ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Programa de sensibilización cidadá para mellorar...

15-01-2018

Programa de sensibilización cidadá para mellorar a recollida de residuos en orixe

Obradoiros sobre reciclaxe na mancomunidade de concellos Serra do Barbanza

Abrimos o prazo para solicitar actividades do programa “O lixo dende o teu concello” na Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza, neste ano 2018. Os obradoiros sobre residuos impartiranse en centros de ensino, asociacións e concellos que xestionan o seu lixo dun xeito alternativo a SOGAMA: recollendo a fracción orgánica coa que realizaran compostaxe. As próximas actividades centraranse en facer unha diagnose da xestión dos residuos, é dicir unha ecoauditoría, nas que investigaremos sobre a xestión de lixo e recursos nun lugar concreto (un colexio, unha biblioteca,...) o propio persoal do centro e alumnado ou usuarios participaran activamente na ecoauditoria, tamén na proposta de mellora e execución da mesma.

Como novidade tamén ofertamos a “Ambientalización de festas”, no que propoñemos unha serie de estratexias intentando conseguir  que a produción de lixo nas festas diminúa notablemente ademais de visibilizar a correcta separación de residuos. Para complementar esta temática, ofertamos máis obradoiros que podes consultar no noso folleto (ligazón), sempre adaptándonos o rango de idade do solicitante.

Ames, Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois forman parte desta Mancomunidade que xestiona o lixo dos concellos centralizando a recollida, o transporte, e o tratamento dos residuos. Na planta situada en Lousame, a materia orgánica xerada nestes concellos transfórmase en compost. Un abono natural que serve para utilizalo na agricultura aportando  moitos beneficios. 

O programa “O lixo dende o teu concello” amosa a importancia dos tres R: Reducir (a cantidade de residuos), Reutilizar (sempre que sexa posible) e Reciclar (sempre). Onde se  pretende que sexa unha forma de vida en vez dun aprendizaxe puntual. A separación do lixo por parte das cidadás e cidadáns é esencial.

ADEGA imparte obradoiros entre aquelas entidades que o soliciten, adaptándose sempre aos requerimentos dos solicitantes, de tal maneira que resultan atractivas tanto para os mais cativos como para persoas adultas. Se organizas unha festa nunha asociación, barrio, parroquia ou concello e queres ter en conta a xestión de residuos e ambientalizar a festa contacta con nós.    

A equipa de educación ambiental de ADEGA
Tlf: 981 570099
Email: residuos@adega.gal

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal