ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A Xunta, obrigada a indemnizar ao construtor que...

16-11-2016

A Xunta, obrigada a indemnizar ao construtor que destruíu parte do Castro da Atalaia de San Cibrao

ADEGA e Mariña Patrimonio responsabilizan ao Servizo de Patrimonio de Lugo e ao Concello de Cervo deste fallo xudicial por non ter atendido a tempo as súas peticións de inventariado do xacemento

Diante da recente sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Xunta a indemnizar a empresa construtora, responsable da destrución en 2007 de parte do castro da Atalaia, tanto ADEGA, que dende o comezo estivo ao lado dos veciños na defensa do castro, como Mariña Patrimonio, asociación que naceu a partir deste conflito, non temos ningunha dúbida de quen son os responsables no sucedido no caso do xacemento da Atalaia.

Para situármonos, cómpre lembrar o momento histórico no que tiveron lugar os feitos, un momento no que o boom urbanístico facía correr os cartos e permitía medrar a corrupción por todas partes. Coincidindo con este boom urbanístico, Promociones San Ciprián comezou a comprar fincas para edificar na Atalaia, lugar no que se atopa un xacemento arqueolóxico.

Por este motivo e co fin de evitar unha desfeita arqueolóxica, informouse persoalmente ao promotor sobre a existencia deste ben patrimonial; alén disto, o 29 de setembro de 2005, entregáronse no Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia ao tempo que se rexistraba un escrito advertindo sobre a compra de terreos para edificar nesta zona, polo que se solicitaba a protección do xacemento.

Por outro lado, como consecuencia das obras que o Concello de Cervo estaba a realizar na Atalaia para a construción dun observatorio de aves, os arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de agosto de 2006 a existencia na zona dun xacemento galaico-romano. Con todos estes datos, os arqueólogos de Patrimonio de Lugo tiñan a obriga de inventariar e de protexer este ben patrimonial, o que impediría que o Concello de Cervo concedese as licenzas para edificar sobre o xacemento da Atalaia.

Pola contra, o Servizo de Patrimonio de Lugo tardou nada menos que vinte meses en incluílo no Inventario; concretamente o castro da Atalaia foi inventariado o 19 de abril de 2007. Curiosamente, a véspera, o 18 de abril de 2007, o Concello de Cervo concedéralle a Promociones San Ciprián a última das licenzas.

A irresponsabilidade do goberno municipal de Cervo

Por tanto, dado que o concello de Cervo sabía da existencia do xacemento e, malia todo, non dubidou en conceder as mencionadas licenzas, o ex-alcalde José Insua e o seu equipo de goberno son tamén responsables da destrución no castro da Atalaia e de que Patrimonio teña que indemnizar agora ao construtor.

Cómpre non esquecer, ademais, que a sentenza abre a posibilidade de que o promotor lle reclame ao Concello outra indemnización por ter concedido unhas licenzas para edificar nun lugar no que sabían que existía un xacemento. Esta posible indemnización suporía que todos os veciños de Cervo teriamos que pagar polas actuacións irresponsables de José Insua e mais do seu equipo de goberno.

Por outra banda, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos felicitar a empresa construtora porque, malia ter destruído 1600m2 de xacemento arqueolóxico, conseguiu librarse das denuncias e porque, a pesar de ter na Atalaia un edificio ilegal que non cumpre as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, o seu edificio, de momento, segue en pé para vergoña de todos os cervenses. Tamén o felicitamos polos cartos que vai recibir da Xunta de Galicia, xa que non todos os construtores teñen a posibilidade de facer caixa dende que estourou a burbulla inmobiliaria.


Os danos colaterais no Patrimonio colectivo

Porén, cando uns ganan outros perden e, lamentablemente, as neglixencias e mais o desleixo do Servizo de Patrimonio de Lugo, xunto coa actuación irresponsable do concello de Cervo, van provocar inesperados efectos colaterais, dado que os cartos que recibirá o construtor sairán do orzamento que ten Patrimonio para intervir e para protexer sitios arqueolóxicos en toda Galiza. En consecuencia, esta sentenza non só afectará á recuperación de moitos xacementos senón que tamén prexudicará as empresas de arqueoloxía, que verán reducida a súa carga de traballo.

Pola demolición do edificio e a creación do Museo da Atalaia


Por todo isto, ADEGA e Mariña Patrimonio demandamos que a Dirección Xeral de Patrimonio actúe depurando as posibles responsabilidades do Servizo de Patrimonio de Lugo. Tamén lles solicitamos á Xunta e mailo Concello a demolición da edificación ilegal xunto coa expropiación dos terreos que o construtor ten no xacemento e , por suposto, demandamos a posta en valor dos restos arqueolóxicos xa escavados así como a construción dun museo arqueolóxico na Atalaia.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal