ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A Xunta autorizará a intervención arqueolóxica no...

18-03-2015

A Xunta autorizará a intervención arqueolóxica no forno romano de As Catedrais

O forno romano está situado na zona das Catedrais

Logo da reiterada reclama de Mariñapatrimonio, ADEGA e doutras 6 organizacións culturais para poder desenvolver un plan de recuperación do forno romano de Esteiro situado no espazo protexido das Catedrais, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de comunicar telefonicamente que autorizará de forma urxente a intervención solicitada polas entidades solicitantes e do grupo de profesionais destinados a tal labor no xacemento arqueolóxico.

As diferentes asociacións que respaldamos o Proxecto Arqueolóxico para o Estudo e Protección do forno romano de Esteiro queremos expresar a nosa satisfación pola resposta da Xunta e do Servizo de Costas, ao tempo que valoramos moi positivamente a reacción das administracións competentes ante as demandas da sociedade civil que, consciente da importancia que ten este patrimonio, reclama a súa protección.

Máis boas novas

Xacemento de Estabañón

Por outro lado, o departamento autonómico competente na protección do Patrimonio Cultural tamén nos avanzou que vai poñer en marcha medidas eficientes de coberta e protección do sitio arqueolóxico de Estabañón, unha vila-factoría romana que se atopa na praia da Area de Viveiro. A situación de deterioro que está a sufrir estoutro xacemento da Mariña tamén foi denunciada ante a Dirección Xeral recentemente  por Mariñapatrimonio, ADEGA e o colectivo “Pensamento e Sementeira”, polo que nos congratulamos de que finalmente neste caso a Xunta e o Servizo de Costas tamén atendan as nosas súplicas.  

A esta lista de boas novas comunicadas de xeito oficioso pola D.X. de Patrimonio Cultural, súmase a intención do departamento de avaliar e comprobar o estado no que se atopan todos os xacementos arqueolóxicos costeiros da Mariña.  

Charla informativa e roteiro

Restos de cerámica do forno romano de Esteiro

Para dar conta destes feitos que cualificamos de moi positivos para o noso patrimonio arqueolóxico e para informar sobre o roteiro do día 22 polos xacementos arqueolóxicos da costa, mañá xoves, 19 de marzo, Mariñapatrimoino organiza unha charla informativa na Casa das Letras de Ribadeo ás 20.30 horas, baixo o título “As Catedrais, tamén xacemento arqueolóxico”. Nesta cita, darase cumprida información sobre os valores patrimoniais do forno romano de Esteiro, a canle e as vetas auríferas das Catedrais, así como da presenza de varias minas romanas na Mariña lucense.

Así mesmo, lembramos que o vindeiro domingo 22 de marzo oito organizacións realizarán un roteiro por todos os xacementos arqueolóxicos mencionados e por outros da comarca ao que xa se apuntaron máis dun cento de persoas. Neste roteiro tamén informaremos sobre as últimos compromisos adquiridos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal