ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O novo Plano Forestal da Xunta: Máis eucalipto e...

12-02-2021

O novo Plano Forestal da Xunta: Máis eucalipto e menos consenso social que nunca

A actual versión do Plano Forestal do PP é aínda máis produtivista e pirófila que a do ano 2018


Con respecto á versión do Plan Forestal exposta publicamente en 2018, a norma agora en trámite no Parlamento afonda aínda máis no seu carácter produtivista e eucaliptizador, que pretende camuflar invocando a neutralidade climática e os obxectivos de sustentabilidade da ONU. A xustificación da Xunta é “incrementar a capacidade dos montes para absorber gases de efecto invernadoiro”, que propón acadar co aumento da superficie forestal, particularmente de eucalipto e de piñeiro: Novas etiquetas para vellas receitas dun monte ao servizo de ENCE e das enerxéticas.

Máis cartos públicos para producir madeira e menos para unha xestión sustentábel

As medidas do novo Plano Forestal estrutúranse arredor de eixos, 5 para a primeira versión que presentou a Xunta en 2018 e 6 para o documento máis recente que enviou ao Parlamento. Unha diferenza importante entre elas é que o Eixo III "Dinamización socioeconómica sustentable do monte e a propiedade forestal galega para a súa incorporación á economía verde” da primeira versión desdóbrase en 2 na máis recente: "Xestión forestal e loita contra o abandono do monte”,  que trata do fomento da xestión forestal privada e da mobilización de terras, e “Recursos forestais e cadea monte-industria”, que fai explícita a aposta pola cadea monte-industria.

As diferenzas entre as dúas versións da norma refíctense tamén nos orzamentos, onde prima claramente a orientación ultra-produtivista fronte á xestión sustentábel. No primeio documento presentado pola Xunta propoñiase investir 2473 M€, aumentados finalmente a 3954 M€. Relacionando estas cifras coa distribución dos orzamentos por eixos, atopamos que na súa proposta incicial, a Xunta dedicaba ao Eixo I (conservación, servizos ambientais e loita contra o CC) un 22%  do orzamento total, que agora rebaixa ao 10,5%. E o groso dos cartos, un 37,6% do investimento corresponde a medidas produtivistas para activar a cadea monte-industria (Eixos III e IV).
Xa que logo, pódese concluir que durante o percurso administrativo do documento, a Xunta reduciu o peso dos obxectivos de ordenamento sustentábel en favor dos nidiamente produtivistas.

Unha planificación forestal baseada en datos desfasados é unha estafa

As referenzas documentais para establecer a nova planificación forestal parten de datos moi desactualizados: A ”fotografía forestal” a partir da que se incardinan as diferentes medidas de xestión é o IV IFN (Inventario Forestal Nacional) realizado para Galiza en 2009 e publicado en 2011, 12 anos nada menos! Alén deste grave desfase, a propia administración recoñece que non é quen de cuantificar a superficie real que atinxe o Eucalyptus nitens porque nos inventarios non foi posíbel diferenciala da ocupada polo E. globulus. Aínda así, a Xunta propón un aumento do 3% para o E. nitens... Do 3% con respeito a que superficie de referenza? Datos oficiosos asumidos polas propias administracións sinalan que moi probabelmente arestora as plantacións do xénero Eucalyptus atinxan a xa máis de 600.000 hectáreas.

Polo que respeita ás frondosas autóctonas, no IV IFN (2009) ocupaban 413.301 ha, e malia a que o Plano Forestal de 1992 recollía a obriga de realizar un Inventario, 29 anos despois aínda non está feito. Por tanto, en base a que se pretende facer unha “planificación sustentábel”? Malia a descoñecer a situación de partida, a Xunta propón tamén incrementar as cortas de madeira até os 12Mm3 (millóns de metros cúbicos), e a xeración de biomasa para “bioenerxía” até os 2,3 MT/ano (millóns de toneladas).

Máis eucaliptos, máis piñeiros e menos árbores autóctonas

A respeito da superficie proxectada para o eucalipto, o novo Plano Forestal prevé un aumento dun 3% no primeiro quinquenio de aplicación (2021-2025) e unha redución dun 5% con respeito á superficie actual (para o periodo 2036-2040). Tendo en conta que a estimación de superficie para o xénero Eucalyptus do IV IFN (2009) era de 307.984 ha, das que 40.000 poderían ser de E. nitens, como se pode falar de aumento ou redución se non se coñece a superficie real actual? (Estímase que arredor do duplo). A Xunta aponta que ese aumento inicial do 3% correspondería case en exclusiva ao E. nitens e a redución neta final do 5% explícaa pola “transformación” de eucaliptais degradados e por un maior “control administrativo”!? destas especies. Se a Xunta aplica o mesmo “control administrativo” que durante a anterior planificación de 1992 (prevía 245.000 ha de eucalipto para 2032 e hoxe supéranse xa as 600.000 ha), ENCE, FINSA, Greenalia et. al. terán que dispoñer máis cadeiras nos seus consellos de admistración.

Polo que atinxe aos piñeiros e outras coníferas, o Plano propón no seu horizonte de aplicación (2040) un aumento doutras 50.000 ha. E a respeito das frondosas autóctonas, prevense 11.699 Ha máis que con respeito ao que o IV IFN estimaba en 2009, dado que a Xunta non foi quen de realizar en 29 anos o inventario de masas previsto... Así pois, prevé unha superficie ocupada con especies autóctonas en 2040 de 425.000 Ha, mesmo rebaixando en 43.301 Ha os obxectivos con respecto á versión do Plano de 2018, que pretendía chegar ás 468.301 Ha.

En definitiva, trátase dunha norma que nace xa obsoleta, sen consenso, de teor fortemente produtivista e industrialista e coa que a Xunta pretende ademais “branquear” as décadas de desleixo administrativo e descontrol –intencionado- co eucalipto. Feijóo planifica para os montes galegos outras dúas décadas de abandono e lumes.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal