ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / III Xornada de Eliminación de EEI no Río Limia

30-10-2017

III Xornada de Eliminación de EEI no Río Limia

Eliminación de Ludwigia grandiflora no ZEC Río Limia

A actuación conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Esta xornada foi unha continuación dos traballos desenvolvidos en 2015 e 2016 na mesma zona.
Os traballos de eliminación no río Limia foron unha continuación dos iniciados pola Delegación de Ourense da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en 2014 e polo voluntariado de ADEGA en 2015 e 2016, sobre a Ludwigia grandiflora, especie acuática moi perigosa que está a invadir a canle do Limia.

O obxectivo da xornada foi valorar a efectividade da actuación desenvolvida en 2015 e 2016 nun treito de 1,5 Km. A metodoloxía foi localizar, mediante toma de datos con GPS, as manchas de L. grandiflora e medir a súa superficie. Posteriormente, retiráronse de forma manual e almacenáronse en sacos. Con estas actuacións preténdese ver a evolución da poboación desta especie invasora para estudar a continuidade desta metodoloxía ou probar novas medidas. A conclusión tirada desta terceira actuación é que a metodoloxía está a ser efectiva dado que a presenza de manchas no treito escollido en 2015 e 2016 foi máis reducida, aparecendo na maioría dos casos só pes illados.

A xornada comezou o sábado pola mañá na Capela de A Ponte Liñares cunha charla sobre a problemática que as especies exóticas invasoras producen nos ecosistemas acuáticos. A xornada asistiron 11 persoas, de diferentes lugares de Galiza. Comentáronse os antecedentes de traballos desenvolvidos en lugares similares e en anos anteriores. ADEGA leva traballando na eliminación de especies invasoras con diferentes xornadas de voluntariado desde o 2008. Esta foi a terceira actuación no ZEC Río Limia por parte do voluntariado de ADEGA. Porén, é a cuarta actuación desenvolvida neste lugar xa que dende a Delegación de Conservación da Natureza de Ourense da Xunta de Galiza xa se actuou en 2014.

Logo desta pequena presentación comezaron os traballos de inspección e seguimento dos traballos realizados en 2016 e despois continuar coa eliminación da especie obxectivo, L. grandiflora, que está a espallarse augas abaixo polo río. Distribuídos en dous grupos, nos que uns ían polo medio do río e outros pola marxe, fóronse localizando as manchas de L. grandiflora e tomando os datos (localización, tamaño da mancha, etc). A retirada fíxose de forma totalmente manual, eliminando tamén as raíces somerxidas e procurando que non quedara ningún fragmento da planta no río.

Desta volta decidiuse retrasar o xantar para rematar os traballos na primeira zona: eses 1,5-2Km dende Ponte Liñares río arriba, para pola tarde achegarnos ata a Veiga de Ponte Liñares e facer unha localización de máis máis manchas. Foron vistas dende a ribeira algunhas manchas, mais non se procedeu á súa retirada pola dificultade do acceso ao río que tiña unha elevada cantidade de vexetación.

Todo o material vexetal foise introducindo en bolsas e acumulouse nunha pista ao carón do río para que os operarios da Delegación Provincial de Conservación da Natureza de Ourense os recolleran. A actuación desenvolveuse ao longo de 1,5-2 quilómetros de río. Dun total de 15 localizacións de L. grandiflora que medraban na canle do Limia, 8 foron de pés illados, e o resto de manchas de pouca entidade, sendo a maior de 59 m2.

Logo, desprazámonos cara as areeiras da Limia para ver a diversidade de aves que poden albergar as fochancas abandonadas da extracción de area.
As 18:00h rematou a xornada de eliminación de especies exóticas invasoras.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal