ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA asiste á presentación do proxecto...

23-02-2017

ADEGA asiste á presentación do proxecto LitterDrone que se realizará no Parque Natural das Illas Atlánticas

ADEGA asistiu onte á presentación do proxecto LitterDrone que tivo lugar na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. O proxecto foi gañador da convocatoria BlueLabs, impulsada pola Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas (Easme) e financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. No proxecto atópanse implicados A Asociación Española de Lixo Mariño (AEBAM), da que ADEGA é socio fundador, a Universidade de Vigo, e a empresa Grafinta. Terá dous anos de duración e un orzamento total de 392.657€

Durante a xornada de presentación deuse a coñecer os obxectivos do proxecto, que se baseará no desenvolvemento dunha metodoloxía de observación e control remoto e automatizado do lixo mariño nas praias. O proxecto pretende crear unha ferramenta para a detección vía imaxe aérea da presenza de lixo mariño nas costas mediante a utilización de vehículos non tripulados (UAS) equipados con cámaras de alta resolución e que realizarán voos de entre 10 e 100 metros de altura sobre as áreas de mostraxe. Será a Universidade de Vigo a encargada de analizar os datos recollidos nas labores de campo e desenvolver a ferramenta que permita coñecer que tipo de residuos se atopan e en que cantidades.

ADEGA formará parte do equipo asesor que supervisará o proxecto durante estes 2 anos de traballo. Durante a presentación de onte, ADEGA deixou constancia da importancia de non perturbar ás aves presentes no Parque Natural das Illas Atlánticas, especialmente ás colonias de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) que adoitan criar nos areais da praia de Rodas (Illas Cíes). Trátase dunha das especies ameazadas que temos no noso País e da que quedan poucas parellas nas nosas praias, polo que requiren a nosa máxima atención, xa que a conservación da biodiversidade é unha tarefa de toda a cidadanía.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal