ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / III Xornada de eliminación de invasoras no LIC...

03-07-2017

III Xornada de eliminación de invasoras no LIC Monte e Lagoa de Louro

O pasado sábado 1 de xullo, ADEGA desenvolveu unha actividade de eliminación de flora exótica invasora na contorna da lagoa de Louro (Muros). A actuación conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Esta xornada foi unha continuación dos traballos desenvolvidos en 2015 e 2016 na mesma zona.
A xornada comezou o sábado pola mañá no Centro Social de Louro, onde as 17 persoas participantes, de diferentes lugares de Galiza, recibiron unha pequena charla sobre a problemática que as especies exóticas invasoras producen nos ecosistemas dunares e nas lagoas. Tamén se comentaron os antecedentes de traballos desenvolvidos en lugares similares e das xornadas desenvolvidas en 2015 e 2016. ADEGA leva traballando na eliminación de especies invasoras con diferentes xornadas de voluntariado desde o 2011. Esta foi a terceira actuación no LIC Monte e Lagoa de Louro.

A continuación, o grupo desprazouse ata a praia de Area Maior onde se realizaron os traballos de eliminación da especie obxectivo: Opuntia sp. ou chumbeira. Esta planta, estaba colonizando a parte superior da duna, de onde se retirou en 2015 e 2016. Inspeccionouse a zona comprobando que non houbera ningún rebrote na zona traballada os anos pasados, aspecto que constatamos in situ. Nun único grupo, o voluntariado foi eliminando e recollendo as chumbeiras das leiras limítrofes á parte superior da duna. Os responsables do chiringuito “La Chumbera” fixeron unha intensa poda do exemplar que alí teñen, depositando os restos no contedor instalado polo Concello. Isto demostra que as actuacións desenvolvidas na zona teñen tamén un impacto na sensibilidade dos usuarios da contorna. Tamén se actuou sobre varios pes de Acacia melanoxylon, continuando así o traballo iniciado en 2016.
Todo o material vexetal retirado depositouse nun contedor de obra facilitado polo Concello de Muros, encargado tamén da súa posterior retirada. Este recipiente ten unha capacidade máxima de 3 m3. Todo o material retirado ocupaba a totalidade do contedor, polo que o volume  de plantas retiradas é de 2,5 m3.

Durante a xornada de mañá aproveitouse tamén a ocasión para retirar o abundante lixo que hai presente na parte superior da duna.
Ao mediodía houbo un descanso para comer e retomar folgos. Logo, o grupo desprazouse, facendo un pequeno roteiro, cara a lagoa para, por unha banda, observar as aves acuáticas da lagoa e identificar especies de flora autóctona, e por outra, seguir eliminando pes de B. frondosa. Ademais desta planta, actuouse sobre a Helichrysum foetidum ou falsa árnica da que medraban varios pes na contorna da lagoa. Volveuse a atopar a Hidrocotyle bonaerensis especie amplamente distribuída pola zona e que fai moi difícil a súa eliminación. Porén, en 2016 elimináronse varios exemplares dunha especie de Iris invasor que non foi atopado na quenda de 2017.
O voluntariado puido advertir tamén a cantidade de lixo de todo tipo que hai por toda a contorna da lagoa e que supón unha grave ameaza para a biodiversidade do lugar ao ser un foco de contaminación: cordas, restos de paneis interpretativos, plásticos variados e un acumulador de auga quente foron os tipos de residuos atopados. Por parte das administracións (DX de Patrimonio Natural, Concello de Muros, Demarcación de Costas, etc.) deberíase actuar para retirar este lixo da zona, que supón ademais un moi negativo impacto visual e paisaxístico de toda a zona.
As 6 da tarde puxemos fin á terceira xornada de eliminación de especies exóticas invasoras na praia e lagoa de Louro.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal