ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Voltará o Sar algún día a ser río?

29-04-2015

Voltará o Sar algún día a ser río?

Sumidoiros vertendo dende hai meses directamente ao río

Membros da delegación Compostela de ADEGA nun recente percurso polo Sar dende a Colexiata até a Rocha puideron comprobar o pésimo estado ecolóxico do río e as súas ribeiras: verteduras directas de fecais, camiños abandonados e intransitábeis que impiden o uso público, obras recorrentes na canle que por veces fica completamente plastificada e vexetación de ribeira talada a matarrasa...

Seguindo o curso do río e uns 200m antes de Pontepedriña, podemos ver a tapa dunha boca de colector de residuais levantada e desprazada do seu sitio, e tamén o lugar por onde as verteduras chegan dende o sumidoiro ao río. Este punto de vertido ten escapes moi frecuentes e leva neste estado polo menos 2 meses. A presenza de restos "frescos" e o intenso cheiro a auga residual ndica que os vertidos nese punto son frecuentes.

Camiños de uso público abandonados e impracticábeis

Entre o Paxonal e Conxo os camiños de paseo dos parques están abandonados e impiden que a xente poida facer uso público destes espazos para o seu lecer. Estas rutas están intransitábeis en moitos outros puntos, mais o pior estado preséntao o treito entre a Ponte de Sar e o Multiusos.

Obras directamente no leito fluvial e eliminación do bosque de ribeira

Entre o Paxonal e A Rocha, e tamén en diversos treitos augas abaixo até A Silvouta, unha morea de obras teñen convertido ao río nunha canle de plástico, totalmente artificializada.
O bosque de ribeira, un hábitat prioritario por certo, estritamente protexido pola lexislación ambiental, fica arrasado en diversos lugares por centos de metros.
Non pode servir como excusa a realización do novo colector, que mesmo chega a discorrer pola mesma canle (para minimizar os custos das expropiacións, supoñemos). Estes labores poderían e deberían ser máis respectuosos coa contorna, minimizando os danos ao ecosistema fluvial, máxime cando a solución dunha nova depuradora non vai ser máis que transitoria. Nuns anos, de non acreditar noutros sistemas de tratamento máis ecolóxicos, descentralizados e brandos, e sobre todo, sen facer nada por reducir o enorme volume de augas residuais que produce a cidade e a súa carga contaminante, haberá que voltar a "abrir" o río de novo.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal