ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA Lugo presenta as III xornadas de verán "Os...

15-07-2022

ADEGA Lugo presenta as III xornadas de verán "Os catro elementos"

Nos meses de xullo e agosto, a delegación de Lugo de ADEGA organiza un ano máis, as xornadas de verán "Os catro elementos", coas que pretendemos achegar as persoas á natureza a través da poesía, atendendo aos cantos das aves, achegándonos a mámoas onde observar estrelas e reconstruíndo un valado de pedra coa técnica de xunta seca. Catro actividades, unha por cada un dos elementos.

TERRA Obradoiro de reconstrución dun muro coa técnica de xunta seca

Venres 22 de xullo de 17 a 20h en Albeiros, Lugo

Os valados en pedra seca son elementos característicos da paisaxe galega, pezas de gran importancia na conservación da biodiversidade proporcionando acubillo a numerosas especies. As diferentes tipoloxías e materiais, propios de cada zona, conforman a nosa paisaxe e identifican os usos tradicionais do solo. Neste obradoiro levantaremos un muro de pedra coa técnica de xunta seca, catalogada polo Comité de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

A actividade durará tres horas dende ás 17 ata ás 20h, e será preciso levar roupa de traballo axeitada.

Xose Manuel Fernández, membro de ADEGA – Lugo será quen nos guíe no traballo. As participantes recibirán o Manual de custodia de Valados, editado por ADEGA.





AIRE Andaina identificativa de aves a través da observación e dos seus cantos

Sábado 23 de xullo de 10 a 13h en Coeses, Lugo

Achegarémonos a Coeses, para facer unha iniciación na identificación de aves. Aprenderemos algunhas características das aves habituais deste tipo de hábitats, como son o cirrio, a pimpina, ou o reiseñor bastardo. Tamén aprenderemos a recoñecelas a través do seu canto, agardemos escoitar as variadas melodias da Folosa amarela (Hippolais polyglotta) e da papuxa das amoras.

Será Roi Cuba, presidente de ADEGA quen nos guiará nesta andaina.

Recoméndase levar uns prismáticos e guías de identificación de aves.





LUME Andaina nocturna e observación de estrelas

Venres 26 de agosto de 23 a 2h en Guldriz, Friol

Este ano acudiremos ata Friol para observar o ceo nocturno na finca Rego Salgueiro, na parroquia de Guldriz. Esta finca acaba de ser cedida por unha socia a ADEGA na que se atopa a mámoa nº2 da necrópole Costa de Mera, que segundo a Asociación Patrimonio dos Ancares, é única na Galiza, pois conta cun gravado dun sol no dólmen.

Nun pequeno percorrido nocturno, chegaremos ata a medorra, onde poderemos observar o ceo e as estrelas sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, guiaranos un ano máis nesta actividade astronómica.

AUGA: Roda poética e andaina ata a Fábrica da Luz

Domingo 28 de agosto de 11 a 14h no Paseo do Miño, Lugo

A poesía, presente en todas as cousas, pode ser unha potente arma reivindicativa. Nesta ocasión xuntarémonos ao redor dunha roda, na que contaremos con poetas de Lugo e da provincia, e con todas as persoas que queiran adicar unhas verbas á natureza, a auga ou aos catro elementos.

Ao rematar faremos unha andaina polo Paseo do Miño, comezaremos dende a Tolda e chegaremos até a Fábrica da Luz; para comprobar in situ os proxectos que se están a desenvolver na contorna do río Miño, a praia fluvial, as piscinas de auga quentada, a fábrica da luz... proxectos que acercan o cemento ao río.

Adela Figueroa poeta e presidenta de ADEGA Lugo, será quen nos guíe neste percorrido cheo de poesía.

Reserva a túa praza!

Todas as actividades son de balde pero é preciso inscribirse chamando ao 982240299 ou escribindo a adegalugo@adega.gal indicando nome, apelidos, DI e teléfono de contacto.

Recollendo as palabras do Zeca Afonso

...Vou aprender a lutar ao lado da Natureza
Vou ser camarada de armos dos quatro elementos
A táctica colonialista é deixar o Povo ao natural
Fazendo do Povo um inimigo da Natureza...

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal