ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O dique construído no río Miño en Lugo non pasou...

10-02-2016

O dique construído no río Miño en Lugo non pasou a avaliación de impacto ambiental

ADEGA, no seu nome e como parte do movemento “Lugo de cara ao Miño”, vén de presentar alegacións ao procedemento sancionador aberto pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil contra a empresa INCA e o Concello de Lugo pola construción dun dique no leito do río Miño incumprindo a Declaración de Impacto Ambiental e o Proxecto de Rehabilitación e aumento de caudal do aproveitamento hidroeléctrico da Fábrica da Luz de Lugo.

A través destas achegas, ADEGA insta ao Organismo de Bacía a que impoña as sancións oportunas e a que obrigue a empresa a retirar o dique executado cando as condicións meteorolóxicas e ambientais sexan óptimas para restituír o espazo afectado ao seu estado natural, dado que as obras do dique construído no recanto do Chapuzo (Saamasas) non pasaron a preceptiva avaliación de impacto ambiental, tal e como obriga a normativa relativa aos espazos naturais protexidos como Rede Natura 2000 e a Lei 1/2008 de Avaliación de Impacto Ambiental.

Estas obras foron realizadas en contra do disposto pola Declaración de Impacto Ambiental, ao non estaren contempladas nos planos do proxecto nin do Estudo de Impacto ambiental do mesmo, exercendo un impacto sobre os hábitats e as especies protexidas da zona que non foi adecuadamente avaliado. O dique foi construído fóra do emprazamento previsto no proxecto e nun período alleo á época de estiaxe do caudal do río Miño, en contra do que tamén dispón a Declaración de Impacto  ambiental e os informes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia. Estes últimos, sitúan o período de caudal mínimo neste treito do Miño nos meses de xullo, agosto e setembro e a execución das obras da ataguía tivo lugar a partir do 10 de novembro, por tanto, fóra da época de estiaxe.

Por outro lado, as características construtivas da ataguía obxecto de expediente sancionador tampouco se adecúan ao requirimentos establecidos polo Estudo de Impacto Ambiental e pola Declaración de Impacto ambiental para as infraestruturas deste tipo (ataguías) que si se contemplan no proxecto. A resolución da DIA é meridianamente clara ao establecer que deberán ser ataguías de rocha limpa que eviten o enlodamento das augas e outro tipo de impactos maiores durante a súa execución. Sen embargo, para a construción do devandito dique utilizouse terra e realizouse nun formato totalmente discrecional á vontade da empresa.

Ademais de non responder aos requirimentos da DIA, estas obras foron iniciadas pola empresa INCA a mediados de novembro sen a autorización expresa e preceptiva da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e sen o permiso, tamén preceptivo, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, organismo que tutela a conservación do espazo natural protexido como ZEPVN e Rede Natura 2000, saltándose, por conseguinte, a Lei de Augas de Dominio Público Hidráulico e a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza.

Recoñecemento implícito do impacto das obras sobre o mexillón de río

Para a nosa sorpresa, a empresa INCA acompaña nas súas alegacións contra este procedemento sancionador un informe no que establece arbitrariamente as medidas a adoptar para evitar a afectación sobre o mexillón de río (Margaritifera margaritifera) durante as obras de dragado da canle de derivación da fábrica da luz, para as cales, segundo a empresa, foi construído o dique. A través deste informe, INCA recoñece a posibilidade de que esta especie protexida, “de interese comunitario” e catalogada como “Vulnerable” no Catálogo galego de especies protexidas, estea presente na área de afectación das obras. Este feito é de especial relevancia por cando esta especie non foi recollida na avaliación de Impacto Ambiental do proxecto que avalou a Xunta de Galicia e aprobou o Ministerio de Medio Ambiente. Unha eiva da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto que non é única, xa que tampouco avaliou o impacto do proxecto sobre outras especies protexidas (unha en perigo de extinción) e presentes na zona afectada, como o nenúfar de río (Nymphoides peltata), o fento de río (Isoetes fluitans), a lontra (Lutra lutra),  Anodonta cygnea,  etc.

Para ADEGA este tipo de deficiencias non son asumibles nunha DIA da que depende o estado de conservación dos hábitats e especies pertencentes a unha zona catalogada como Zona de Especial Conservación Parga-Ladra-Támoga e Rede Natura 2000, ademais de ser zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Por outra parte, as medidas de mitigación do impacto sobre o mexillón de río propostas pola empresa non aseguran a protección da especie nin moito menos o seu mantemento nun estado de conservación favorable. Tampouco a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ten as competencias necesarias para determinar as medidas a realizar sobre a protección e conservación dos exemplares protexidos que habiten na área de actuación. Calquera acción  que incida directa ou indirectamente sobre as súas poboacións ou hábitat precisa da autorización expresa da D.X. de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio ambiente, aténdose á normativa ambiental relativa aos espazos de Rede Natura 2000.

Así pois, desde ADEGA consideramos que o dique construído no leito do río Miño incumpre varias normativas en materia de conservación e de augas e que non está amparado, como asegura a empresa, pola Declaración de Impacto ambiental aprobada. Por iso, instamos á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a que resolva este expediente sancionador obrigando á empresa a restituír o espazo afectado, desmontando esta infraestrutura que nunca se debera ter deixado consolidar nunha área protexida. Ao noso entender, desde que a CHMS tivo coñecemento dos inicios irregulares destas obras xa debera ter obrigado retirar o dique de forma inmediata e non mandalo reforzar, como así o ordenou.

Agardamos que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil atenda ás alegacións de ADEGA e faga cumprir a normativa ambiental que protexe as especies e hábitats que habitan este espazo natural de singular importancia.


Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal