ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Xunta certifica o fracaso de SOGAMA abrindo a...

29-08-2017

A Xunta certifica o fracaso de SOGAMA abrindo a compostaxe industrial aos concellos

Era visto. Por imperativo legal e tras 20 anos de incineración, a Xunta veuse obrigada a abrir a porta á compostaxe a gran escala permitindo a participación dos concellos no proxecto da nova planta da Areosa e implantando a recollida selectiva.

Aínda que de xeito testemuñal e pola porta de atrás, a Xunta vén de certificar tras 20 anos o fracaso do modelo SOGAMA baseado na incineración, promovendo a compostaxe a gran escala e a posibilidade de implantar nos concellos a recollida selectiva de materia orgánica.

A enésima modificación do Plano de Residuos vai permitir aos concellos cambiar o sistema de recollida para que a materia orgánica poida ser separada xa en orixe. Até o de agora, SOGAMA só recolle selectivamente vidro, envase lixeiros e papel-cartón. O "resto" (máis do 50% en peso) incluída a materia orgánica, vai todo mesturado ao contentor verde para ser soterrado no vertedoiro da Areosa e satélites, ou queimado na incineradora.

A recollida selectiva da materia orgánica é a condición sine que non para fabricar un verdadeiro compost fixada pola Lei de Residuos 22/2011, e deste xeito cumprir os obxectivos de reciclaxe (mínimo do 50% da materia orgánica para 2020) que establece a Directiva 2008/98/CE. Cómpre lembrar que nestes intres e logo de 20 anos, o modelo SOGAMA promovido pola Xunta, acada só un 3,3% de reciclaxe...

Compostaxe ´ma non troppo´

Porén, a Xunta limita a compostaxe a apenas 15.000 toneladas anuais nunha planta industrial nas súas instalacións da Areosa en Cerceda. Nun primeiro momento, esta planta ía tratar materia orgánica do colector verde de concellos próximos, mais como denunciou ADEGA, sen separación en orixe non podería facer compost. A Xunta modificou o proxecto, orzamentado nuns 4 millóns de €, para acoller esta volta residuos orgánicos de "grandes produtores" (centros comerciais, cárceres, hospitais...). Mais como novamente denunciamos, este sistema tería enormes custos de transporte con elevadas emisións de gases, incumprindo o principio de proximidade.
Agora e tralo último refritido, a planta de compostaxe da Areosa tratará os residuos orgánicos recollidos separadamente nos concellos próximos. Tal parece desprenderse da Disposición adicional segunda do Proxecto de lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais, (páxs. 37 e 38) que o PP vén de apresentar no Parlamento.

Así, de xeito case clandestino e pola porta de atrás, o PP parchea de novo o sistema SOGAMA para permitir o que até hai pouco era anatema: promover a compostaxe e a recollida selectiva da materia orgánica a nível municipal, aínda que de xeito case experimental. Isto supón o recoñecemento implícito do fracaso do modelo SOGAMA hexemónico en Galiza, baseado na incinaración e o vertido e defendido contra toda lóxica polos governos do PP. O horizonte de 2020 está á volta da esquina e cun 3,3% de reciclaxe, as ameazas de fortes sancións por parte da UE están comezando a mover os marcos da política de residuos do PP.

Dende ADEGA animamos á Xunta a abandonar a incineración e o vertido w pisar o acelerador da compostaxe da materia orgánica estendendo a todos os concellos a posibilidade de recollela separadamante. Non hai outro xeito de cumprir coa lexislación, evitar posíbeis sancións e poñer ao resto de Galiza na senda da reciclaxe tal como xa acontece con iniciativas como as da Mancomunidade do Barbanza, Allariz, San Sadurniño, ou a da Deputación de Pontevedra, sen ir máis lonxe.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal