ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Día Mundial da Biodiversidade: restauración das...

22-05-2017

Día Mundial da Biodiversidade: restauración das dunas nas microrreservas de Fisterra

ADEGA, USC e concello de Fisterra desenvolveremos este día 23 actuacións para recuperar as dunas polo tránsito humano. Precisamente hoxe 22 de maio celébrase o Día Mundial da Biodiversidade co lema "biodiversidade e turismo sustentábel"

Entre as actuacións a desenvolver na actividade “Microrreservas de flora na ZEC Costa da Morte. Actuacións para preservación e mellora dos hábitats e da paisaxe rural litoral con implicación da poboación local de Fisterra” contémplase a restauración de perfís de duna degradados polo tránsito humano.

As actuacións programadas son necesarias en tres puntos concretos, localizados nas propias microrreservas ou na súa área de influencia, Estes traballos complementan as actuacións de eliminación de especies exóticas invasoras (EEI), valado perimetral e revexetación de zonas de reserva de flora no Rostro, Arnela e Mar de Fora, así como a colocación de paneis informativos nos accesos a ditas praias.

Estes traballos centraranse maioritariamente na revexetación das áreas degradadas, con plantón de Ammophila arenaria. O obxectivo é reducir a erosión e, ao tempo, contribuír a desviar os visitantes cara o camiño principal.
As plantas de Ammophila arenaria serán obtidas na propia praia, por entresaca de zonas de elevada densidade. Será prospectada a zona en busca de individuos axeitados, nestes exemplares será extraida parte dos caules subterráneos (rizoma), que se subdividirán para plantar individualmente na zona a restaurar.

Estas actuacións será complementadas nun futuro coa plantación de exemplares de Cakile maritima e Elytrigia juncea, procedentes de áreas de elevada densidade do entorno así como coa introdución de exemplares de especies arbustivas xunto con herbáceas características do hábitat (Gracia & Múñoz, 2009) e abundantes no entorno: Scrophularia frutescens, Helichrysum serotinum subsp. picardii, Iberis procumben e  diversas especies do xénero Euphorbia.

Se estás interesado/a en participar nesta actividade, anótate nos teléfonos: 650 261 283 / 981 57 00 99 ou no correo electrónico: viqui@adega.gal

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal