ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA lanza unha campaña informativa sobre a...

26-07-2024

ADEGA lanza unha campaña informativa sobre a problemática da recollida do lixo na Coruña

A organización distribuirá folletos nas rúas durante a vindeira semana contra a falta de información da veciñanza en torno á xestión do lixo.


A delegación territorial de ADEGA na comarca da Coruña inicia unha campaña informativa e divulgativa sobre a problemática da xestión do lixo na cidade da Coruña. A iniciativa coincide no tempo coa polémica e o malestar veciñal polos problemas coa xestión do lixo na cidade, debido á folga convocada neste intre no servizo de recollida do lixo. Un paro que agocha, en opinión da entidade ecoloxista, problemas de fondo que lonxe de resolverse, se perpetúan no tempo.

Este conflito serviu para detectar, ademais, unha falta de información xeralizada entre a veciñanza, que descoñece os motivos que orixinaron o problema actual coa recollida e, incluso, cal é o modelo de xestión do lixo implantado na cidade. Esta desinformación abre as portas a que persoas e colectivos con intereses particulares aproveiten o malestar veciñal para atacar o modelo de xestión de residuos que representa Nostián, que ofrece mellores resultados que o modelo que, por exemplo, pretende impor a dereita empresarial e a Xunta ao seu servizo en toda Galiza: SOGAMA. Un modelo ambientalmente ruinoso que incinera máis do que recicla. En concreto, un 47% dos residuos non industriais van parar á incineradora, mentres que en Nostián esta práctica é inexistente. 

Neste sentido, ADEGA editou un folleto informativo que comezará a distribuir por medio de voluntariado a vindeira semana nas rúas da cidade e nos seus principais eventos sociais. No pasquín, ADEGA explica á veciñanza a orixe e cronoloxía do conflito coa recollida do lixo que se vive na cidade, a posición da organización respecto da situación e as bondades do modelo Nostián, único na Galiza (xunto a Lousame) que funciona alternativamente a SOGAMA.

ADEGA, con todo, tamén sinala que o modelo de recollida húmido-seco de Nostián presenta eivas e ten ampla marxe de mellora, por exemplo, no que se refire á reciclaxe dos envases (Nostián recicla o 30%, e o obxectivo da UE está marcado no 55%). Lonxe, aínda así, atópase SOGAMA, que rolda do 3 ao 13% segundo a fonte. En definitiva, ante o fracaso de SOGAMA, ADEGA defende un modelo - coa marxe de mellora mencionada - como é o de Nostián na Coruña.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal