ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Xunta, finalmente, escava o xacemento das...

17-10-2016

A Xunta, finalmente, escava o xacemento das Catedrais onde negaba a existencia de cerámica romana

ADEGA e Mariña Patrimonio dámoslles os parabéns a todas as persoas e a todos  os colectivos que se moveron na procura dunha solución que evitase a desaparición do xacemento arqueolóxico do forno romano de Esteiro, afectado gravemente tralos temporais de marzo de 2014.  

Debido á inevitable destrución do sitio arqueolóxico pola acción do mar, tivemos claro desde o comezo que cumpría unha urxente intervención encamiñada a recoller os centos de fragmentos cerámicos dos dolium así como a documentar as estruturas do xacemento. Despois de terlle comunicado ao Servizo de Patrimonio de Lugo a situación na que se atopaba o forno de Esteiro, e  tras solicitarlle a recollida dos numerosos restos de cerámica, na súa resposta por escrito informaba textualmente: “Os técnicos deste Servizo fixeron unha inspección do xacemento o día 11.03.2014 e non  atoparon indicios de materiais arqueolóxicos mobles”.

Debido a esta insólita negación da realidade, oito colectivos culturais (Mariñapatrimonio, ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira e a Irmandade de Santo Estevo) xuntamos esforzos para promover voluntariamente a necesaria intervención arqueolóxica, polo que contactamos cun grupo de arqueólogos que  elaboraron un proxecto de escavación. Porén, unha vez máis, alguén desde Patrimonio decidiu boicotear unha acaída solución para o xacemento de Esteiro ao poñer como condición sine qua non a construción dun dique que protexese o xacemento das crecidas do mar.  O elevado custe que supoñía a construción do “imprescindible” dique obrigounos a renunciar  á mencionada escavación. Curiosamente, esta infraestrutura non foi necesaria para a escavación executada recentemente pola Xunta.

Malia todo, dámoslle tamén os parabéns á Dirección Xeral de Patrimonio por ter reconducido esta absurda situación e por ter asumido a intervención arqueolóxica que achegou novos datos do xacemento, permitindo documentar as estruturas do forno e conseguindo rescatar centos de fragmentos cerámicos cuxa existencia, nun principio, negaba o Servizo de Patrimonio de Lugo.  

As persoas que hoxe se acheguen ao sitio arqueolóxico comprobarán que o forno de Esteiro quedou novamente tapado e que non foi imprescindible construír o dique de protección que a nós se nos esixía con tanto celo. Sospeitamos que a finalidade da incondicional construción do dique non era a de frear o mar, senón a de frear a cidadanía que se move en defensa do patrimonio común.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal