ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA alerta que o uso de velenos no monte segue...

09-03-2017

ADEGA alerta que o uso de velenos no monte segue a ser unha práctica xeralizada

En resposta á demora na aprobación do Plano de acción contra o veleno que vén de se informado polo consello da Xunta máis dun ano despois da súa presentación


ADEGA vén de preguntar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural polo número de lobos envelenados remitidos nos últimos meses ao Hospital Veterinario Rof Codina da USC en Lugo. O último, morto na provincia de Ourense a semana pasada.  E fai extensible a solicitude de información para determinar cantos exemplares, e de cantas especies ameazadas, teñen sido afectados e que accións de investigación ten emprendido pra dar cos responsábeis destas mortes.

ADEGA lembra que o uso de velenos é un delicto penal, mais son moi poucos os casos investigados que acaban sendo xulgados. O último, derivou nunha sentenza do ano 2010 na que se impuxo a pena mínima e multa de oito meses, a razón de seis euros diarios e non poder cazar durante un período de un ano, a dúas persoas de Dumbría que foran pilladas e gravados in fraganti colocando veleno nun poldro morto.

A pesar de que estas substancias teñen unha capacidade de eficacia destrutiva indiscriminada para calquera animal, e poden provocar un efecto xeneralizado e/ou masivo de envelenamento na fauna, a consideración social e as consecuencias penais non están a altura da ameaza, debéndose aplicar as previsións máis duras previstas polo Código Penal para este tipo de delictos. Por iso urxe a aprobación inmediata do Plan de Acción contra o veleno.

Especies ameazadas coma a aguia real (Aquila chrysaetos), tartarañas cincentas (Circus pygargus), voitres leonados, raposos, mesmo lobo, así como cans de caza, forman parte das especies máis danadas polo seu uso. Sorprende aínda que continúe colocándose estricnina, veleno moi difícil de conseguir, e polo tanto fácil de rastrexar a súa procedencia. Pero preocupa as novas formas de elaborar tóxicos moi potentes que acaban “rebentando e sometendo a unha agonía cruenta aos animais envelenados”, a base da combinación de cócteles con determinados químicos e mesmo fármacos de uso convencional que por separado non resultan perigosos.

O uso deste tipo de substancias ten unha alta casuística nos últimos 15 anos, e resulta xeneralizado para toda Galicia. Casos na Costa da Morte e en montes próximos a Pontevedra, o último no 2016, con uso de estricnina. A problemática en Lugo ten sido obxecto de mención dun informe da Garda Civil no 2014, en caso de envelenamentos masivos de cans de caza, citando concellos con alta incidencia coma Melide, Palas de Rei. Coñécese un grave caso dun oso nos Ancares, recordando da importancia que nestes momentos áreas como a Fonsagrada, Ancares e Courel teñen para a recuperación dos osos en Galicia. A provincia de Ourense tamén é unha zona de alta incidencia, con casos graves incluso no parque do Xurés (5 mastíns mortos no 2008). Segundo informe do SEPRONA no 2006, os lugares onde se rexistraron casos de veleno na provincia foron: Padrenda, Maceda, A Peroxa, Baños de Molgas, Barbadás, Castro Caldelas, Cortegada, A Gudiña, Lobios, Parada de Sil, Sarreaus, Toén y San Xoán de Río.

Por iso demandamos da Xunta que non demore máis a aprobación do "Plan de acción para a loita contra o uso ilegal do veleno no medio natural de Galicia” que foi presentado 8 de marzo de 2016 e vén de ser informado positivamente o pasado 9 de marzo, máis dun ano despois. Agardemos que non tarde moito en ser publicado no DOG para que surta efecto xa que cada semana de demora pode traducirse en máis mortes por veleno nos nosos montes.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal