo. Neles destácase que a eliminación de raposos non consegue recuperar poboacións como a de coello ou perdiz. Dito declive vén dado por outros factores como son a afección de enfermidades (onde o raposo xoga un papel fundamental e necesario), a sobrecaza, as repoboacións con animais de granxa, cambios no hábitat (plantacións masivas de eucaliptos, o abandono do medio rural), entre outros.

Uns campionatos que rompen co compromiso de aplicar un modelo de práctica cinexética que resulte o menos lesiva para a biodiversidade conforme propugna a “Carta Europea sobre a Caza e Biodiversidade” adoitada en virtude do Convenio Europeo de Berna. Non podemos esquecer que estes campionatos non son coherentes cos principios reitores  de “protexer, conservar, fomentar, e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos” da Lei 13/2013, de 23 de decembro, de caza de Galicia, onde se establece un aproveitamento ordenado mediante Plans de ordenación cinexética e os Plan anuais. Como podemos cazar o máximo número de raposos cando debemos seguir as directrices contidas en ditos plans? Entón, para que serven ditos plans?

Logo, por que se seguen realizando os campionatos de caza do raposo?
A forte oposición social aos campionatos non é exclusiva dunha parte da poboación galega que vive nas urbes, tamén e causa de rexeitamento maioritario da poboación do medio rural. Destacar incluso que son moitas as persoas cazadoras, que tanto a título individual coma por medio de asociacións cinexéticas galegas desaproban estas competicións que pouco teñen que ver coa caza ordenada.

Hai unha responsabilidade política e das administracións por fomentar uns campionatos que van en contra do desexo maioritario da poboación galega.

Non se concibe que a administración poida apoiar e financiar con fondos públicos, así como outorgar as autorizacións, para que ditos eventos poidan celebrarse. Incluso coa gravidade de que as principais autoridades poidan chegar a incluílos na súa axenda de actos de goberno. Neste sentido a súa responsabilidade é máxima, para uns campionatos que son de dubidosa legalidade e van contra o interese público xeral de preservar e garantir un ben coma é o medio ambiente.

Que opina a sociedade sobre o futuro destes campionatos de raposo?
Sería de recibo solicitar unha enquisa entre a poboación sobre ditos campionatos. Avanzamos cara unha sociedade crítica hacia eventos que supoñen a matanza masiva, cruenta e inxustificada de animais e é de esperar que os nosos gobernantes adopten tales desexos como directrices a seguir nos seus mandatos.

Resulta preciso revisar o control da práctica cinexética?

Lembrar que pódese cazar en case o 95% de Galicia, unha comunidade autónoma con núcleos de casas dispersas por todo o territorio, o cal xera polémica e contrariedades. Precísase un maior control e vixilancia da práctica cinexética, pois non pode continuar asentada entre a Administración a permisividade e tolerancia dos continuos excesos e abusos das malas prácticas de caza que algúns, dentro de dito colectivo, exercen impunemente. Para iso resulta necesario que na súa xestión se empreguen criterios científico-técnicos e non criterios populistas carentes de rigor. Velar por un cumprimento estrito das normas de caza e do medio ambiente. Perseguir e sancionar exemplarmente as múltiples infraccións que teñen lugar. Así como establecer exames máis rigorosos, con amplos contidos en bioloxía e ecoloxía das especies cinexéticas; unha revisión dos métodos de caza que supoña menos batidas e eventos masivos cara a unha caza selectiva; ou establecer unha taxa de alcol cero para a súa práctica.

ADEGA
GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes)

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal