ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Nostián-Solución traslada ás candidaturas...

24-04-2015

Nostián-Solución traslada ás candidaturas políticas da Coruña as propostas para millorar a xestión do sistema

Medidas básicas propostas pola plataforma NOSTIÁN SOLUCIÓN aos grupos políticos diante das eleccións de maio de 2015

Os colectivos que conforman a plataforma NOSTIÁN SOLUCIÓN manifestan a súa preocupación pola actual situación da xestión do lixo na comarca, mais afirman que o modelo de xestión de residuos na comarca e a planta de Nostián seguen sendo válidos sempre e cando se reforce a recollida separada na orixe a través de campañas de concienciación e educación ambiental continuadas no tempo, se fomente a compostaxe doméstica e se introduzan novos avances como a recollida porta a porta. Consideran ademais que as empresas concesionarias dos servizos de recollida e tratamento do lixo deben garantir os resultados esixidos pola actual normativa, que se traducen nun mínimo de reciclaxe do 50-60% de reciclaxe de diversas fraccións (materia orgánica, vidro, papel, residuos de envases).
Por todo isto, tras 15 anos de mala xestión dos residuos no ámbito de Nostián, e diante do proceso electoral do vindeiro 24 de maio, a plataforma NOSTIÁN SOLUCIÓN preséntalle a todos os grupos políticos da Coruña e bisbarra unhas medidas básicas para encarar unha solución ao problema, e solicita dos referidos grupos a súa adhesión manifesta a estas propostas. Son unhas propostas mínimas que se deben entender no contexto do manifesto Nostián Solución elaborado e asinado polas entidades adheridas en xuño
de 2014.

Propostas para unha solución a Nostián

-Transparencia en todos os procesos de xestión dos residuos, con acceso á información por parte das cidadanía en xeral e dos colectivos e entidades sociais.

-Abrir canles de diálogo entre os colectivos e entidades sociais e as administracións responsábeis da xestión dos residuos

-Retomar e centrar os esforzos na educación ambiental e na concienciación e explicación do modelo de xestión e da recollida separada nos fogares, considerándoo como a condición chave para que a reciclaxe funcione.

-Adoptar os cambios necesarios en Nostián para a elaboración de compost coa fracción orgánica recollida separadamente na orixe (contedor verde), esixindo da empresa o cumprimento das condicións da concesión e os obxectivos para os que foi creada a planta.

-Introducir melloras no modelo de recollida separada en orixe, en particular a recollida porta a porta naquelas áreas onde resulte viábel, en particular na área metropolitana, así como nas Ordenanzas Municipais relacionadas coa xestión do lixo.

-Revisar as condicións dos contratos de recollida do lixo para adecualos aos obxectivos de recollida separada avanzada que estipula a lexislación en vigor.

-Fomentar a compostaxe doméstica en ámbitos de asentamentos dispersos e alí onde hai vivendas con horta ou xardín, así como en a compostaxe comunitaria en espazos públicos urbanos.

-Incentivar un consumo responsable tendente á redución do lixo, apoiando ás redes de consumo responsable e a produción local e de tempada.

-Adoptar as medidas urxentes necesarias para limitar os impactos ambientais da actual xestión (vertedoiros sen selar, vertidos incontrolados, destinos descoñecidos dos residuos...) con vistas á súa erradicación definitiva.

Colectivos integrantes da Plataforma:
ADEGA,
15M de Monte Alto,
CCOO,
Greenpeace
Liga Estudantil Galega
Zocamiñoca
Verdegaia
Rede de Dereitos Sociais
Comités
Arquitectos Sen Fronteiras
Fronte Cívica
CIG
UGT
Proxecto Integral
CUT

Formacións que se comprometeron por escrito a aplicar estas propostas:
BNG-Asambleas Abertas
Marea Atlática
PSOE
EU
CxG
EQUO
PODEMOS
ANOVA
Asamblea Cidadá de Cambre.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal