ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 8 medidas básicas para racionalizarmos o uso da...

19-08-2015

8 medidas básicas para racionalizarmos o uso da auga sen agardar á seca

Perante a alerta de seca, ADEGA demanda tanto da Xunta de Galiza como das administracións locais, medidas que fomenten unha cultura da auga aforradora e eficiente, sen esquecermos as actitudes e medidas a ter en conta como usuarios/as

A auga é un recurso limitado e esencial para a conservación da biodiversidade, dos ecosistemas naturais, das paisaxes e do equilibrio ecolóxico. Compre rematar co seu desbaldimento e xestionala como o que é: un ben sen o que non poden vivir nen os seres humanos nen a natureza. Debemos traballar con visión de futuro por unha Nova Cultura da Auga, algo que é o cerne do debate en medio mundo e que aínda non ten chegado coa intensidade adecuada ao noso país.

ADEGA solicita por tanto a Xunta de Galiza e as administracións locais a aplicación de medidas urxentes e estruturais que redunden nunha xestión sustentábel da auga. Non abonda con medidas paliativas senón que tamén, e sobre todo, necesarias medidas a medio-longo prazo que permitan reducir o actual abuso no consumo da auga diminuir a contaminación, especialmente nos cursos fluviais, e os impactos ambientais derivados.

8 medidas básicas para racionalizar a xestión da auga a todos os níveis

1. UNHA XESTIÓN RESPONSÁBEL DUN BEN LIMITADO
Ainda tendo en conta o principio de corresponsabilidade compartida, -todos os axentes que forman parte do problema deben participar na solución-, as administracións, autonómica e local teñen o deber de xestionar este ben limitado. A Xunta debe sancionar con multas exemplares e dende os concellos se deben editar ordenanzas municipais que obriguen tanto ao concello como á veciñanza e ás e empresas a unha xestión responsable tanto no consumo como na depuración de augas. En canto aos usuarios/as e negocios, por exemplo, deberían instalar tecnoloxías aforradoras e os concellos non dar licenzas de novas construccións que non apliquen sistemas de aforro.

2. PENALIZAR O DESBALDIMENTO
Moitos fogares do noso pais non repercuten o uso da auga e tampouco teñen contadores individuais. A instalación de contadores individuais, obrigatorio na actualidade, permitenos coñecer o consumo e non estar pagando ou escondendo o desbaldimento doutros. Un Real Decreto e unha Orde Ministerial dos anos 80 recolle esta obriga, así como a Lei de augas 9/2010.

3. REDUCIR AO MÁXIMO O CONSUMO EN XARDÍNS E LIMPEZA VIARIA
En épocas de alerta como a actual, habería que reducir ao máximo o consumo de auga para rega de xardíns, limpeza de ruas, etc., e o resto do ano facelo moderadamante. Cambiar o modelo de xardinería actual de herba verde todo o ano por outro eficiente en auga con especies autóctonas, que precisen pouca rega, debería ser unha primeira actuación que iría acompañada doutras como o rego por goteo, evitar regar en horas de sol (xa que boa parte da auga se evapora) e por suposto non regar con auga potábel, facéndoo con auga de choiva almacenada ou con auga de depuradoras.

4. REDUCIÓN, REUTILIZACIÓN E RECICLAXE
Re-usar a auga da choiva: un sistema que permite aforrar auga potábel para rega de xardíns, o inodoro, e outras aplicación. Tamén Re-usar augas grises: as augas grises son as lixeiramente suxas recollidas da bañeira, lavabos e lavadora. Hoxe en día existen sistemas de depuración que mediante unha reciclaxe interna permiten empregar estas augas para a rega, cisterna, etc, evitando o consumo de auga potábel. Estes sistemas poderían aforrar uns 45 litros de auga en fogares e 60 litros na hostalaría, e reducen tamén a xeración de augas residuais. É especialmente indicado para urbanizacións e dependencias da hostalaría.

5. SISTEMAS ECONOMIZADORES NO FOGAR
Os sistemas aforradores para as billas poden supoñer un 50% do caudal sen que implique unha merma no servizo. A súa aplicación é universal, podendo atinxir a todas as vivendas, tanto novas como xa construidas, e dunha forma moi económica.

6. ELECTRODOMÉSTICOS EFICIENTES
Arestora existen electrodomésticos como lavadoras ou lavalouzas que teñen un consumo moi baixo de auga (menos de 71 litros por colada e de 23 litros para o lavalouzas), sistemas de prelavado ou posibilidade de empregalas a media carga. A mellor actuación, ademáis da información e a sensibilización social, é a aplicación de instrumentos fiscais disuasorios, cargando impostos sobre a venda de electrodomésticos pouco eficientes.

7. EDUCACIÓN AMBIENTAL
A Educación Ambiental é fundamental para acadar o éxito das medidas tomadas. Informar a cidadanía, facela partícipe do traballo a desenvolver así como reforzar positivamente e informar dos logros acadados é algo que debe levarse a cabo paralelamente á aplicación das medidas de xestión.

8. AFORRO E A EFICIENCIA ANTES QUE TRASVASES E CAPTACIÓNS
Antes de adoptar medidas de novas captacións e trasvases, como é o caso de Vigo ou Coruña para reforzar o submistro de auga a zonas deficientes débese facer un estudo do potencial de aforro especificado por sectores (doméstico, industrial, servizos, administración pública, etc.) e adoptar como primeiro paso todas aquelas medidas económica e socialmente viábeis antes apontadas, que son muitas.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal